Celso Xavier Milleiro Sánchez
Constitución
Son politicamente incorrecto: non apoio a Constitución Española de 1978.
Nuns días celebrarase o aniversario da Carta Magna que cuestiono por varias razóns, entre elas a falla de recoñecemento do dereito de Galiza a decidir e porque sostén un réxime anacrónico como é a monarquía.
Son días de encomiar á máxima norma fundamental do Estado Español. Mais quen a enaltecen adoitan incumprila, a poñela a disposición de intereses espurios e non ao servizo do pobo. Semellan ter patente de corso.
O ano pasado o Concello de Marín repartiu polas institucións escolares pulseiras coas cores da bandeira do Reino de España. Algúns centros negáronse con acerto, porque consideraron que non se axustaba á celebración. Un agasallo que non explica valores como o dereito á sanidade pública e universal, ao traballo, á vivenda, á protección do galego, pensións, etc. Cerimonias que agochan o interesante, moitas bandeiriñas mentres privatizamos a sanidade, devalamos o ensino público ou baleiramos Galiza de xente e tecido industrial. Anulan un Estatuto de Autonomía que podería ser clave para o desenvolvemento económico de Galiza, estancada de contidos e sen medrar as súas competencias, porque non se cre nel.
Unha Carta Magna ten que ser unha ferramenta de convivencia, para resolver os problemas cotiás e non un tótem inservíbel ao cal adorar.