Pedro J. Peón Estévez
Na orela do mar radiante
O cronista dixo: "Ata que apareceu D. Arturo, a humanidade ignoraba que vivía nas costas dun mar radiante, vasto océano cósmico que deita sobre nós ondadas de radiación invisíbel. Trilhóns de partículas subatómicas. Raios cósmicos"
O recente descubrimento dun "burato negro" a 53 anos-luz no medio dese "mar radiante", é un fenómeno astrofísico que intuíran Einstein e Hawking hai xa moito e do que, por fin, seica temosimaxe fïsica grazas a anos e anos de investigación, milheiros de fotos de altísima definición e milhóns de dólares dilapidados. O resultado non puido ser máis satisfactorio, aínda que o tal burato semelhe un donut de laranxa e amorodo, e conste que non pretendo rir de tan soado logro científico pero, na minha ignorancia, isa foi a primeira impresión que me veu ós miolos en vendo a foto no xornal. O positivo deste feito foi que me fixo lembrar a D. Arturo, o máis brilhante pero inxustamente esquecido dos nosos científicos do século XX grazas á insidiosa ignorancia da grei franquista.
Esta lembranza lévame 60 anos atrás, ó bairro de San Xosé, na moi sombriza Pontevedra de posguerra. E aí estou eu, bolsa de pan de Carral en bandoleira, chantado de pé no antergo bar Palacio pasmando coa, daquela, incipiente televisión que espallaba defectuosas imaxes en branco e negro entre sarabias e múltiplos cortes con cartas de axuste. Emitían a extranha reportaxe dun complexo laboratorio atendido por científicos de brancas batas que ían e vinhan mentres unha voz en off, coma aquela do Nodo, deitaba palabras inintilexíbeis das que só dúas ficaron gravadas no meu disco duro para os restos: " Raios Cósmicos ". A noite aquela paseina cismando cos devanditos raios ( que eu imaxinaba relampos ) e facéndome unha insistente pregunta: "Como era posible saber tanto?" Aínda andei uns días cavilando naquelas cousas; imaxinando, especulando…con quen podería eu falar do tema daquela?, cos companheiros do Laboral?, rirían de min; cos mestres?, tomaríanme por tolo. O instinto aconselhoume calar. Intuín algo escuro tras daquel misterio. E non me trabucaba. Eran aqueles, tempos de moito calar.
Andados uns anos oio dicir, de pasada e tamén na tele, as intrigantes palabras: " Raios Cósmicos ". Desandei un par de pasos e planteime fronte á pantalha. Nela, unha dona falaba do seu pai, de como fora represaliado, enganado, de como o seu laboratorio apodrecía no soto da UCM…Cando eu xa tinha case esquecido o tema chégame aquela información que o meu subconsciente axinha relacionou co documentario científico que vira anos atrás. Anos despois, en Madrid, atopo nun posto de livros usados, unha colección duns chamados cadernos Caum. Apanhei un que levaba por título "El exilio científico español" sospeitando que continha algunha información do que levaba anos procurando e así foi. Despois de analizar a precariedade da ciencia en Espanha xa comezado o século XX, con relación ós países do entorno que, trala ilustración, abriron espazos ás ciencias e a cultura en xeral, pasa o caderno a contar, de xeito moi resumido a vida e obra do profesor abulense Arturo Duperier Vallesa ( 1896-1959 )
D. Arturo nace en Pedro Bernardo, unha vilinha da provincia de Ávila enclavada na aba sur da serra de Gredos que recibe o sobrenome de " Balcón del Tiétar " polas belas vistas que ten sobre o Val e os montes de Toledo. Filho do boticario e da mestra da vila, aprende dela o primeiro ensino. No bacharelato destaca como estudante exemplar e en 1919 bilicénciase en ciencias Físicas e Ciencias Químicas con brilhante expediente pasando a colaborar estreitamente co seu mentor o profesor Blas Cabrera, daquela referente mundial da Física. Trabalhos seus dese tempo son "Estudio temomagnético del agua" ou "Propiedades magnéticas de las tierras raras" Formaba parte da xeración de profesores " a idade de plata da Ciencia " que modernizaron a Física en Espanha arrincándoa das catacumbas medievais en que a tinha soterrada a secular ignorancia do fundamentalismo católico. Cómpre aclarar que D. Arturo era católico practicante, ( digo isto por se alguén pretende ver nel algún tipo de anticlericarismo ) Cousa que non deixaba de ser compatíbel con que fora leal á república, o governo democráticamente establecido.
Asimesmo salientou no campo da Meteoroloxía, electricidade, magnetismo ou xeofísica pero onde destacou a nivel internacional sen dúbida foi no eido da localización, experimentación e estudio da radiación cósmica tecendo os primeiros mimbres da moderna Física de Partículas.
Sería moi extenso abordar o seu brilhante currículo aínda resumíndoo. Quen quixese afondar no tema atopará, sen dúbida, sobrada información polo que, a partir daquí, farei unha referencia case case telegráfica. Chega a guerra.
En xulho de 1936 Duperier xa era presidente da Sociedade Espanhola de Física e Química. En novembro dese ano, o geverno acorda levar ós intelectuais para a Casa de Cultura de Valencia. Alí intenta seguir cos estudos da radiación cósmica pero fáiselhe imposible e en maio de 1938 co apoio do ministro Álvarez del Vayo sae cara o exilio en Inglaterra. Mentres tanto, o governo golpista a través da Xunta Militar de Requisa requisaba a vivenda e todas as suas propiedades, o ministro de Educación Nacional asinaba a separación definitiva da sua cátedra e o tribunal de responsabilidades políticas sancionábao con cinco anos de inhabilitación especial. E cal fora o " terrible" delicto que este home cometera para merecer semelhantes castigos? Segundo o Tribunal de Responsabilidades Políticas nº 9 de Madrid; agárrense: " Non ter aproveitado unha estancia en París en xulho de 1937, onde representaba a Espanha no Congreso de Cronometría e Cronoloxía, par desertar da República !" Así como soa. Así fica escrito.
