Pedro J. Peón Estévez
Transporte urbano si, pero limpo
Decididamente a Biofóbica Celulosa non ten avoa e non lhe queda outra que improvisar algún que outro monólogo de autogabanza onde se nos presenta como panacea de todo mal atribuíndose toda sorte de virtudes e bondades que serían moi loubables de seren certas, mais non ese o seu caso. Xa de entrada, as máis salientables das mintiras son as fotos manipuladas que ilustran as cabeceiras dos seus textos. Fotos con punto de vista en Lourido alteradas dixitalmente para destacar o aínda inacabado revestimento de barrotes de eucalipto ( proxecto Materia Propia ) con penoso resultado pois toma todo o aspecto dunha arrima de caixas de cartón dispostas para unha mudanza, feito este que non deixa de ter un aquel profético.
Tamén lhe entran ó "quite" algúns expontáneos como un tal Agustín Nogueira declarando que Porto de Marín e Ría de Pontevedra pronúncianse a favor da presencia desa velha factoría, ía-ía-ó. Puido aforrarse as molestias posto que, aínda non hai moito, unha das suas naves portuarias fixo as veces de plató para escenificar xuntanza, sinatura e perorata a cargo de Casal, dentro do desenrolo de certo "plan social". É de supor que na seguinte entrega do tal plan, tamén contarán co devandito ghalpón. Dito isto avisamos a todo aquel que aínda non pilhara as 30 moedas que se apresure pois a celulosa, tanto se consegue o que quere ( 60 anos máis en Lourizán ) como se non, ha pechar a vilha. Sempre actuou así; tralas vacas gordas, as fracas. Tras da soberbia, o pranto.
Os argumentos da celulosa xa están moi trilhados. Levan xa máis de 60 anos repetíndoos. A min interésame moito máis a opinión que lhe merece o peche de As Pontes, por exemplo. Irán alá a manifestarse a prol dos postos de trabalho ? Boa gana. Eu non sei se por "fatiga olfativa", por vivir na beira desta xigantesca infusión de carepa de eucalipto que é a ría de Pontevedra, pero o de Endesa mailo peche de as Pontes fédeme que apesta a eucalipto.
Ben; o obxecto da minha intervención é moi outro e esta pequena introdución -falando de electricidade; a que non ten Alcoa e que a outros sobra; maila que deixará de producir As Pontes- sérveme para deitar unha opinión sobre o transporte urbáno. Segundo o meu Estravís, urbano significa cortès, afable, civilizado, e a iso vou.
O tema do transporte eléctrico sempre me atraeu pois, non en van, son filho de empregado da velha empresa Tranvía Eléctrico de Pontevedra con sede en Pontemuínhos, Lourizán. Tranvias e trolebuses circularon perante 45 anos polas estradas de Marín e Lérez. Foi un medio de transporte limpo, sen emisións contaminantes sendo case o primeiro e o derradeiro de Espanha en 1989. O transporte eléctrico foi sendo eliminado en moitas cidades do mundo para dar paso a abafantes autobuses con motores de combustión de hidrocarburos. Remito unha velha noticia, moi resumida, a propósito disto: "Nos EUA, as petroleiras e a industria do automóbil foron condenadas a unha multa federal por usar malas artes con entidades públicas e privadas para a eliminación de tranvías e trolebuses e calquera outro tipo de transporte eléctrico…"
En Espanha esas "malas artes" deron resultado. En Pontevedra e Vigo, o transporte limpo foi eliminado coa inestimable axuda dos alcaldes Rivas e Portanet. De calquera xeito había unha notable diferencia. Aquí sufriamos unha férrea dictadura militar que o mesmo eliminaba troles que imponhía celulosas.
Non entendo as présas da Xunta por implantar un transporte urbano en Pontevedra sen abrir un debate previo a fin de decidir cal é o melhor sistema de transporte para unha capital LIMPA como a nosa. Se Pontevedra é hogano unha vila sa ( bo trabalho está a custar ) coido que merece un transporte realmenre urbano, é dicir: cortés, educado e civilizado, e limpo por suposto. Coa que está a caer cómpre tomarse o medio ambiente en serio. Rematou o tempo de pensar; é tempo de actuar desde xa. Grandes e pequenas actuacións; todo conta. Pola conta que nos ten, porque vivimos aquí e queremos que vivan tamén os nosos; os que venhen tras de nós. E lembren: ser ecoloxista non é ponher un lazo verde ó pescozo. Volvendo sobre o tema do transporte urbano, cómpre dirimir cal é o sistema viable entre os moitos que se ofertan e cales son meramente ficticios ou hipotéticos. Insisto; a sociedade precísa de información e debate.
Pode que nas proximidades da cidade exista "algo" que se resista preocupado pola presenza de bos exemplos na sua contorna. A estes sátrapas mailos seus conseguidores, nin caso. Son eses que chaman autopista a avenida…Agora que o penso; onde se viu unha empresa privada cunha cancela aberta (se utilice ou non) a unha autopista ? É ese outro privilexio engadido ?
Por último, non digo eu que fagamos coma a cidade chinesa de Shenzen que vén de converter os seus 16.000 autobuses en eléctricos, máis que nada porque os chineses son fabricantes e exportadores de autobuses eléctricos. Nós non, mais porén teremos que ir póndonos ó rego porque o transporte do futuro será eléctrico OU NON SERÁ.