Marta Rodríguez Engroba
Obras son amores. As teorías non salvan vidas
Cada vez o teño mais claro. Hai quen cre, e lamentablemente deben ser, polo que vexo, maioría, entre os nosos políticos e demais personaxes "con peso", que o feito de ser vítima de violencia de xénero implica que a esta condición se lle engada, inevitablemente, a de ser idiota.
E de verdade que non o digo por dicir, nin é, malia que recoñezo que son moi dada a facer uso dela, unha ironía.
É, lamentablemente, o que nos están a demostrar, e que xa non sei se me provoca mais carraxe, mágoa, ou, as veces, francamente, desexos de tirar a toalla, porque isto é realmente insufrible.
Afortunadamente, e malia que mais dun e dunha o lamenten, a última destas opcións non fica no meu ánimo mais dun momento, porque se fallamos os poucos que damos voz a realidade da violencia de xénero, de quen a sufre, entón si que está todo perdido.
Supoño que vos estaredes preguntando a qué ven todo isto.
Pois ben, vou tentar explicalo sen alporizarme demasiado…..Difícil, pero agardo que non imposible.
Rara é a semana, cando non varias veces na mesma, que non sae o político ou a personalidade de turno contándonos as fazañas que están levando a cabo en materia de violencia de xénero, os "notables avances", din, e o moito que están a traballar para salvarnos.
Mágoa que todo fique neso, en contarnos, porque a realidade nos deixa moi claro que os únicos avances existentes son os seus, que medran política, social e supoño que económicamente ao mesmo ritmo que o número de vítimas da violencia machista aumenta sen remisión.
Esta semana tocoulle o turno a presidenta do Observatorio de Violencia de Xénero, Ángeles Carmona, que nunha extensa entrevista a un xornal deixou patente que a teoría a ten mais que controlada, pero xa os feitos....esa é fariña doutro costal.
Esta señora comeza a entrevista dicindo, entre outras cousas, que as institucións deben esforzarse para que as mulleres que están a ser maltratadas confíen no sistema e denuncien, e alega como causas a resistencia da maioría delas a facelo o medo ao maltratador, o temor a perder o control sobre os fillos, o sentemento de culpabilidade que o seu agresor lles vai inoculando día a día, a vergoña, etc, etc, factores que, sen dúbida, existen, pero eu preguntaríalle a Sra. Carmona, se non lle parece que algo terá que ver o cuestionadas que moitas veces se sinten cando acuden a unha comisaría, cando non xulgadas ou directamente culpabilizadas, o que provoca que non poucas decidan non continuar adiante co proceso, ademais dunha actitude dos policías que as atenden non sempre afable, por dicilo suavemente.
E qué dicir desa protección, ou, mellor dito, desprotección, posterior, que, con demasiada frecuencia, as deixa a elas e mesmo aos seus fillos totalmente indefensos a mercé do seu maltratador?. Por desgraza temos tráxicos exemplos do que isto pode implicar.
Non lle parece que algo terá que ver en que opten por calar e por tentar sobrevivir cada día ao pánico e as agresións?.
E non se plantexa que tal vez, soamente tal vez, sería bo molestarse en comprobar que clase de persoal se encarga de atender as vítimas e, se non é o adoitado, cambialo de xeito urxente?.
E que non nos conten mais veces o conto dos méritos, formación e demais criterios empregados para a súa selección, dignos como mínimo de ser revisados, que ese xa o sabemos de memoria.
Cando algo non funciona, e se fai patente ademais en non poucos casos que non ten arranxo posible, e a vista está que este é un exemplo evidente, sustitúese, e punto, e con mais motivo se se está a falar de vidas.
Pero claro, esa é unha posibilidade que nin se contempla, porque todas e cada unha desas persoas encargadas deste mais que sensible cometido son intachables, derrochan sensibilidade e están aí por unha vocación que non lles cabe no peito.....Faltaría mais!.
O mesmo se podería aplicar en canto a dispensa das vítimas a non declarar, da que tamén fala e a cal, por desgraza, demasiadas se acollen. Dí que lle preocupa moito, porque en numerosas ocasións a declaración da muller é a única proba de cargo da que se dispón, polo que sen ela o agresor sairá impune.
