Mar Seaxá
Feliz Nadal?
10, 9, 8, 4, 3, 2, 1! Agora si é Nadal! Veña, imos ser os máis felices do mundo! Xa noto como a miña vida cambia a mellor. A maxia do Nadal enche o meu corazón!
Estou abraiada coas luces do Nadal. Non sei cales van ser as mellores, se as de Madrid ou as de Vigo, pero que máis dá! Nunca estiven tan contenta como agora, case tanto coma os indíxenas aos que lle daban espellos a cambio de tesouros. Mirade coma brillan, tanto que fan esquecer todos os problemas do mundo.
Xa non hai xente morrendo en pateras, non hai desprazados nin nais chorando porque os seus fillos non teñen onde botarse a durmir nin que comer hoxe, nin mañá. Xa non hai Bolsonaros, nin Trumps, só hai mensaxes de Nadal do rei e misa do Galo retransmitida pola tele de todas. Todo o necesario para ser unha boa ciudadana cristiá.
Hoxe sei que non hai xente botándose a mercar coma se a súa tarxeta non tivera límite. Que non mercan os domingos nin os festivos porque saben que os empregados teñen a súa familia, ou non, pero que teñen dereito ao seu descanso. Como se non tiveran nenos hiperagasallados, que non lle dan valor a unha boneca que non leva complicados mecanismos ou ordenadores que fan que só lles falte
falar. Ah, non, que tamén falan e comprenden o que se lles di. Os bonecos saben o que teñen que dicir, os nenos non.
O Nadal faime comprender que a familia é o máis importante de todo, que para iso xuntámonos ao redor dunha mesa para cear cantidades vergoñentas de comida. A familia que cea xunta é máis feliz,é o culme do amor. Qué bello es vivir! Pesadilla antes de Navidad, durante y case sempre despois. Que non quero caldo? Pois Noiteboa, Nadal, Noite Vella, Aninovo e Reis. Un itinerario completo no que, de
seguro, atopareime coa realidade. Pero porei cara de ser moi feliz, que para iso é Nadal e de seguro nunca o pasarei mellor, cada ano supera ao anterior.
Panxoliñas en bucle dinnos que non hai penas, nin preocupacións, todo ben. Escoitareinas ata que as notas taladren o meu cerebro, unha vez tras outra. De seguro que se me vai pegar algunha, pero que sexa a dos peixes bebendo no río ou unha e Boney M. Ou algunha cantada por nenos repelentes, deses que teñen a voz aflautada.
Que non, que non me gusta o Nadal. Aínda así sendo alumna aventaxada do Grinch e seguidora de Mister Scrooge, deséxovos un feliz Nadal. E unha feliz vida, case mellor.