Manuel Pérez Lourido
Viguismo a gogó
Igual que cada ano o alcalde de Vigo aproveita para facer promoción da cidade (e de si mesmo) aproveitando co Pisuerga pasa por Valladolid, quero dicir, que no Nadal se iluminan as rúas para incitar (máis aínda) ás compras, eu tamén aproveitarei para escribir sobre o tema.
Últimas noticias: xa van catro autobuses cheos que viaxarán de A Coruña o día 30 para ver o alumeado vigués. O insólito do caso non é que eses autobuses veñan de A Coruña, que xa lle ronca, senón que o farán cheos de coruñeses. Iso hai que velo. Propoño levar un notario, un historiador e unha polbeira do Carballiño (que vai ben para calquera cousa). Uy, que dixen. Recúo: propoño levar unha notaria, unha historiadora e un polbeiro do Carballiño. So sorry.
Seica un empresario da cidade herculina levou un golpe na cabeza e, tras 25 anos no sector do transporte, ocorréuselle facilitar que os coruñeses que tamén sufriran golpes na cabeza puidesen viaxar a ver como o alcalde de Vigo alumeaba a cidade cos cartos dos vigueses (incluíndo aqueles vigueses que en troques dun retorno económico pola súa actividade hostaleira ou comercial, só tirarán desa iniciativa unha revisión ocular a conta do seguro que teñan).
Agora vou dicir algo polémico, por vez primeira: non vexo eu a vigueses enchendo autobuses para viaxar a A Coruña para outra cousa que non sexa o derby futboleiro. Isto non sei se fala ben duns ou de outros, ou da miña vista, ou dos prexuízos que tanto tempo e traballo me levou xuntar. Aí o deixo.
Falemos agora das máquinas que botarán neve en Vigo durante dous minutos de cada hora no mercadiño de Nadal, e que foron anunciadas deste xeito polo seu promotor: "el alcalde, que ya controla bastante bien la lluvia y el sol, ahora va a controlar la nieve", referíndose a si mesmo en terceira persoa como fai a xente que se refire a si mesmo en terceira persoa: estrelas do rock, vocalistas de orquestras de verbena, tolos, persoas que se cren o seu propio personaxe, etc, etc
O asunto de "controlar la lluvia y el sol" haberá que atribuílo a algún golpe na cabeza, que non son exclusivos dos coruñeses.
Con tanto "viguismo" tememos que se estea a provoca unha pandemia. Unha cadea de librerías de ámbito estatal acaba de tomar unha iniciativa na súa sede de Vigo. Podería ter tomado as de Villadiego, que é o destino por desgraza de moitas librerías, pero, precisamente para non ter que acabar aí, veñen de adicarlle un curruncho do establecemento á literatura relacionada coa cidade olívica. Descoñecemos se Caballero exisirá inaugurar ese recuncho ou poñerlle luces.
Agora tería que comezar a soar "Living la vida loca" de Ricky Martin (creo) e quedaría isto mallado.