Tribuna Viva
A Xunta converte a mentira no pan de cada día
O anuncio por parte da Xunta de que o emisario submarino non avanza por carecer da concesión de Costas pedida fai un ano sorprende enormemente por varios motivos. En primeiro lugar porque crean unha noticia onde non a hai. Unha cousa é que anuncien que solicitaron a concesión ou ben que esta lle foi concedida, pero comunicar a través da prensa que o emisario non avanza porque Costas aínda non concedeu a autorización é non dicir nada. E tamén mentir.
As mentiras non sorprenden tanto a estas alturas entre os veciños de Lourizán, porque a longo destes últimos meses, alomenos no tocante á EDAR dos Praceres, convertíuse no pan de cada día por parte da Xunta.
É totalmente falso que a Xunta solicitase a autorización a Costas fai un ano porque fai un ano o proxecto do emisario nin sequera existía. Hai que recordar que saíu a exposición pública en outubro. Hai un ano foi cando Costas autorizou a concesión para a EDAR dos Praceres, despois de 26 anos en situación ilegal.
Por outro lado, cabe sinalar que día de hoxe aínda non foron respondidas as múltiples alegacións ao proxecto de emisario, polo que de ter solicitado a autorización a Costas a Xunta estaría a facer trampas, non respectando os tempos administrativos e demostrando que para eles a fase de alegacións é un mero trámite. Algo que por outro lado xa ten denunciado a plataforma no pasado.
Tamén hai que indicar que Maica Larriba transmitiulles aos veciños persoalmente fai 6 meses que non había constancia por parte da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa de ningún proxecto de ampliación nin de emisario submarino e que cando a houbera informaría á plataforma. E entre crer a Maica Larriba e a Xunta, desde a plataforma témolo claro: "aquí a auténtica máquina de verter mentiras e falsedades é a Xunta de Galicia".
Por último, desde a plataforma queremos sinalar que falaremos cos partidos con representación no Parlamento galego para que presenten unha PNL no sentido de paralizar o proxecto do emisario mentras non se despexe o "caso Ence"
Se finalmente a xustiza obriga a Ence a saír de Lourizán, non hai ninguén que defenda que a EDAR teña que seguir. O allanamento por parte do Goberno abre un novo escenario e porque a Xunta se opoña á posibilidade de que Ence teña que saír de Lourizán, aínda que o decrete a xustiza, non quere dicir que non exista a posibilidade real de que isto aconteza. A Xunta debería ser responsable, tendo en conta os diferentes escenarios e pensando ben en que gasta os cartos públicos. Non vaia ser que se faga unha inversión millonaria, cos cartos de todos, e dentro duns anos haxa que desmantelar todas as instalacións.
Plataforma Veciñal de Lourizán