Marta Rodríguez Engroba
Que paren novembro, que eu quero baixar!
Hoxe voume tomar a liberdade de arrancar este artigo "roubándolle" a reflexión a un amigo, que agardo me perdoe o "delito".
Estou segura, eso sí, de que me vai entender.
Expresaba este amigo a súa dor porque nunha rede social aparecía, como aviso para que non esquecese a data, o aniversario dunha muller que cumplía ou, mellor dito, cumpliría, un ano máis.
E digo cumpliría porque esa muller é, ou tal vez, por desgraza, debería dicir era, M. Carmen Vázquez Cereijo, a muller asasinada a coiteladas en Vilalba pola súa ex parella o pasado mes de Xullo, malia ter unha orde de afastamento e manifestar ela en repetidas ocasións o seu medo.
Como adoita pasar sempre que o sistema falla estrepitosamente, e unha vítima de violencia de xénero, malia ter dado o paso de denunciar ao seu agresor e pregar protección, é asasinada, o máis absoluto mutismo instaurouse desde o momento no que remataron os consabidos minutos de silencio, as lecturas dos manifestos de rigor, e as pertinentes declaracións aos medios de comunicación.
Aínda a día de hoxe non se depuraron responsabilidades, e, si se fixo, foi as agochadas, ao caladiño, porque hai cousas que é mellor calar e que fiquen no esquecemento.
Claro que sempre queda a posibilidade de botarlle a culpa a ela, a vítima, algo que non é raro.
Por desgraza, a traxedia de M.Carmen non foi a última, e a violencia de xénero continuo sementando dor e morte, mes a mes, ata chegar a este no que nos encontramos, Novembro, o mes da "concienciación" por excelencia, un mes que, para moitas mulleres que están a sufrir o inferno da violencia de xénero, para os que o vivimos con elas día a día, para min mesma, é, máis que unha homenaxe, unha auténtica aldraxe.
En canto o mes de Novembro comeza a albiscarse, o mercadeo da dor arranca.
É absolutamente indecente ver como, cada ano, aqueles aos que a violencia de xénero, as súas vítimas, lles trae sen cuidado durante todo o ano, para, de súpeto, e con un descaro sen precedentes, no mes de Novembro abandeiran toda aquela acción que lles procure notoriedade, un bo sitio na foto e, moi importante, sona nos medios de comunicación. A desvergoña mais indecente instálase ata o día 26, no que xa rematou a implicación e a sororidade, e tan so o "refugallo" dalgún que outro acto de carácter máis "divulgativo" que non conseguiu atopar oco nas ateigadas axendas se vai facer notar ata o 8 de Marzo, no que as conciencias espertarán de novo durante unhos días.
Se esta é a nota dominante cada ano, neste 2019 a proximidade entre as eleccións e a data de marras, fixo que este afán impúdico de deixarse ver e escoitar estea a acadar cotas dunha desproporcionada desfachatez.
Asistimos a unha auténtica e noxenta competición na que cada quen, no eido político, se afana en anunciar"packs" de medidas que, polo visto, e malia que o número de vítimas medra case de día en día, non se decataran ata agora de que eran precisas.
Fixaches de apoios con tirón, anuncios de xenerosos orzamentos, promesas de solucións, todo serve, con tal de sumar votos e "rascar" os daqueles que ainda non teñen claro por quen apostar, ou se apostan por alguén.
Tampouco o asociacionismo, no que, por mais que se mire a outro lado, é sabido que de todo hai, fica alleo a este oportunismo, e os eventos sucédense, sendo, como é lóxico, directamente proporcional a súa ostentación as prebendas recibidas e as suás afinidades ideolóxicas. De feito, unha cousa é consecuencia directa da outra.
É alucinante como mesmo colectivos que nada teñen que ver co eido da violencia de xénero, descubren un bó día, achegándose Novembro, como lles move a causa e son, nestas datas, o perexil de todas as salsas, mentres que os que optamos por traballar sen ataduras, por pura convicción, porque realmente cremos no que estamos a facer, durante todos e cada un dos días do ano, nos volvemos aínda máis incómodos do que xa somos habitualmente, e se tenta por todos os medios neutralizarnos na medida do posible.
É este un mes difícil, realmente duro, no que vemos como, ano tras ano, o de menos é esa loita contra a violencia de xénero que se utiliza como excusa para o propio beneficio, no que non se ten en conta o sufrimento que supón para moitas mulleres ver o espectáculo no que convirten a súa dor, o seu pánico, o dos seus fillos.
Que tristura tan grande!
Por eso, e o digo de corazón, desexaría ter a facultade de, malia que fora por un só segundo, poder parar este mes de Novembro, e apearme del, porque teño que confesar que hai días nos que penso que xa non podo máis.
Asociación SI, hai saída