Marta Rodríguez Engroba
Respectar o xeito de vivir a dor de quen sofre, iso tamén é axudar
A madrugada do pasado domingo chegaba a tráxica confirmación da noticia dunha muller máis asasinada polo seu marido.
Manuela, de 79 anos, era acoitelada polo seu home, Hortensio, de 81, que se suicidou despois de cometer o crime.
Todo apuntaba a un novo caso de violencia de xénero, un caso ademais, demoledor para a familia, que convivían con eles, e que se atopaban pasando o día fóra da vivenda, polo que tiveron que pasar polo arrepiante trago de achar os dous cadáveres cando regresaron.
Ía dicir que as reaccións non se fixeron agardar, pero non estaría expresándome con propiedade.
Si se fixeron agardar, polo menos unha gran maioría delas, xa que as desgrazas que acontecen en domingo polo visto son menos desgrazas, que non é cousa de alterarse a fin de semana.
Xa se eso, o luns se deixa ver a consternación, a dor, a implicación e todo canto procede nestes casos.
Nin sequera en Lugo, a provincia onde vivo, na que este asasinato nos tocou moi de preto, na Pastoriza, houbo demasiado ruido. Non cesou, iso si, a crónica amarela, que desde o primeiro momento nos agasallou cos detalles máis morbosos coma se estiveramos a falar dunha novela negra.
O luns, cando xa tocaba deixarse ver e oir, comezaron, coma era de agardar, as convocatorias para os minutos de silencio e para as concentracións, esas concentracións ás que acoden quen realmente sofre, pero tamén quen atopa na desgraza o seu filón.
E, coma non podería ser menos, tamén as declaracións de sempre: "Eran unha parella que se quería moito", "nada facía presaxiar algo así", "estaban moi namorados", etc, etc, etc, dando a sensación de que todo o mundo vivía con eles e sabían o que sentían, o que pasaba na súa casa…..todo.
A dinámica era a de sempre que se produce un asasinato por mor da violencia de xénero, porque todo apuntaba a que era diso do que se trataba, e tanto en Si, hai saída como eu a título persoal, o asumimos coma tal.
Dito isto, e antes de continuar, quero deixar moi claro que o que vou expoñer non é a miña impresión persoal, senón sinxelamente a crónica dos acontecementos.
Se todos os crimes machistas son tráxicos, este tiña unhas connotacións que facían que o fora especialmente. A Hortensia non a matara ninguén alleo a familia, ou, dito doutro xeito, a familia non soamente tivo que pasar o trago do crime que segou a vida da súa avoa, senón tamén polo de asumir que o asasino fora seu avó, co que convivían, ao que querían.
Aclararon que o home sufría demencia, que o acontecido tiña que ser froito disto, que non tiña outra explicación, que quixo a casualidade que fora súa muller a que se cruzara no seu camiño nese momento, pero que, de ser outra persoa, tería corrido a mesma sorte…..En fin, cada quen puido sacar, e sacou, as súas conclusións, máxime cando ninguén, supoño, e seguindo a tónica sempre presente na violencia de xénero, era coñecedor do que sucedía de portas adentro da casa.
Ainda así, e en todo o seu dereito, manifestaron o desexo de que non se fixeran minutos de silencio, nin manifestacións públicas, algo, creo, totalmente comprensible, e, por suposto, moi respectable, porque non quero nin imaxinar o que estará a pasar esa familia.
Mais foi inútil.
A maquinaria xa botara a andar.
Esa maquinaria que, no nome do feminismo, da por feito que non se pode axudar a loitar contra a violencia de xénero doutro xeito que non sexa saír á rúa, que semella ser incapaz de entender que non todos os casos son iguais, e que a implicación, a loita, tamén pasa por ter a mínima sensibilidade e a elemental empatía que nos permita poñernos na pel daqueles que están a sufrir, como o estará a facer esta familia.
Eu podo chamarlle asasino a ese home, os que saíron á rúa tamén, non nos doe, pero non era noso avó, o noso pai, ao que entendo, e como xa dixen, que eles querían coma a ela. Ten que ser atroz tentar asumir unha desgraza de tal calibre.
E, fora como fora, o que ninguén ten dereito a cuestionar é o seu desexo de que a súa traxedia fique en privado. Por moito que pensemos que a teoría dun momento de tolemia do home é soamente íso, unha teoría, ou unha escusa coa que tentar paliar no posible o horror do acontecido.
Non se pode, ou non se debe, falar de liberdade, de respecto, de dereitos, pasando por alto os dos demais. Ninguén é quen para pasar por riba deles nin para dar por sentado que o seu xeito de actuar é sempre, e indiscutiblemente, o correcto.
E, volvo a repetir, eu, por descontado, tamén teño as miñas apreciacións persoais sobre este tráxico asunto, pero son so, persoais, e non podo nin imaxinar o que sentiría esta familia vendo o desplegue que se formou desoíndo por completo os seus desexos.
Non todo vale, nin siquera no nome do feminismo, e iso non é negar a violencia de xénero algo que, como todo o mundo sabe, tanto Si, hai saída como eu persoalmente condenamos coa máxima rotundidade, e o demostramos cada día, pero, por suposto, non damos por sentado que estamos na posesión da verdade.
Ignorar os dereitos máis elementais dos demais, impoñer as nosas directrices por riba de todo, está, e aquí si que estou a dar a miña opinión con toda claridade, en total contraposición co auténtico feminismo.
Iso é outra cousa á que prefiro non darlle nome.
Respectar a dor de quen sufre, o seu xeito de vivila, iso si é axudar.
Asociación Si, hai saída