Tribuna Viva
Bureau Veritas e ENCE, unha fraude na certificación forestal que crece
p> Dende que unha pequena parte das plantacións de eucalipto xestionadas por ENCE obtiveron a certificación de xestión forestal sostible do FSC (Forest Stewardship Council, o Consello de Xestión Forestal, unha organización certificadora supostamente sen ánimo de lucro), en xuño de 2010, certificación que concedeu Bureau Veritas como entidade certificadora recoñecida polo FSC, a Asociación pola defensa da Ría presentou (a través da Federación Ecoloxista Galega) unha reclamación á certificación forestal, alegando o incumprimento grave dos principios nos que se basa este sistema. Hoxe, máis de dous anos despois de ter presentado a reclamación e a pesar de que os protocolos escritos do FSC obrigan a dar resposta ás queixas nun período máximo de tres meses, aínda non se ten respostado á mesma.
Os monocultivos de eucaliptos de ENCE contraveñen os principios básicos do sistema de certificación, tal e como recoñece a propia empresa certificadora Bureau Véritas no resumo do informe de certificación que fixo público. Non se respectan en efecto dous principios da xestión forestal sostible de cumplimento obrigado para calquera actividade forestal que pretenda obter este selo, o principio que obriga ao mantemento de diversidade de usos e servicios no monte e o que obriga á conservación das sucesións ecolóxicas prohibindo os danos aos solos e á biodiversidade. Resulta evidente que so existe un uso e beneficio nestas parcelas, a obtención de madeira de eucalipto e non diversos como obriga FSC, co que as posibilidades de aproveitamento polas comunidades rurais non existen. Ademais, a APDR ten comprobado nas parcelas xestionadas pola empresa, que non existe a máis elemental diversidade biolóxica debido ao uso frecuente e masivo de herbicidas que se aplican no sotobosque. A aplicación de agroquímicos ten contribuído tamén á merma doutros recursos e aproveitamentos do medio rural como os apícolas ou os micolóxicos. Noutro sentido, o uso de maquinaria pesada nos montes e o subsolado profundo para a plantación está a provocar severos procesos de perda irreversible de solo fértil por erosión.
En definitiva, a pesar do evidente impacto negativo das plantacións de ENCE sobre a naturaleza, a pesar da evidente ausencia de diversidade de usos e produtos forestais, a empresa de certificación Bureau Veritas, sen aportar ningunha evidencia do cumprimento dos indicadores establecidos polo sistema FSC, concedeu a ENCE o selo de xestión forestal sostible para 3600 hectáreas (das máis de 12000 que xestiona directamente a empresa) cometendo un grave fraude xa que non se respectan nesta superficie, nin de lonxe, os principios reglados establecidos, os estándares españoles de certificación FSC.
Pero agora, esas 3600 hectáreas certificadas, aumentando a superficie en máis de 2700, téñense convertido en máis de 6200 sen ningunha xustificación, sen verificación dos indicadores que conteñen os estándares e dun modo absolutamente opaco, ocultando a cartografía das novas parcelas certificadas e sen consultar aos sectores interesados na xestión forestal de ENCE, como esixen as propias normas do FSC. Si antes para os propios certificadores, Bureau Veritas, estas "novas" parcelas non reunían as condicións para dispoñer do selo e nada ten cambiado no sistema de xestión de ENCE, como é posible que agora milagrosamente merezan o selo? Todo indica que o oscurantismo de Bureau Veritas e ENCE ocultan unha nova fraude.
Nesta situación, os sistemas de control das certificacións teñen deixado de funcionar, os certificadores de Bureau Veritas e ENCE actúan con total impunidade mentres os xestores do sistema FSC miran para outro lado sen atender as queixas formales aos certificados facendo crecer o negocio e a fraude.
Así as cousas, faise cada vez máis evidente que os sistemas de certificación existentes, e máis concretamente o sistema FSC, non son en ningún modo aval de xestión forestal sustentábel. O negocio da certificación verde e as grandes sumas de diñeiro que se moven na súa contorna están a facer que se avalen prácticas forestais social e ambientalmente agresivas en base a falsear e camuflar a mala xestión co que se engana ao consumidor que merca un produto por ter este certificado e se afunde o prestixio que no pasado tivo o selo FSC.
Benito Andrade, membro da Asociación pola defensa da Ría
27.05.2013