Tribuna Viva
A loita comunitaria das mulleres en Colombia e Nicaragua
A defensa dos Dereitos Humanos, a loita pola igualdade de xénero e a importante labor que a muller desempeña para acadar estas metas en países como Nicaragua ou Colombia son algunhas das temáticas que as activistas Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Alicia Valencia Cuetia abordarán o martes, 19 de novembro, na conferencia que impartirán no Salón García a partir das 19.00 horas.
A actividade, organizada pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, leva por título "A loita comunitaria das mulleres en Colombia e Nicaragua" e nela, tanto Georgina Molina, activista feminina e defensora dos Dereitos Humanos en Nicaragua, como Alivia Valencia, firme impulsora dos principios da Carta da ONU en Colombia, exporán dende a súa experiencia persoal a situación nos seus respectivos países e os pasos que se están a dar para avanzar no cumprimento destes dereitos e da igualdade como base do desenvolvemento xusto e igualitario das sociedades.
A persecución contra organizacións e persoas defensoras de dereitos humanos aumentou de forma exponencial en todo o mundo. En 2018, 321 persoas defensoras de 27 países foron asasinadas polo traballo de incidencia e denuncia que levaban a cabo en organizacións e movementos sociais. É o número máis alto rexistrado nunca, segundo os datos recompilados pola organización Front Line Defenders.
A expansión das actividades extractivas e os agro negocios a gran escala multiplicaron os conflitos territoriais e dispararon de forma alarmante os índices de violencia contra as persoas que defenden a auga, a terra e os bosques así coma os dereitos das mulleres e das comunidades indíxenas, afrodescendentes e campesiñas.
Máis de tres cuartas partes (77 %) das persoas defensoras asasinadas eran activistas ambientais. Por outra banda, as desigualdades que afectan á poboación de moitos países empobrecidos sumada ao autoritarismo dos seus gobernantes traduciuse os últimos anos en protestas masivas da sociedade civil que foron respondidas con represión e violencia.
As mulleres defensoras de dereitos humanos, ademais de ser obxecto das mesmas ameazas que os homes, sofren violencia de xénero (violencia sexual, desprestixio, exclusión de cargos públicos…) por parte de actores estatais e non estatais, así como dentro dos propios movementos de dereitos humanos.
Para dar a coñecer as causas e consecuencias globais que están a provocar esta situación e visibilizar exemplos de loita e resistencia, contaremos coa participación de Alicia Valencia Cuetia (Colombia) e Georgina de los Ángeles Molina Rivera (Nicaragua) que, debido ao seu traballo como defensoras víronse obrigadas a marchar dos seus países.
Alicia Valencia Cuetia é defensora dos dereitos humanos en Colombia e orixinaria de Nasa, no municipio de Corinto, ao norte do Cauca colombiano. Desde moi nova é membro da Asociación de Cabildos Indígenas del Norte del Cauca (ACIN) e da Guardia Indígena. Foi autoridade indíxena do territorio de Corinto e Coordinadora do programa Mujer. Actualmente atópase participando no Programa Catalán de Proteción para defensoras e defensores de Dereitos Humanos.
Georgina de los Angeles Molina Rivera é activista feminista defensora de dereitos humanos en Nicaragua. Tamén é psicóloga especialista en tratamento e acompañamento de agresións e abusos sexuais con doce anos de experiencia de traballo con distintos colectivos do país. Fuxíu de Nicaragua como consecuencia da violencia e a represión do goberno de Daniel Ortega contra a sociedade civil organizada. Actualmente é solicitante de asilo político no Estado español.