Marta Rodríguez Engroba
Vox non acudiu ao minuto de silencio, outros viven del. Quen ten máis delito?
Esta é unha desas ocasións nas que teño claro que o que vou manifestar non vai gustar a moitos, pero o certo é que, non sei se para ben ou para mal, non consigo curarme dese mal que me fai dicir moi claro, sempre desde o respecto, por suposto, o que penso, sobre todo cando se trata de algo que sinto e me doe profundamente e que se ve desvirtuado e mesmo manchado polo postureo e a hipocresía mais desprezables, como é o caso da violencia de xénero.
As últimas semanas non foron a excepción en canto a súa presenza. Por desgraza, a violencia machista deixou de novo as súas tráxicas pegadas con varias agresións, que mesmo se cobraron, unha vez mais, algunha vida.
E no medio de tanta dor, de tanto sangue de muller derramada, e mentras os nosos políticos, ou, polo menos unha gran parte deles, nos seguen contando historias para non durmir en canto as solucións case milagrosas que están a aportar para rematar con este feminicidio, pero que a súa efectividade, a vista está, é nula, malia o cal se obstinan en non mudar absolutamente nada, porque supoño que pensarán que o están a facer de luxo e que as cousas están ben como están, do que non teño ningunha dúbida no que a eles atinxe e xa non digamos aos seus petos, pero mentras a nos, as mulleres, nos siguen matando, de novo nos atopamos con abundantes titulares que nos contan como Vox non acudiu ao minuto de silencio, a esa repulsa oficial, por un deses crimes machistas aos que aludín ao comezo, concretamente ao cometido en Elche, no que foi asasinada María Asunción Pérez.
Moitos medios de comunicación nos contaron como todos os grupos municipais de Alacante se engadiron a ese minuto de silencio (un mais!), agás Vox, e, quen mais quen menos, aproveitou para racharse as vestiduras e manifestar o seu horror ante tamaño delito.
Pois ben, vou tentar explicarme coa maior claridade posible, e agardo que non se malinterpreten as miñas palabras, pero non podo resistirme a expresar a miña opinión ao respecto.
Creo que non é preciso que repita unha vez mais a miña opinión sobre Vox e a súa postura respecto a violencia de xénero, agás, ao mellor, a esa "adalide" do feminismo que me acusou hai meses de estar a facerlles campaña porque se ve que non lle gustou que lle lembrase a ela e a algunha mais coma ela que a loita contra a violencia de xénero vai moito mais alá de limitarse a enarbolar unha pancarta o 25N e o 8M.
Deixou claro, eso si, que de argumentos anda mais ben escasa, xa que ten que recurrir ao insulto para tentar rebatir un razonamento.
Dito isto, repito, a miña opinión sobre Vox é obvia, algo que creo que fai mais que evidente a miña actividade con Si, hai saída.
Agora ben, teño que admitir que, lle pese a quen lle pese, coa súa ausencia nese minuto de silencio, o que demostran é coherencia co seu pensamento (deleznable pensamento, certo), e que non están pola labor de secundar esa posta en escena de dubidosa por non dicir nula eficacia que é o xa clásico minuto de silencio cada vez que unha muller é asasinada.
Sei que é moi grave que neguen a maior en canto a violencia de xénero, e se de min dependera, non dubidaría en borralos do mapa.
Síntome, tanto como muller, como vítima que fun, e como parte dun colectivo que tentamos facer o posible para axudar as mulleres que están a vivir no inferno, insultada e maltratada polo seu ideario, polas súas consignas, pero, en honor a verdade, non me sinto menos insultada, nin menos ofendida por aquelas e aqueles que nos venden a súa loita, que tendo, ademais a potestade e os recursos para, polo menos, facer o posible para que esa loita sexa mais efectiva, a limitan sinxelamente a eso, aos minutos de silencio.
Son moitos os que se botan as mans a cabeza ante o que chaman falta de respecto a ausencia de Vox nese tipo de actos, pero ainda non vin a ninguén que faga o mesmo ante o fariseísmo de tantas e tantos que, en canto remata ese minuto, mudan o xesto cariacontecido, dan media volta, e con ese minuto remata tamén a súa implicación coa loita contra a violencia machista……ata o seguinte!.
Sei que non todo o mundo é igual, e que, por suposto, sempre hai alguén que acude a eses actos de corazón e que realmente sinte o que se supón se está a defender neles, pero, independentemente do que se verbalice ou se pretenda facer crer, todos sabemos o que realmente hai detrás deses minutos de silencio, e a súa realidade.
Postureo puro e duro, así de claro.
Por non mencionar o "afectados" que seguramente se sinten todos e cada un dos salvaxes que maltratan, que matan, que vexan ou humillan a mulleres cada día, por ese tipo de concentracións. Non hai mais que ver o número de mulleres asesinadas, sen esquecer as que, milagrosamente, consiguen sobrevivir a tanta barbarie, e as que están a vivir nun calvario en silencio.
Realmente, a estas alturas, alguén con dous dediños de fronte pode crer que a unha besta que é quen de matar, de maltratar, sen o menor escrúpulo, lle vai importar o mais mínimo que se concentren os políticos, os veciños, ou España enteira?.
Por favor!.
Se realmente aqueles que teñen atribucións queren manifestar a súa repulsa pola violencia machista, que o fagan traballando arreo para atopar e aplicar medidas reais e efectivas e loitando para que a lei, a xustiza , actúen protexendo como teñen todo dereito as vítimas e aos seus fillos e proporcionándolles os recursos precisos para retomar unha vida sen medo, e castigando con toda contundencia a quen maltrata, a quen mata.
Que se deixen de protocolos grandilocuentes que o único que fan é disfrazar a ineficacia dun sistema que falla estrepitosamente, pero que ninguén ten interese en mudar porque é ben lucrativo para moitos.
Entón, e soamente entón, cando realmente se estean a aplicar todas as medidas e recursos pertinentes e, malia eso, ainda algunha vida sexa segada, terán algún sentido os minutos de silencio, que reflectirán a frustración, a dor, por, malia telo feito todo, non poder telo evitado.
Mentras tanto, e, lle pese a quen lle pese, a postura de Vox non se pode cualificar mais que de coherente. Cruel, inhumana, pero coherente. O reflexo daquelo no que cren, e que defenden. Mais do que moitos poden dicir.
E, xa para rematar, unha pregunta, quen ten mais delito, Vox, que non acuden a ese tipo de actos, ou os que o fan na procura do seu beneficio?.
Igual era bo pararse a medítalo.
Asociación Si,hai saída