Manuel Pérez Lourido
Luar, Sara Montiel e o surrealismo
Durante unha adolescencia que sempre se me antollou como unha batalla ridícula contra min mesmo na que non lograba vencer nunca, namoreime do surrealismo como expresión e concepto. Atopábao marabilloso en calquera das súas manifestacións artísticas, aínda que tiña especial predilección pola poesía. Tzara, Aleixandre, o Lorca de "Poeta en Nova York", o Alberti de "Sobre os anxos", Neruda e a súa "Residencia na terra" ... Vallejo! Pero, en fin, os anos pasan e as paixóns tempéranse, aínda que permanece un gusto (xa sen vertixe, sen chama) por todo o surreal.
É debido a isto que hai uns días disparóuseme o corazón e tiven que recoller os anacos e pegalos con superglú: na televisión estaba o espectro de Sara Montiel cantando "Lonxe de Marín". Aquela expresión facial entre o hieratismo e a sedución, aquel camiñar indolente meneando as cadeiras que che facían crer que se ían desmontar dun momento a outro. E esa vocalización de fumadora de puros, de sílabas exhaustas e cadencia derrotada salmodiando: "Eu non sei cantar, eu non sei rir, sen os airiños da ría".
Tratábase dun especial de "Luar", o tan veterano (27 anos en antena) como deostado progama de variedades da televisión do noso país. Luar foi atacado, probablemente desde antes de existir, por retransmitir folclore galego sen moderación algunha, por recrutar a vellas glorias da canción española como El Consorcio e por montar cada venres unha festa para a xente que habita nesa terra ingrata chamada "terceira idade" e poñelos a bailar e retransmitilo en directo a toda Galicia e ao estranxeiro mediante unha canle internacional.
Como se lles ocorre outorgar protagonismo á xente maior, á Galicia rural, á gaita e o pandeiro?, a quen se lle ocorre ofrecer escenario e minutos de gloria por centos e centos de asociacións culturais, agrupacións folclóricas e grupos de verbena? E o que é peor, como é posible ter éxito con esa fórmula? Recordo a unha cría dun lugar próximo a Pontevedra confesando que o seu momento preferido da semana era o dos venres pola noite. Interrogada por un servidor polo motivo, a súa contestación foi porque era entón cando vía Luar xunto á súa avoa. Non hai máis preguntas, señoría. Recordo tamén ver a JR Gayoso (artífice xunto a Teo Abad do meteorito chamado Luar) explicando porque traía a tanta vella gloria a coñecer o estudio do programa (primeiro na discoteca Dona-Dana de Touro e desde hai anos no Estudio 1000 de Montouto). O seu comentario é que esa era a música que escoitara o público na súa mocidade e eses eran os artistas aos que querían escoitar. Agora si que de verdade non hai máis preguntas, señoría.