Pedro J. Peón Estévez
X 1/2 Ambiente san
O destino final da nosa Galiza é rematar nas mans de enerxéticas e mineras coa necesaria axuda de sucesivos gobernos reaccionarios. Ambas explotacións contan sempre co parabén de gobernos inoperantes coma o de Feijóo que non dubidan en vender todo o país ó melhor postor como podemos deducir de cada unha das "suas" …decisións ?
Nada tería na contra destas intervencións industriais se fosen en beneficio do povo ademais de rigorosas e respectuosas co medio natural. Pero non é así. En absoluto. Este tipo de empresas arramplan co que lhes interesa e deixan un espazo ermo e degradado como se foran o cavalo de Atila; "o que venha atrás que arree !" Exemplos, por desgraza, temos a centos.
O galopante despovoamento do rural é algo que serve a estes fins. Non é este un feito casual e/ou natural. Trátase de algo inducido de xeito moi sutil. Por pouco que observemos verémos, nidia, a man do capital turrando dos fíos dos políticos, que non son máis que a sua blindaxe. Así, mentres as nosas reivindicacións se estrelan contra esta coiraza, o capital fai e desfai ó seu antolho sen que ninguén o importune. O PP da Xunta e a sua aranheira de alcaldinhos estan a facer unha árdua labor neste senso. Nestes tempos que corren, os políticos non son máis que testaferros do capital ante a sociedade a que din representar e os estados pasaron a ser meros recaudadores-represores ó servicio do capitalista; esa é a única función que lhes encomendan.
Leo recentemente que unha mineira sueca (xeralmente son canadianas) chamada Eurobattery Minerals AB quere saber como anda de cobalto, cobre ou níquel o subsolo da parroquia de Castriz no concelho de Santa Comba, Corunha. Ata aquí todo ben, máis ou menos. Non coiden vostedes que estas empresas disponhen duns xeólogos moi listos ou dun Urigeler cun péndulo, non. Aquí chove sobre molhado. Xa moito antes houbo alí mineiría tradicional de estanho e wolframio. O chan da conca do Xalhas sempre foi rico en metais. De feito en Castriz existen duas grandes explotacións a ceo aberto coas suas correspondentes balsas de contaminadas augas verdes e que , tarde ou cedo se encargarán os ríos Mira e Xalhas de ir levando de vagar ata este mar onde se agochan todas as nosas miserias. Non sei eu se algunha destas lagoas é aquela que ofertaba turísticamente a Xunta. O malo é que cando comece a produción, eses minerais ( que eles dan en chamar verdes, non sei se con lazo verde ou non coma a celulosa ) irán para as fábricas europeas de baterías. O de sempre; os de fóra levan a farinha e nós quedamos co relón. Por que non se fabrican aquí esas baterías? Por que non facemos nós os motores mailos veículos do futuro? Non nos venhan logo con que estamos contra a industria. É por caso o noso sino cargar coas perigosas, nocivas e molestas? Non sei a vostede pero isto a min dame que pensar. E xa sabe; se na sua aldea hai unha velha mina, tenha por seguro que, tarde ou cedo, alguén irá por alí a fedelhar acompanhado do alcaldinho.
A mención dos devanditos ríos faime lembrar do noso sofrido Lérez, o que dá de beber a quen pasa…(Convidar, convida Pontevedra pero a auga pónhena as terras de Forcarei, Cotobade, Campolameiro e, sobre todo, Cerdedo) O caudal do velho Lérez minguou abondo estas últimas décadas e isto ten varias explicacións que abordaremos nun intre. Outro río, o Lourinha, era máis conhecido por nós como río da Torre, do Pontilhón ou da xunqueira. Vin recentemente nun mapa que lhe chaman "rego Lourinha" de xeito un tanto pexorativo. Hai uns días fun caminhando ó lugar da Almuínha en Salcedo por onde pasa o tal regueiro, pois nace un pouco máis arriba entre os lugares do Carramal e a Costa. Sufrín unha pequena decepción pois, efectivamente, non leva máis auga ca un rego. Pregunteime se aquel era o mesmo río que anegaba todo o humedal da Xunqueira de Gandarela e criaba troitas e anguías, que facía andar o muínho da Torre todo o inverno sen parar e boa parte do outono e a primavera. Levantei a vista e atopei a solución. O monte que o alimenta a todo o longo do seu curso pola banda de solpor trocouse nun mesto eucaliptar. Sen máis comentarios. Ese riocho da minha nenez aínda precisa traspasar tres derradeiros atrancos en Pontemuínhos para acadar o mar: estrada de Marín, ferrocarril e avenida. Ten o mérito engadido de ser o derradeiro afluente do Lérez, cousa que me ten porfiado ma1is de un pero resuta que, oficialmente, hai río ata o quilómetro 2’700 pasando o lugar das Cocheiras a a uns 500 metros alén a desembocadura do Lourinha. Que como o sei? Pois porque lembrei que, sendo eu moi cativo, había un monolito emprazado nunha laxa medio roída polas obras do ferrocarril aló polos anos trinta e que tinha gravado algo así como "fin de zona de pesca fluvial". Funme alá estoutro día sen moitas esperanzas de atopalo e alí estaba. Non é tal monolito xa que está composto por varios silhares de canteiría. Trátase dunha pirámide truncada de uns 1’80 m. De alto e unha media de 0’5 m. de ancho. Pola cara norte ten a seguinte inscultura en catro linhas horizontais: Servicio/Nacional/De Pesca/Fluvial, sublinhadas por unha flecha que apunta ó leste (cara Pontevedra). Interésome polo tal servicio nacional e atopo o seguinte: O tal Servizo fora criado en 1951 dalí a un pouco foi substituído polo Conselho de Pesca Continental, Caza e Parques Nacionales con duas seccións; umha de Pesca e outra de Caza e Parques Nacionais para rematar en 1968 nun totum revolutum colaborativo entre o Servicio de Pesca Continental, Caza e Parques Nacionales e a Administración Turística. Segundo uns inxenheiros de montes, "esta colaboración, no canto de ser simbiótica, tivo carácter parasitario, xa que non se proponhían modelos de turismo compatibles co medio, senón como reclamo do desenrolo especulativo…" Ténhase en conta que andaba Fraga no medio, pois foi ministro de Información e Turismo do goberno golpista de 1962 a 1969 e este non daba puntada sen fío. Por se fora pouco, a sua fila Carme é unha eurodeputada que leva tido varios altos cargos nisto da Pesca. Vexamos: de1997 a 1999, presidenta da comisión de pesca; de 2000 a 2004, Secretaria Xeral de pesca marítima; en 2004 é novamente membro da comisión de pesca e comisión de Acuicultura e Desenrolo rural; en 2009 volve ser presidenta da comisión de pesca…..¡ Y aún dicen que el pescado es caro !
E non pregunte máis por que o da pesca está tan mal.