Tribuna Viva
Himno do Cerponzóns CF
Cando na Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns soubemos que se ía a construír un novo campo de fútbol pensamos que era un bo momento de crear un himno que identificase o noso equipo e que se fixese público coa celebración de unha efemérides de importancia, neste caso a celebración do Milenario da Parroquia.
Así llo fixemos saber ao presidente e directiva do primeiro equipo de fútbol, comentámoslle a nosa idea e pedimos a súa autorización para levar acabo este traballo, desde o primeiro momento foi do seu agrado a nosa proposta e dixéronnos que adiante.
O primeiro que fixemos foi buscar quen podía facernos o himno, a nosa idea era que tiña que ser algún veciño da parroquia, dado que temos persoas musicalmente cualificadas para poder facer ese traballo.
E este traballo recaeu en Enrique Alvite e Adrián Saavedra, dous músicos con grande experiencia para poder levar a cabo a nosa ilusión.
Dixémoslle a Enrique Alvite que buscabamos un himno para o Cerponzóns CF, un himno que fose símbolo acústico que identificase o noso equipo de fútbol.
Fómoslle comentando, dado que Enrique sería o autor da letra, que queriamos un himno onde se identificase o nome do equipo e a parroquia.
Tamén que se nomease a afección, que se reflectise a capacidade de loita e nobreza do equipo, o desexo de vitoria e por suposto que se fixese referencia á historia do equipo e todos aqueles xogadores que pasaron polo noso querido club.
Enrique tomou nota e compuxo un himno harmónico e á vez melódico con certo carácter de desfile e que fose sinxelo para facilitar a súa memorización.
Logo de realizar este traballo, tocoulle a quenda a Adrián Saavedra, el encargouse dos arranxos para batería, baixo, guitarras e teclados.
Adrián Saavedra tamén levou o peso da produción de estudo, facendo os arranxos e partes, ademais levou a responsabilidade da gravación.
Para dar a coñecer o himno a todas as persoas seguidoras do club pedimos a colaboración ao Concello de Pontevedra, o cal faría as xestións oportunas para a realización de copias do himno do Cerponzóns CF, que serán entregadas a todos os socios do club.
Desde a asociación de veciños quixemos que a inauguración do himno formase parte das celebracións que estamos levando a cabo durante o ano do Milenio da Parroquia de Cerponzóns.
Agora coa colaboración do Concello de Pontevedra e da man do responsable de coordinación do área do rural Alberto Oubiña e da concelleira responsable da parroquia Pilar Comesaña podemos comunicar a todas as persoas socias, simpatizantes e veciñas e veciños en xeral, que o vindeiro domingo día 29 o himno será realidade é poderán ter unha gravacion gratuíta cada socio do Cerponzóns CF.
Comenzará a entrega da copia do himno os socios do club media hora antes do partido de fútbol.
LETRA DO HIMNO :
Entoando este himno doume conta
que me late o corazón con moita forza
Cerponzóns ti es un club de campións
e por iso che cantamos con paixón.
Chan do monte tes recordos de valor,
de orgullo exemplo e tesón,
arroupado por esta grande afección,
que eu levo sempre no meu corazón.
Cerponzóns Cerponzóns sentimento de equipo gañador.
Cerponzóns Cerponzóns que te entregas coma ninguén,
porque sentes o fulgor de levar a camiseta con honor.
Entoando este himno doume conta
que me late o corazón con moita forza
Cerponzóns ti es un club de campións
e por iso che cantamos con paixón.
Cerponzóns Cerponzóns sentimento de equipo gañador.
Cerponzóns Cerponzóns que te entregas coma ninguén,
porque sentes o fulgor de levar a camiseta con honor.
Cerponzóns Cerponzóns sentimento de equipo gañador.
Cerponzóns Cerponzóns que te entregas coma ninguén,
porque sentes o fulgor de levar a camiseta con honor.
Cerponzóns ti es un club de campións.
ASOCIACIÓN DE VECIÑOS O CHEDEIRO DE CERPONZÓNS