A súa obra no Reino Unido acada dimensións impresionantes. Trabalha a carón dos máis grandes, primeiro na Universidade de Manchester, logo no Imperiai College de Londres. É número un do mundo no estudio da radiacción cósmica, campo no que realizou innumerabeis trabalhos nos que ideou e mesmo construiu cas propias mans métodos e tecnoloxía financiada pola Universidade de Manchester e dirixido por P.M.S. Blackett que sería Nóbel de Física en 1948. Ate aquí, e moi resumida, a historia profesional. Agora vén a historia triste.
Cara a fin dos cincuenta, o goberno franquista cae na conta de que un exilado espanhol ten moitas probabilidades de acadar o premio Nóbel e bótanse a tremer: "iso sería un pau para o réxime!" Entre uns e outros tratan de convencelo para que voltase a Espanha: o ministro Joaquín Ruiz GIménez, o rector Pedro Laín, o periodista Luca de Tena, o embaixador de Espanha en Londres Domingo de las Bárcenas, José Mª Albareda do CSIC e a súa propia mulher remataron por abrandalo aínda que, sen moito esforzo pois a D. Arturo non lhe prestaba o clima inglés, pero había máis: era un patriota e levaba anos piando por volver sempre que lhe ofrecesen un trabalho co que ganharse a vidaE así foi que o noso home caeu no panterlo. O seu laboratorio, que era o máis avanzado do planeta no estudio dos raios cósmicos ficou retido na aduana de Bilbao perante cinco anos, despois rematou por apodrecer no soto da UCM. Disque hoxe está exposto no museo de Ciencia e Tecnoloxía de Alcobendas, Madrid.
Para dar idea do seu gran corazón vou transcribir unha frase sua dunha carta dirixida a un seu bo amigo: " Me interesa hacer lo posible para que mi honradez en todos los campos quede patente, puesto que es el único patrimonio que puedo legar a mi hija. Esto, en el mundo en que vivimos, sé que es bien poco, pero es lo único que poseo "
Privado do seu equipamento, limítase a dar clases teóricas nunha nova cátedra pois non lhe restituen a sua de Xeofísica. Pese que en 1953 sonlhe "perdoadas" as"culpas" o acoso dos seus inimigos nunca cesou, mesmo apelando a algo chamado "tribunal para la represión de la masonería y el comunismo", que mandatruco!Coido que o que nunca lhe perdoaron a Duperier foi a sua intelixencia.Nin máis nin menos.
Os seus detractores (fálase dun xeneral e un físico) mesmo impiden que o seu laboratorio sexainstalado na Universidade. Afectada a sua fráxil saúde por tanta inxustiza, morre o 10 de febreiro en Madrid por un infarto cerebral. Os seus inimigos; fachas resentidos, colegas enchufados e envexosos e algún milico, respiraron aliviados. Xa nin puido tomar plaza como académico na Real Academia das Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Este home que, como reza o seu currículo abreviado era Doctor en ciencias Físicas, licenciado en ciencias Químicas, Catedrático da Facultade de ciencias da Universidade de Madrid, encargado da Radiación Cósmica, de cuxa investigación foi pioneiro en Espanha, Meteorólogo e xefe da Sección de Investigacións do Obsevatorio Meteorolóxico de Madrid, Presidente da Sociedade Espanhola de Física e Química. Explicou a Gurthrie Lecture, conferencia anual para conmemorar a fundación da Sociedade Física de Londres, que tivo lugar na Royal Institution. Ideou unha técnica experimental para medir as variacións de intensidade dos raios cósmicos a nivel do mar no transcurso do tempo, para a que foi subvencionado pola universidade de Manchester. Autor de numerosos trabalhos relativos ó estudo dos raios cósmicos que foron publicados pola Royal Society, a Royal Astronomical Society, os Anais da Sociedade espanhola de Física e Química e nos Comptes Rendus da Academia de Ciencias de París así como outros en menor número acerca de magnetoquímica, termodinámica da atmosfera e electricidade atmosférica…ese home,repito, foi nacer no país e momento errados.
O home convidado a pronunciar a Guthrie Lecture, honra que só tivo antes que el como extranxeiro o mesmísimo Albert Einstein, que espalhou polas ondas da BBC a natureza das bombas nucleares de Hiroshima e Nagasaki para os hispanofalantes, que rexeitou dirixir o Observatorio Xeofísico norteamericano de Huancayo, no Perú, que puido ser premio Nóbel de Física de poder contar co seu laboratorio…só recibiu a mais sincera homenaxe en vida da man dos seus vecinhos e amigos cuchareros alá no seu Pedro Bernardo natal. Despois vinheron unha serie de reconhecementos e parabéns pero xa tardíos. E despois o esquecemento.
Nota - Intúo que o devandito documentario foi feito polos ingleses e enviado xunto con todo o equipamento cedido pola Universidade de Manchester. Coido que a televisión emitiuno co gaio da morte do profesor Duperier por aquelas datas (aproximadamente o ano 1960 )
Tanto o documentario como as declaracións da filha, non os atopei por ningures