Pedro J. Peón Estévez
Mazá de Cuco
Hai días nos que sinto a imperiosa necesidade de non dicir ren; de ficar en silencio; múo coma un esqueleto de plástico, como a pedra da lagareta. Hoxe é un deses días. De ser certo aquilo de "a palabra é prata e o silencio é ouro", hoxe deberíame tocar a primitiva. O refrán disque é de Aristóteles…seguro que o plaxiou coma case todo o seu.
Coma así, debezo por partilhar con Roel ese seu amor polas árbores mesmo urbanas, xa que non hai árbores PTV nin árbores rurais. Sonche as mesmas. Non así a xente, pero ese é tema que non toca hoxe, máis que nada porque fixen voto de silencio coma o frailuco aquel que levaba vinte anos sen falar cando descubriron que era múo de nacencia.
Falando de nacencia, cando eu vin ó mundo na minha pequena Gandarela non había nenas nin nenos. De feito, eu fora o primeiro nativo daqueles lares. Os meus amigos eran os bichinhos mailas árbores. Os eucaliptos novos de arrente á casa estaban todos encorvados. Unha tarde atopei un senhor cunha libreta e unha máquina de fotos arredor dos eucaliptos. Aquel home procuraba a causa da extranha torcedura arbórea e preguntoume:
- Oye niño. ¿Por qué están doblados estos eucaliptos?
- Sería co aire - contesteilhe. Non debeu ficar moi convencido porque dixo:
- No fué el aire. Están doblados en todas las direcciones.
Aquel desconhecido pareceume policía, polo que acordei contarlhe a verdade:
- Verá senhor; eu non o fago por mal. Só é por enredar. Eu gabeo polo "alcolito" novo e, cando acado a punta, bótome para un lado e baixo de vagar ata o chan amarrado a el. É certo que fican un pouco dobrados pero axinha se recuperan e medran dereitos coma velas sen que se lhes note nada. Xúrolho.
E así foi como eu inventei o "EUCALIPTING". O home ficou apampado coma o alemán aquel que resolveu o misterio dos Moaïs da Ilha de Páscua con só preguntarlhe ós nativos como os facían. Din que os galegos preguntamos moito. Será por iso que somos sabios. Unha pregunta a tempo pode aforrarche moitos tropezos. É ou non é ?
E seguindo cos eucaliptos, a minha tía Marugha a Peleteira deunos un eucalipto medianeiro que tinha alá no Navalexo. O meu irmán Minucho e máis eu fomos buscalo coa furga e, tras cortalo en toradas, carregámolo. Pesaba como se fose de pedra!. Veu mexando auga pola estrada adiante ata Gandarela (uns seis quilómetros). Cando o fun picar para lenha dalí a uns días non pesaba nin a cuarta parte. Criárase alá na Armada á beirinha do regueiro do Batán e enchoupouse de auga ata as trancas o moi porco! ( Apréndenlhe a un máis estas cousas que tódas esas tesis doctorais feitas por encarga ).
Se eu tivese arelas de falar contaría de cando atopei, no pazo de Lourizán duas sequoias coma mundos deitadas no chan. Tinhan tanto de diámetro coma eu de alto. Taláronas para lenha… e ó caralho!
Se quixese falar falaríalhes de cando o Bark Beetle matou os pinheiros da contorna…e nin se falou do conto! Ou da Cerdeira do xenial pintor pontevedrés Carlos Sobrino alá no seu chalet "Monte do Sino" que a pesar de ser moi grosa fun quen de gabeala e aprobar as suas saborosísimas cereixas. E que dicir dos lances ás froiteiras de Montero cos meus amigos os Charlestóns, o Queno mailo Chirrita? Pero a cousa máis misteriosa e marabilhosa medra nos carbalhos e poucos son os que viron algunha na vida. Eu si. Eu vin unha auténtica MAZÁ de CUCO !!
Ai os carbalhos ! Os carbalhos dan landras, bugalhos, cocos (endentro de cada coco críase unha mosca) e rarísimas, preciosas Mazás de Cuco. Na sua fronde aninhan toda clase de paxaros. Nos seus buratos viven os vespóns do país mailo Trasno. E as fermosas vacalouras, pero xa non existen, pois para Lourizán veu hai tempo un vecinho que odia todo canto vive e acabou con elas. E non só.
Pero hoxe non estou eu falangueiro. Soamente vin a presentarlhe a Roel un amigo meu que se chama Gustavo Duch e que escribe cousas realmente fermosas, tamén das árbores. A traducción ó galego é cousa minha, polo tanto, perdoen vostedes e perdóeme Duch polas falhas que, sen dúbida, cometerei.
Venha; xa falei abondo. Agora que o faga Duch con dous escritos do seu fermoso libro Cosechas (Relatos de mucha gente pequeña). Vai.
O ÁRBOL ANTENA
Imaxinemos por un intre, explica Carlos Espín, que prodixioso sería que as árbores, perennes ou caducas, milenarias ou recén agromadas, froiteiras ou ornamentais, xigantes e minúsculas foran árbores productoras de ondas wifi. Teixos, salgueiros, abetos, limoeiros, castinheiros, oliveiras, figueiras e a fantástica ceiba, todos serían considerados seres sagrados, templos que defenderíamos coas nosas melhores enerxías e os máis fermosos agarimos.
Os bosques, por decreto popular, serían declarados espazos de Utilidade Pública.
Ademais para amplificar a cobertura wifi, ampliaríamos a cobertura arbórea plantando árbores por todos os lados: nos patios de vecinhos e nos patios escolares, nos baixos dos edificios e nos solares baleiros. Seguro que non habería prazas duras pois todas terían árbores. Máis aínda; non dubidariamos en derrubar polígonos e fábricas para volvelos pequenas arboredas. Se as árbores produciran wifi, as cidades serían ambles e sostibles e, con esta tecnolóxica reforestación, o perigo do cambio climático sería cousa do pasado.
Pero as árbores non producen wifi.
- É unha mágoa - conclúe Carlos - que únicamente produzan o aire que respiramos.
PROBLEMA RESOLTO
Nunha escolinha da aldea de Hurraco, en Honduras, un profesor de primaria expuxo un problema de matemáticas:
Un empresario agrícola dispón de 500 hectares de boa terra de labor. Fai chamar a un experto agrónomo que lhe aconselha tres posibles sementeiras: cultivar eucalipto para papel, soia para piensos en Europa e palma africana para combustibles. Para calcular os custos, no primeiro cultivo, as árbores, necesitará un só posto de trabalho. Para o segundo, o da soia, necesitará dous, un deles con título de piloto de avioneta para as fumigacións. Para o terceiro, o cultivo de palma, dixo, precísanse uns catro trabalhadores pois a recolheita é máis exixente. Que lhe convén ó empresario ?
Dos 25 alumnos, 24 responderon sen dubidalo: prantar eucaliptos.
Unha nena discordante dixo:
- Vivo nunha cooperativa de trabalhadores do campo. Os meus pais mailos seus companheiros e companheiras conseguiron 500 hectares de terra que, dedicadas a hortas de agricultura familiar, xeran alimentos e 175 medios de vida. Por iso podo vir á escola.