Pedro J. Peón Estévez
Alguén revoou sobre o ninho do Cuco
A profesora Concepción Boullosa viviu no lugar das Cocheiras ( Lourizán ) nunha pequena e fermosa casinha entre a estrada e o calmo mar da enseada. O trole, no que ela ía e vinha do trabalho no Instituto de Pontevedra, tinha parada xusto a carón do seu xardín que estaba pechado por cancela e grades metálicas que, en certa ocasión pintou o meu pai de cor verde coa minha pequena pero entusiasta axuda. Lembro que, unha vez rematado o trabalho, ela convidounos á sua casa. Lembro ficar abraiado polas pinturas de natureza e paisaxes feitas pola sua man que penduraban aquí e alá nas paredes. Lembro ós seus sobrinhos madrilenhos Julia e Julián veraneando no seu lar. Lembro aquel arrecendo a limpo, a orde, a silencio.
Dona Concha semelhaba ser unha Ágata Christie ou a sua alter ego Miss Marple con aquel seu eterno e discreto sorriso que irradiaba xentileza e bondade. Senhorío e humildade; iso é.
Un seu coetáneo, vecinho e colega foi Carlos Sobrino, quen non precisa presentación. A sua obra pictórica é patrimonio cultural galego. Nos mosaicos da Alameda de Pontevedra deixounos unha pequena mostra do seu arte. Dicía eu, non hai moito, que o seu chalet sito no barrio da Igrexa, fora bautizado como " Monte do Signo ", ou así rezaba unha placa que alguén fixara na columna da cancela, xa falecido o home, na que se aprezaba un grande erro. O verdadeiro topónimo era " Monte do Sino " que ten un significado totalmente diferente. O tal monte é un promontorio de escasa altitude próximo á ría de Pontevedra e rodeado polos lugares de Gandarela, San Gregorio ( hoxe erradicado sen que se conheza razón algunha ), Lourizán ( hoxe Igrexa ) pola banda norte - oeste e A Torre maila Almuínha polo nacente.
Indo por un caminho montesío que parte da Escola de Enxenheiros Forestais, axinha atoparemos unha base feita de pedra case circular. Sendo eu moi novo lembro ese lugar estrado de vidro esmagado e algúns elementos de forxa ciscados polo chan que, tempo atrás formaban parte do mirador de Montero Ríos. É un lugar moi especial pois, sen ser moi alto domina a práctica totalidade da ría. Pero xa moito antes naquel preciso lugar houbera unha campá de alarma e cando os piratas, normandos ou ingleses, entraban na ría, o sineiro de Lourizán tanguía o sino sen acougo e os povos do fondo da ría ( Pontevedra incluída ) tinhan tempo de se por a cuberto e organizar a defensa. Ese topónimo é moi importante e non debe perderse como outros pola ignonimia dos colonizadores ( modernos piratas de terra adentro ).
Preto dalí ubícase a minha Gandarela, As Cocheiras e a casa de Dona Concha. Ver o actual estado desta quinta é algo que arrepía de entrada para dar paso a unha sensación de impotencia, mágoa e tristura. Vexamos: O que noutrora era arboreda e mar trocouse nun muralhón en forma de ele que é a entrada de Ence. Ademais, e non sei con que finalidade, armáronlhe recentemente un pasilho aéreo que chaman "plataforma peatonal" ou cousa así que ainda achica máis o espazo. Cara a Marín está o paredón cego dun establecemento hostaleiro. Estas tres paredes de fornigón e tixolo pechan o esceario onde se representa esta silenciosa traxedia; o cadáver da víctima esmorece no centro da escea comesto pola vexetación desordenada e vizosa. Afóra, o seu verdugo gábase do seu poderío ceibando fume ós catro ventos. Case fronte a este desaguisado hai un paso de peóns pero, por favor; NON o utilicen! A non ser que pretendan suicidarse. En todo este recanto fican certas reminiscencias ciclofóbicas.
Que pasou aquí para acadar tal estados de cousas? Coido que para albiscar algo de luz, cómpre recuar algunhas décadas no tempo. Parte da resposta pode acharse no BOE do 24-01-1962 que di así:
Resolución da Delegación de Industria de Pontevedra referente ao expediente de expropiación forzosa de terreos con destino a un acceso desde a estrada Pontevedra-Cangas á fábrica propiedade da empresa nacional de "Celulosas de Pontevedra S.A." no lugar de Lourizán, termo municipal de Pontevedra.
Declarada dita empresa de interese nacional por Decreto do 15 de novembro de 1956 con dereito de expropiación forzosa na amplitude determinada no artigo 6 do 10 de febreiro de 1940.
Esta Delegación dispuxo que aos quince días a contar do seguinte ó da publicación desta Resolución no BOE e a partir das dez horas, se proceda polo representante da Administración, acompanhado dos peritos e o Alcalde ou concelheiro en quen delegue, ó levantamento sobre o terreo das actas previas á ocupación das fincas que a continuación se rtelacionan, previndo ós interesados que en dito acto poden facer uso dos dereitos que lhe concede o artigo 52 da lei mencionada.
Relación das fincas que se citan con expresión do número do plano parcelario, nome do propietario, cultivo e superficie.
1. Matilde López de Castro. Eucaliptar, 25’35 metros cadrados.
2. María Rosa López de Castro. Eucaliptar, 209’25 metros cadrados.
3. Teresa López de Castro. Eucaliptar, 411’45 metros cadrados
4. Mercedes López de Castro. Eucaliptar, 931’35 metros cadrados.
5. Concepción Boullosa. Eucaliptar, 102’72 metros cadrados.
Tódalas fincas situadas en Lourizán (Pontevedra), entre a estrada Pontevedra-Cangas (kilómetro 2.600) e o ferrocarril a Marín en construcción.
Pontevedra, 3 de xaneiro de 1962 - O enxenheiro xefe, Pedro Ruibal.- 214.
Esa pode ser parte da resposta, mais non toda, como xa dixemos.
Conhecendo o lugar dos feitos, non se atopa razón que impedise desprazar a entrada da factoría 50 metros cara Pontevedra ou 100 ou 200 cara a Marín liberando así esta vivenda (a única existente (naquela altura) nun longo tramo de estrada). Dá a impresión de que foron a por ela, senón…por que non a expropiaron toda? Que había no fondo deste asunto? Represalia, vinganza, abuso de poder? Coido que nunca o saberemos.
De calquera xeito,onde queira que vostede estea Dona Concha, repouse feliz e en paz.
Entanto, sobre o ninho do Cuco (o pazo de Montero) revoa unha bandada de voitres e gaivotas…
… E son sempre os mesmos carronheiros.