Pedro J. Peón Estévez
Nos vamos a dar donde más nos huele II
Baixo este mesmo título deixaba eu unha opinión, neste mesmo medio, haberá pouco máis dun ano e que hogano segue igual de vixente pese á inxente verborrea vertida sobor do tema. Serei breve porque a temática é de dominio público, ou parécemo a min.
Quen dixo que as palabras as leva o vento? Mais quixeran moitos. As palabras, todas e cada unha delas, fican gardadas nas hemerotecas para que quen as dixo non aduza amnesia e nos saia co recurrido "dondedijedigodigodiego" ou o consabido "sehanquitadomispalabrasdecontexto", mil veces utilizado por dirixentes varios cando se ven pilhados nun renuncio, cousa que acontece día si, día tamén, neste noso amado país, ese mesmo que aló por 1963 dicíalhe Fraga: " Spain is different ". E segue a selo. Foi a única verdade xurdida da boca do celebérrimo vilalbés.
Agúns de vostedes lembrarán aquel famoso " 9.2.92, Nos vamos a dar donde más nos huele ". Outros finxen non recordalo (consulten as hemerotecas se non me cren).
Polo visto tratábase da campanha definitiva para rematar co cheiro (cheiros) da celulosa. Van alá vintesete anos e a recentemente denominada "Biofóbica" fede coma o primeiro día, malia que moitos digan que celulosas xa non cheira ou, candomenos, xa non cheira tanto. Certo é que xa non se percebe aquel fedor dalgún tempo pero…significa isto que xa non exista?. Neste asunto hai dous actores imprescindibles: emisor e receptor. Coido que o emisor segue a emitir pese a campanhas varias e supostas inversións en sistemas correctores. O falho está no receptor. E explícome: Por que a poboación da cidade afirma que "agora xa case non cheira"? Por que cando pasamos uns días fóra de Pontevedra nos fede a celulosa á volta, nada máis achegarnos á vila? Por que os que venhen por vez primeira ( peregrinos, turistas…) o primeiro que comentan é que aquí "cheira raro" e nós non o notamos porque padecemos algunha fora de hiposmia, anosmia ou mesmo "fatiga olfativa". Pero, como dicía o forense, vaiamos por partes.
Hiposmia: Disminución do umbral olfativo provocada pola exposición continuada a fedores de tipo industrial por longos espazos de tempo. Cando esta exposición é máis intensa pódese chegar a danar gravemente (aparte as vías respiratorias) a pituitaria e o epitelio e terminar por afectar ás células olfativas e o nervio transmisor. E isto non o digo eu; isto exponse nas máis prestixiosas publicacións mundiais especializadas no tema. Non citarei persoa algunha para que non sufran as iras dalgún exaltado. Isto, e moito máis fica nos informes da Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía e Cirurxía de Cabeza e Colo ( SEORL - CCC ) que NON é, nin de lonxe, sospeitosa de ser mercenaria da celulosa.
Conclusión; a campanha "9-2-92" non existiu. Foi meter ó saco unha pasta gansa e agardar a que a contaminación olfativa escaralhase a pituitaria dos pontevedreses e dicir cun aquel de candideza: "pués ahora ya no huele". A campanha "olor cero", vintecinco anos despois da "no vamos a dar…", non é moi orixinal por "dejá vu", mais é unha nova versión do mesmo timo.
Só me queda engadir que un 20% dos espanhois vense afectados por este problema, segundo a devandita SORL - CCC, aínda que outras fontes afirman que a porcentaxe de afección aínda é maior.
Tanto hiposmia como anosmia van acompanhadas de perda ou merma de padal pois é este un sentido que, igual que o olfato, básase na análise de materias que entran no organismo. Remata o informe dicindo que estas anomalïas danse especialmente no entorno urbano das grandes urbes ( Madrid, Barcelona…) pero tamén nas poboacións próximas a vertedoiros, fábricas de PAPEL e outras industrias… sóalhes?
Noutros lugares existen sistemas de control para facer un seguimento desta problemática..e en Pontevedra? En Pontevedra arden os arquivos da SS de maneira "fortuita", lembran?
E mentres tanto, "algo fede a podre en Lourizán", que diría un moderno Marcelo
E deixen de encabronarse comigo. Eu só son o mensaxeiro.