Marta Rodríguez Engroba
Din que nos entenden...
A Fiscalía de Madrid ven de propoñer unha reforma legal por mor da cal as mulleres vítimas de violencia de xénero sexan obligadas a declarar, tanto na fase de instrucción, como nas posteriores do proceso, de xeito que non se poidan acoller ao seu dereito a non facelo, para tentar impedir, din, sentencias absolutorias para o seu agresor.
As razóns son, como xa digo, a bastante frecuente negativa da muller a prestar declaración ou ben a facelo dun xeito un tanto atenuado, polo que raramente chega a verbalizar toda a verdade da súa situación.
O certo é que, lendo isto, cheguei a conclusión de que, malia que xa sabía que os avances en materia de violencia de xénero non eran, nin de lonxe, os que nos contan, a auténtica realidade é para botarse a tremer.
É obvio que, polo menos no que atinxe a Fiscalía de Madrid, están a anos luz de coñecer a realidade das mulleres vítimas da violencia machista, ou ben non lles interesa tela en conta, porque, imos ver, cales se imaxinan que son as razóns polas que unha muller maltratada se nega a declarar cando chega ao Xulgado?
Ademais da xa coñecida dependencia psicolóxica do seu agresor, existente na inmensa maioría dos casos, e que elas confunden con amor, a fundamental é o medo, ou mellor debería dicir o pánico, as posteriores represalias e a máis que probable desprotección coa que se van a dar de bruzos unha vez que saian dese Xulgado, que as vai deixar totalmente indefensas e aos pes dos cabalos, cun agresor con toda probabilidade libre, e cunha agresividade multiplicada polo feito de ter sido denunciado e levado posteriormente a ese Xulgado.
Non hai que obviar, así mesmo, outra razón de peso para que a vítima desista de declarar: A incerteza ante o futuro que se lle presenta no caso de facelo.
Son moitas as que dependen económicamente do seu maltratador, que seguramente fixo o posible por illalas do circuito social e laboral, e o conseguiu, polo que el é o seu único medio de vida para subsistir, para ter un teito, algo aínda máis a ter en conta no caso de ter fillos.
Porén, esgotada a escasa adrenalina que tal vez a levou a denunciar despois dunha nova agresión tal vez máis violenta que as anteriores, e máis que probable que chegue a conclusión de que o mellor que pode facer, porque non ten outra opción, é voltar con el.
Así as cousas, que melloras agardan acadar tentando obligar a muller a declarar?
Están realmente convencidos de que é mellor para elas engadir ao seu medo a responsabilidade da pena que poida recaer sobre o seu agresor ou da sua absolución?
Ou, pola contra, do que se trata, unha vez máis, é de botar balóns fora e trasladarlle a ela a devandita responsabilidade e posterior culpa se a cousa remata mal... se sobrevive, claro está?.
Realmente se lles pasa pola cabeza que tentar obligar a unha muller case sempre aterrorizada a contar a verdade da súa terrible situación é a solución e lles garante, ademais, a total veracidade do seu relato?
A vulnerabilidade destas mulleres, o medo que as paraliza son dous elementos fundamentais, e máis, eu afirmaría que son as dúas características que caracterizan a todas cantas vivimos o inferno da violencia de xénero, e que, curiosamente, da a sensación de que a gran maioría dos que teñen ao seu cargo a súa asistencia as ignoran por completo.
E outra pregunta que non é, creo, unha cuestión menor, como pensan obligalas a declarar, cal vai ser a estratexia ou o proceso a seguir?
As van conectar a un polígrafo, deses que saen nos programas da tele, ou lles van a inxectar ese suero da verdade das novelas e películas policíacas?
Porque, de non ser así, xa me explicarán cal vai ser o xeito de obligalas!.
Ironías (tráxicas ironías) aparte, é sinxelamente terrible que, a estas alturas, cando a violencia de xénero xa se instalou entre nós de tal xeito que semella imposible chegar xa non a erradicala, se non, polo menos, a paliala, ainda teñamos, por riba, que escoitar unhos despropósitos de tal calibre, despropósitos, ademais, que deixan ben patente o total descoñecemento da realidade destas mulleres por parte daqueles que moitas veces teñen as súas vidas, e tal vez as dos seus fillos, nas súas mans, daqueles que teñen, seica, unha irreprochable e difícilmente superable formación coa que se rebaten os argumentos de cantos ousamos expresar as nosas queixas por un sistema que claramente non funciona, pero que aínda así semella ser intocable e inamovible e que colabora eficazmente para que a violencia de xénero se incremente cada vez máis, como tamén se incrementa o número de vidas segadas por ela, de mulleres e, non nos esquezamos, de moitos menores, e eso sen falar daquelas que a están a vivir caladas, as agochadas, temendo cada día polas súas vidas e tal vez polas dos seus fillos.
Por que non se plantexan a máis que urxente revisión e reforma dese,por cualificalo suavemente, ineficaz sistema, comezando por instaurar unhas medidas de protección reais, con menos márketing e máis efectividade e se lles dan a coñecer no momento de acudir ao xulgado, ou xa cando acuden a denunciar, e se lles garante, ademais, que se van levar a cabo, que non son unha mentira mais?
Por que, dunha vez por todas, non se estuda o perfil das persoas que as asisten e as asesoran baseándose en algo mais que os méritos profesionais, e dándolle ao factor humano, claramente relegado, por non dicir esquecido, a relevancia que realmente ten e que pode ser, e de feito o é, fundamental para que as mulleres maltratadas vaian pouquiño a pouco collendo forza para tentar rachar co seu agresor?.
E destaco o de pouquiño a pouco porque esa é outra asignatura pendente.
Non se pode pretender que unha muller agredida ou que ven de soportar tal vez anos de humillacións, de vexacións, faga nun curto espazo de tempo un relato pormenorizado e concreto do seu calvario como quen fala dunha raia na porta do coche, polo que insisto, precisan seres humanos que as atendan, que as escoiten, e que fagan que se sintan apoiadas, comprendidas, non burócratas, seres humanos que estean máis pendentes das súas necesidades, da súa vulnerabilidade, que do reloxo.
En definitiva, a medida proposta pola Fiscalía de Madrid, é, na miña opinión, un chanzo mais na loita contra a violencia de xénero, un chanzo hacia atrás, un elemento disuasorio para mulleres que estean considerando denunciar ao seu maltratador, e a mostra mais evidente de que, en materia de violencia de xénero estamos cada vez peor.
Que nos queiran facer comulgar con rodas de muiño, iso xa é outra cousa.
Asociación Si, hai saída