Marta Rodríguez Engroba
Carta aberta aos asasinos de Verónica
Din as normas gramaticais que as cartas deben comezarse con un encabezamento.
Francamente, hoxe non podo.
E non podo por unha razón: Porque non se me ocorre un nome, un cualificativo, que exprese, en toda a súa dimensión, o desprezo que me inspirades, a maldade que emanades por todos e cada un dos poros da vosa pel.
Estou a referirme a vos, aos asasinos de Verónica, esa rapaza a que mesmo de morta seguides calumniando culpándoa da súa morte, tentando lavar ese lixo que tedes por conciencia, por chamarlle algo, porque a conciencia é algo que non coñecedes nin de lonxe, dicindo que se suicidou.
Como podedes ser tan viles, tan ruins, tan malnacidos?
Verónica, como tantas e tantas mulleres, confiou no que un día foi a súa parella, e fixo algo que non é mellor nin peor que tantas e tantas accións que se fan no eido privado, na máis estricta intimidade, porque nunha relación de parella nada é censurable se os dous están dacordo.
Tampouco un vídeo de contido sexual.
O que Verónica nunca pensou foi que esa persoa coa que compartiu unha parte da súa vida chegara a cometer un acto de tal ruindade, expoñendo a súa intimidade como se de unha mercadoría para o noxento disfrute dunhas mentes depravadas se tratara, e menos ainda que eses voitres, porque é o que sodes, auténticos voitres, non escatimárades crueldade ata matala.
Non vos esforcedes en buscarlle un nome ao ocorrido. Tampouco en sacar do armario o voso disfraz de sepulcros branqueados. É inútil. Sodes o que sodes. Cómplices primeiro do malnacido que comezou a difusión do vídeo, e asasinos despois que non parástes ata matar a Verónica.
Non podo evitar estremecerme cada vez que se me ven a mente como Verónica se debeu sentir, a súa desesperación, a súa vergoña, a súa impotencia, unha impotencia que chegou ao seu punto álxido cando solicitou axuda a empresa, e a deixaron abandonada, incumplindo os seu deber máis elemental.
Porque esa empresa, coma vos, é cómplice do asasinato de Verónica.
Unha complicidade que levan ao extremo emitindo un comunicado no que falan de políticas de igualdade, do seu compromiso con estas, de como son case un exemplo a seguir nesta materia, non demostrando nin un só ápice de arrepentemento nin de sensibilidade ante esa vida que contribuiron a segar.
Porque Verónica pediu axuda. Non vale aquí a escusa de que ninguén sabía nada.
Todo o mundo o sabía. Os compañeiros que vos pasábades o vídeo uns aos outros, os que vos achegábades ao seu posto de traballo para ver a súa cara, e tamén vós, os responsables de R.R.H.H da empresa, que, como adoita suceder case sempre, optástedes por ollar a outro lado e esgrimir a noxenta desculpa de que era algo que atinxía a súa vida persoal.
Dicides, no colmo da desvergoña, que a instástedes a denunciar e que ela non quixo, e, por suposto, non vos plantexástedes, nin por un segundo, activar ese protocolo, un deses que elaboran persoas que saben moito desto, seica, que cobran unhos cartos moi considerables por escribir literatura barata, porque eso é o que escriben, literatura barata, e que, protocolo a protocolo, exercen de chupópteros, rotando dun a outro despacho, sen preocuparse, coma vós, nin ter a máis mínima intención de que sexan levados a práctica e coa única prioridade de que non se vos esgote o chollo, algo moi improbable, todo hai que dicilo, porque se nalgún eido hai unión é entre os chupópteros.
Non estades dispostos a permitir que xurda nin a máis mínima posibilidade de que se esgote ese maná que vos enche os petos xenerosamente a cambio de non facer nada, o que vos garante que uns vos tapedes aos outros, e sigades vivindo ben, malia que sexa a costa de vidas.
Agora, como cada vez que unha muller é asasinada, sucédense as concentracións, os minutos de silencio, as caras compunxidas diante das cámaras, e as expresións de dor ante os micrófonos, algunhas, moitas, mesmo procedentes dos que participaron no crime, pero, tamén como cada vez que algo tan tráxico acontece, a Verónica xa non lle serve de nada.
teñen que engadirlle ver como esa traxedia se tingue de morbo, de sensacionalismo e de lixo.
Verónica xa non está, pero, por se esto non abondara, grazas a todos e cada un de vos, atrás dela queda, para aqueles que a choran, un rastro de vergoña, de humillación, que non deberían sentir, pero que a maldade dunha sociedade fariseica e hipócrita lles inocularán, como a tantos outros.
Non se me ocorre castigo dabondo para vos.
De feito, creo que non existe, porque non hai nada que compense unha vida truncada dun xeito tan malvado, tan mezquino, nin o pouso de traxedia que deixa nas vidas daqueles que a choran.
Tampouco cabe apelar a lei, a xustiza, para que actúen con todo o rigor que merece o pasotismo, a letal neglixencia, da empresa, o que nos levará, coma sempre, a seguir fomentando a violencia de xénero, porque todos os delitos nos que as mulleres somos vítimas son tratados con guante blanco, con suavidade, e deixando esvarar a culpabilidade hacia a agredida, hacia a asasinada.
O resultado?
Como en tantas e tantas ocasións, un crime que ten como resultado unha muller morta quedará, case con toda probabilidade, impune.
Porque, en poucos días, xa ninguén lembrará a Verónica.
Xa non será interesante para ningún titular, nin para que o seu caso sexa esmiuzado polos tertulianos deses magazines que tanto falan e pouco fan, agás dano.
E Iveco, esa empresa abandeirada en políticas de igualdade, seguirá ollando a outro lado cando unha das súas traballadoras sexa acosada ou violentada, como fan moitas máis, e como sucede tamén en moitos outros eidos.
A súa inhumanidade quedou máis que demostrada con ese comunicado, a todas luces emitido co único fin de lavar a súa imaxe.
Verónica é o de menos. Qué importa xa?.
Aos nosos políticos se lles enche a boca contándonos as excelencias deses protocolos máxicos, que garanten, polo visto, que a dignidade e a seguridade das mulleres non sexan vulneradas, pero que case nunca chegan a aplicarse. Para que? É moito máis cómodo optar polo silencio cómplice.
A vós, compañeiros, xefes de Verónica, non vos preguntarei se sodes quen de durmir ben polas noites, porque estou segura de que si.
Se acaso, algúns dos máis “gallitos”, deses “machotes” que hai en todas partes, e que con toda seguridade, fixestes ainda máis escarnio de Verónica que o resto,sentiredes unha certa intranquilidade estes primeiros días, cando o tema ainda está de actualidade, pero cando, co paso dos días, comprobedes que, como sempre, nada pasa e que a vosa crueldade non vos trae consecuencia algunha, a preocupación egoista dará paso ao esquecemento.
Verónica xa será historia.
Tan só queda agardar a que outra muller, unha máis, sexa de novo protagonista dunha historia de dor e morte.
Asociación Si, hai saída