Marta Rodríguez Engroba
Menores e violencia de xénero. Outra tráxica cara dun sistema ineficaz
De novo sucedeu.
Unha vez mais, esa, moitas veces, irónicamente e mal chamada "xustiza", consentiu e foi cómplice do maltrato a un menor.
Cando estamos xa con un pé en setembro, e comezan a albiscarse os primeiros sinais desa "concienciación" que reposou plácidamente todo o verán, pero que agora, de súpeto, os seus posuidores decátanse dos dantescos meses que vivimos no que atinxe a violencia de xénero (se ve que deberon estar todos nunha illa deserta, e, porén, incomunicados, porque foi practicamente imposible substraerse a tanto horror, pero non é menos certo que non hai mellor cego nin mellor xordo que os que non queren ver nin oir), salta a noticia, outra mais, dun neno, en Palma de Mallorca, a quen seu pai, maltratador e cunha orde de afastamento en vigor sobre a nai, malia o cal, un xuiz, supoño que deses que manteñen que, pase o que pase, os nenos deben relacionarse con ambos proxenitores, e non consideran a posibilidade, por moito que un deles teña sido condenado por violencia de xénero, de que están poñendo as súas vidas en risco, por favor, iso nin de broma!, queimou por todo o corpo con cigarrillos.
As cousas hai que facelas como é debido, faltaría máis!.
Ademais, xa se sabe, isto de non deixarlles ver aos fillos aos que maltratan non é máis que unha paranoia de catro exaltadas que non buscamos mais que prexudicar os homes, aos que, por suposto, odiamos…..ah!, e sacarlles os cartos e arruinarlles a vida!.
Cando lín a noticia, ademais de sentir unha gran carraxe e unha inmensa impotencia, porque é obvio que as vidas de mulleres e nenos están a mercé dun sistema, xa non machista, se non totalmente irracional, que, malia estar mais que demostrado que falla escandalosamente e cobrarse unha vida tras outra, non muda nin un ápice, non puiden evitar que me viñera a memoria algo que me ocurriu non hai moito, concretamente no mes de xullo, cando en Beniel, Cristian, de tan só once anos, foi salvaxemente acoitelado por seu pai.
Ante este tremendo asasinato, non fixen se non reafirmarme, tanto como representante dun colectivo que loita contra a violencia de xénero, como a nivel persoal, en que NUNCA e repito NUNCA, un maltratador pode ser un bo pai, nin, porén, pode ser positivo para os menores relacionarse con alguén así, ademais, como queda tráxicamente demostrado, de implicar un risco para a súa vida, sendo absolutamente demencial e temerario que a xustiza non contemple algo tan obvio.
Pois ben, a través dunha rede social fun duramente increpada por alguén que, ademais de rebatir, de non moi bos modos, a miña afirmación, e acusarme de que non teño nin idea de nada, afirmaba, rotundamente, que hai homes que maltratan as súas parellas é que son, malia eso, excelentes pais… Tremendo!
Teño que dicir, en primeiro lugar, que ese comentario provocoume auténticos arrepíos, e non polas "perlas" que me dedicaba, se non porque, ante unha mensaxe así, malia non ter nin idea, como esa persoa afirmaba, creo que non é difícil para min ou para calquera, ler entre liñas.
Sexas ou non feminista, traballes ou non vítimas de violencia de xénero, é de puro sentido común que quen é capaz de maltratar xamais será un referente adoitado para ningún neno e si, pola contra, un risco ao que non debe ser exposto baixo ningún concepto.
É lóxico que alguén que estea a vivir esta situación, sexa como nai maltratada, ou como maltratador, dado o máis que frecuente estado de anulación no que tal vez se atope a primeira, e a maldade do segundo, non sexan quen de ver esta realidade, pero o que é de todo punto inconcebible e imperdoable, e que quen imparte xustiza semelle estar en idéntica situación, ignorando, ademais de deixalos totalmente desprotexidos, o feito de que unha gran maioría dos agresores non dubidarán en danar aos seus fillos co fin de causar o maior dos sufrimentos a nai.
De nada serve, ademais, que a nai e muller maltratada, dea a voz de alarma, e suplique que non se permita ao agresor achegarse ao menor.
Nin será escoitada, e, no caso de que a desesperación a leve a tentar impedir tales visitas negándose a entregar ao seu fillo ou filla, ela si será castigada con todo rigor.
Con ela si se fará "xustiza".
Este é o fantástico sistema que, din os nosos políticos, mellorou tanto!
Outro aspecto non menos importante e igualmente sangrante no caso do menor agredido en Palma de Mallorca é que as visitas estaban a realizarse nun Punto de Encontro, por orde xudicial, o que nos leva, unha vez máis, a cuestionarnos se o funcionamento do devandito servizo sempre é o correcto, e moito me temo, ao dicir isto, que estou a facer unha pregunta retórica.
Un Punto de Encontro, como xa aclaramos nalgunha ocasión, é un lugar neutral onde levar a cabo o intercambio dos menores, cando existe algún tipo de conflito ou risco, sempre por orde xudicial, e, nalgúns casos, nos que o xuiz considera que o risco e maior, as visitas realízanse no seu interior, supervisadas polo persoal do mesmo, que deberá tentar evitar calquera incidencia e, por suposto, informar ao xuiz no caso de producirse.
Ben se ve que o persoal do Punto de Encontro de Palma de Mallorca estivo atento a como se desenvolveu a visita do neno con seu pai, cando resultou cheo de queimaduras polo corpo, algo que ben a reafirmar o que desde Si, hai saída xa pregamos en numerosas ocasións, sen que teña resultado algún, que é unha revisión exhaustiva dos criterios empregados para a selección de todo o persoal que traballa no eido de violencia de xénero.
Hai requisitos que nin todos os títulos, nin todos os méritos do mundo podrán substituir xamais. Nin siquera as afinidades políticas, ou unhas relacións mais ou menos influíntes.
Humanidade e vocación son tan só dous deles, pero fundamentais,.
Se estes fallan, pouco ou nada se pode facer.
E xa para rematar no colmo da insensatez e da temeridade, unha vez este "pai" de Palma de Mallorca, despois de encher de queimaduras o corpo do seu fillo,e de ser denunciado pola nai do neno, de novo, despois de tomarlle declaración, foi posto en liberdade con cargos cunha orde de afastamento!.
Eu pregúntome, a que agarda o xuiz, a que mate o neno?
E ese o "castigo exemplar" para quen maltrata non soamente a súa parella, se non tamén ao seu propio fillo?
Son estas a protección e a prevención da que tanto nos falan os nosos políticos, as institucións?
Claro que non é menos certo que, moitas das veces, as mais, nas que nos falan desto, é nos minutos de silencio, cando unha vida máis foi segada, e xa nada ten remedio.
Non é por ser pesimista, pero cada día que pasa estou máis convencida de que esa presunta loita contra a violencia de xénero é, coma todas as mentiras, unha bola que medra e medra.
O peor de todo é que, mentras medra, segue rodando, e levando vidas por diante, tamén de nenos.
Asociación Si, hai saída