Antón Masa
A APDR esixe a recuperación do Pazo de Lourizán
A "Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra" (APDR), congratúlase pola decisión adoptada días atrás pola Deputación de Pontevedra de denunciar pola vía xudicial, mediante a interposición dun Recurso Contencioso-Administrativo, a inacción da Xunta de Galicia no mantemento da Finca e o Pazo de Lourizán, unhas instalacións que pertencen ao conxunto da veciñanza de Pontevedra pero que están cedidas ao Goberno galego, desde o ano 1991 e por un prazo de 30 anos, mediante un Convenio.
O amentado Convenio, obriga á Xunta de Galicia á conservación das instalacións da Finca e Pazo de Lourizán, polo que queda claro que existe un incumprimento reiterado do mesmo por parte da Xunta.
Neste sentido, consideramos absolutamente inaceptábeis as declaracións da deputada popular Pepa Pardo, que considera desleal o comportamento do ente provincial ao acudir á vía xudicial para facer cumprir ao Goberno galego coas súas obrigas, e que non ten vergoña ao dicir que fronte "ao proxecto ambicioso e viábel proposto pola Xunta de Galicia para recuperar o esplendor dunha xoia do patrimonio histórico a custe cero para a Deputación", os responsábeis provinciais deixaron caer o Pazo no ostracismo!
Non debemos esquecer que ese "marabilloso" proxecto presentado pola Xunta consistía en cederlle o Pazo de Lourizán á empresa ENCE para que fixeran alí o seu Centro de Investigación Forestal, nin tampouco que foi rexeitado pola ampla maioría dos colectivos sociais da comarca, que nun número superior aos douscentos, manifestaron diante do Palacio Provincial e no propio Pazo de Lourizán, o seu total desacordo coa medida proposta, en nome da fábrica ilegal de Lourizán, polo vicepresidente da Xunta Sr. Rueda.
E non podemos concordar tampouco coa solución proposta polo Vicepresidente da Deputación, Sr. Mosquera, que fala da "disposición a cederlle a Finca e o Pazo en propiedade á Xunta para que esta asuma a súa competencia"; e non podemos concordar porque sabemos que nese caso, Lourizán remataría nas mans privadas de quen está a estragar o noso medio e o noso patrimonio.
Para a APDR, este incumprimento do Convenio, lonxe de nos levar á cesión da Finca e Pazo de Lourizán ao Goberno galego, débenos levar á súa recuperación para uso e disfrute do conxunto da cidadanía, para o que -como primeira medida- se debería denunciar o incumprimento do Convenio e, coma consecuencia de tal incumprimento, rescatalo das mans da Xunta de Galicia, abrindo logo un concurso de ideas para a recuperación e mantemento público do Pazo, símbolo dunha época de esplendor da parroquia de Lourizán, dunha época que veu como nos roubaban o Paraíso coa chegada da fedorenta CELULOSA.
Pola Xunta Directiva da APDR,
Asdo.: Antón Masa