E unha vez mais lle pregunto, terá algo que ver o feito de sentirse desprotexidas, e con razón ?. Qué lle parece?.
Dí, eso sí, que todos os xuices que están nos xulgados especializados en violencia de xénero pasaron por un curso de formación, e que isto se vai reforzar.
Aleluia, xa respiramos moito mais tranquilas!!!!. E agora si estou a empregar a ironía.
Amarga, pero ironía
Igual, Sra. Carmona, a formación non é o principal problema. Case con toda probabilidade a maioría non lles falta.
Outra cousa é a empatía, a sensibilidade, a humanidade imprescindibles.....pero deso non fala, porque, polo que se ve, dase por sentada.
Claro, eu son unha pobre ignorante que soamente entendo de traballo directo, cara a cara coas vítimas, pero igual nos índices dos libros que estudan os xuices ven un capítulo que se titula "Humanidade", seguramente, así que o estudan.....et voila!, xa temos un xuiz apto para encargarse das vítimas de violencia de xénero.
Non ten tampouco desperdicio o que nos conta en referencia ao suicidio, malia que ese non é o termo correcto, de Verónica, a rapaza a que, e sempre o direi, mataron a base de humillacións.
Fai na entrevista unha brillante exposición en termos xurídicos, que xa temos claro que controla moi ben, da razón pola que o seu caso non é considerado violencia de xénero, e deixanos claro, tamén, que, de tratarse dun home, non o tería sufrido igual....Obvio, ata aí chegamos.
E xa está?. Con iso xa nos temos que quedar conformes?.
Se ve que o caso de Verónica non ten o tirón mediático do que outros gozaron, e, polo tanto, non procede darlle mais sona que a estrictamente necesaria, nin lanzar aos catro ventos reivindicacións como se fixo con outros. E mais, se pasa ao esquecemento, mellor, e o mais axiña posible, a poder ser.
Será quen esta señora de poñerse, malia que sexa por un segundo, na pel do marido, dos fillos, dos pais, de Verónica?. Me da a alma que os seus razoamentos de pouco consolo lles ían servir, por moitos termos xurídicos que empregue.
Tampouco lles van devolver a Verónica.
Non vou seguir debullando a entrevista porque non dispoño de espazo e porque, ademais, non é preciso para sacar conclusións.
É, para min, inadmisible, que, a estas alturas, no ano 2019, e mentras o número de mulleres e menores asasinados medra e medra, alguén cunha responsabilidade coma a desta señora, nos veña contando tales historias.
É mais que obvio que as cousas non se están a facer ben, como tamén é mais que obvio que a Sra. Carmona terá moitos coñecementos, que deso estou segura, pero da auténtica realidade, do que é realmente o sentir e o terror das vítimas de violencia de xénero, ainda lle queda moito por aprender, e con todo o respecto llo digo, pero hai cousas que non se aprenden, nin moito menos se arranxan desde os despachos, ainda que os ocupen auténticas lumbreiras.
Estamos a vivir nunhos tempos nos que nos traballos se esixen resultados, e de non habelos, todos sabemos cales serán as consecuencias, pero eso non é aplicable aos altos cargos.
O da Sra.Carmona semella ir camiño de ser vitalicio, ademais, supoño, de espléndidamente remunerado, e pouco importa que os resultados non sexan nin de lonxe os que deberían.
É o que ocorre nas altas instancias. A cuestión é aparentar, facer que se fai, que é toda unha arte, sen dúbida, e codearte con quen interesa, e a vivir!.
Esta é a realidade, unha mais, de quen move os fíos da violencia de xénero.
Sei que non servirá de nada, pero non podo por menos que, para rematar, lembrarlles tanto a Sra. Carmona como a todos os que teñen a responsabilidade de traballar para que as mulleres, os menores, deixen de ser maltratados, asasinados, que as palabras son moi bonitas e visten moito, pero non salvan vidas e, como dí o refrán, "obras son amores.....".
Asociación Si, hai saída