Antón Roel Villanueva
Na procura das avelaiñas do Gafos
Convocados pola asociación Vaipolorío nunha noite estrelada camiñamos polas ribeiras do río guiados pola lumieira das vagalumes, co recendo a loureiro e flores ventureiras polas beiras onde paseniño transcorre o río. O croar das ras nas pozas a carón do río, o rechouchío dos paxaros nocturnos, o grilar dos grilos e o balbordo dos habitantes nocturnos do río foi como ir na compaña dunha banda sonora da natureza nocturna de Mahler.
Iso sería o ideal pero o que aconteceu arestora foi unha noite anubrada sen estrelas nin vagalumes que marcasen o camiño sen escoitar o croar das ras nin o grilar dos grilos. As razóns están moi claras, estamos matando a natureza que o seu espazo de vida e non se fía de nós cando imos nunha andaina a visitalos.
De súpeto, o miragre. Nun artiluxio que preparou a xente entusiasta de Vaipolorío, unha saba pendurada con cordeis dunha árbore e tres puntos de luz que procedían dun transformador do Muíño de Cabanas, nunha noite escura no medio do camiño semellaba a Santa Compaña que se nos aparecía para pedirnos contas do deterioro e contaminación do río.
Arestora naquel espazo de luz apareceron e pusáronse nas sabas, primeiro unha abelaiña, a máis ousada; e despois vendo que eramos xentes de paz foron chegando máis, tamén unha parella de vacalouras, logo foron sumándose á festa e deixáronse ver ante nós como nunha pasarela todo tipo de aves nocturnas e morcegos que o noso guía Gonzalo Sancho lle trataba de explicar aos rapaces e a algún de nós que o abrumabamos con todo tipo de preguntas sobre os habitantes nocturnos do río que viñan facernos compaña.
Nun recuncho agochado tras a ramaxe dun bidueiro pareceume ver o Demo Asubiador asexando, un Trasno dos Gafos que, de cando en vez, deixase ver facendo trasnadas no río. Eu non quixen dicir nada por non alarmar, aínda que a amaioría me tomaría por tolo dicindo que, ao igual que a Moura da Poza, son lendas que naceron no río. Cando marchaba escoitei un asubío que ningún paxaro coñecido é capaz de imitar, sen mirar atrás fuxín a lume de carozo do lugar.
Ogallá fixeran con máis frecuencia estas andainas polo río que se de algo serven é para concienciar aos máis novos da importancia de coidar a nosa contorna para que as especies que a habitan non se sintan ameazadas e se extingan e poidan as xeneracións vindeiras gozar delas como fixemos nós. Como dicía Gonzalo Sancho temos que decatarnos de que cando unha especie está en perigo de extinción a natureza está a avisar de que se non coidamos o medio ambiente nós seremos os seguintes. E lembrar que temos un tramo do río dos Gafos soterrado ao noso carón que podería estar cheo de vida se o destapamos.