Marta Rodríguez Engroba
Desculpe maxestade, hai loitas... e loitas!
A pasada semana contaba neste mesmo espazo o case garantido desgusto que implica para min ler cada día a prensa ou ver os telexornais e comprobar o que nestes se reflicte a maior parte das veces en canto a violencia de xénero, e máis nas datas nas que estamos, co 25N ainda sobrevoando sobre as nosas cabezas.
Nesa ocasión eran as verbas do Presidente da Xunta, que se lamentaba da politización da violencia de xénero que, segundo el, estaba a facer a oposición (el non, faltaría máis!), asegurando ademais facelo no nome de todas as mulleres de Galicia, así, sen pestanexar, entre acto e acto deses que non politizan, pero que barren para a casa, que dando ninguén se fixo rico.
Pois ben, desta volta, a "perla" ven de instancias ainda máis elevadas, e deixa ben patente o que implica a loita contra a violencia machista para aqueles que manexan os fios e que atoparon, sen ningunha dúbida, nesta desgraza, o chollo da súa vida.
En plena "celebración" do 25N, e non errei o termo, nin, francamente, me desculpo por el, porque para moitos o 25N é eso, celebración, a raiña Letizia foi premiada pola súa implicación e o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero, seica, que dedicou, polo visto, "a todas aquelas persoas anónimas afectadas por esta lacra" .
Este premio recoñece a raíña como a personalidade máis destacada nesta "loita".
E eu pregúntome, que loita?, que fai esta señora polas mulleres que están a vivir no inferno, polos seus fillos?.
Con cantos deles falou?. Cantas das súas necesidades reais, dos atrancos cos que se atopan, dos tremendos fallos, das eivas do sistema que en non poucas ocasións as abocan a volver co seu agresor coñece?.
Con cantas mulleres que, precisando protección, non se lles da, falou? Con cantos fillos que perderon as súas nais asesinadas por mor da violencia machista se entrevistou? A cantas das persoas ou colectivos que traballa , que viven o día a día das vítimas, escoitou?
Teño a certeza de que, se admita ou non, todos coñecemos as respostas a estas preguntas.
Pero o máis alarmante para min non é isto, que xa é grave dabondo, por suposto, se non de onde procede a concesión deste premio, porque eso si que é para nota!
O galardón en cuestión, foi otorgado a raíña Letizia nin máis nin menos que polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, a institución, ou o que sexa, porque, francamente, non o sei, ou máis ben debería dicir que tal vez sexa máis prudente que cale a definición que se me ven a mente, que se supón creada para abordar o tratamento das devanditas violencias desde a Administración de Xustiza, non soamente "analizando" e elaborando estatísticas, que semellan ser os seus platos fortes e para as que non é preciso moverse dos despachos, agás para sair nalgunha foto, por suposto, se non promovendo medidas e iniciativas coa finalidade de erradicar estas violencias.
É dicir, para entendernos, se supón que se creou para buscar, atopar e aplicar solucións reais e eficaces.
Dito isto, se este observatorio, que, en teoría, debería estar máis que informado das auténticas e sangrantes situacións nas que se atopan as vítimas de violencia de xénero, considera que a raíña é un referente na loita contra esta, apaga e vámonos.
O que desde logo queda perfectamente claro é o negocio tan ben montado que existe en España ao abeiro da violencia machista, do que se van lucrando e beneficiando todas as instancias implicadas, nas diferentes escalas, e, o máis grave de todo, é o claro reflexo da importancia real que se lle da, do que significa para quen debería ser fundamental na loita para a súa erradicación: Un "chollo" máis, e ben productivo, por certo.
Hai algo máis que me chama poderosamente a atención.
O silencio sepulcral desas feministas radicais (e unha vez máis reitero o meu respecto e adhesión ao movemento feminista, pero non as que o desvirtúan contribuindo a súa excluinte radicalización) ante a concesión deste premio.
Non lles preocupa o que implica?.
É raro, moi raro, dado que abandeiran, según elas, a loita contra a violencia de xénero, ademais de deixar ben clara a súa postura antisistema.
Pero claro, unha cousa é portar unha pancarta nos días D, e outra moi distinta pronunciarse abertamente contra certas cousas. Prudencia ante todo!.
Igual son cousas miñas, que xa se sabe o rariña que saín, pero hai "conviccións" que non acabo de entender….ou si, e case preferiría non facelo.
En fin, unha vez máis as noticias me deixaron ben claro que, no que atinxe a violencia de xénero, non soamente non avanzamos, se non que cada vez se mercantiliza máis, co cal o seu asentamento está máis que asegurado, así que, por todo isto, permítame maxestade que lle diga que, na miña humilde opinión, e por moitos premios e recoñecementos que un poida recibir, hai loitas……e loitas.
Asociación Si, hai saída