Marta Rodríguez Engroba
Muller vítima de violencia de xénero, condenada a selo para sempre?
Despedimos a semana con un novo e terrible caso de violencia de xénero.
Unha muller, en Granada, foi salvaxemente acoitelada e co ensañamento máis cruel pola súa ex parella máis de trinta veces.
Vivía nun Centro de Acollida para mulleres maltratadas debido a que xa fora agredida anteriormente por outras dúas ex parellas .
E, como era de agardar, unha vez máis, en canto a noticia saltou aos medios, comezaron a pronunciarse os "entendidos" na materia, eses que falan moito, pero non fan nada, ou, bueno, ben mirado, algo si fan: dano, moitísimo dano.
Por enésima vez, culparon a vítima da súa desgraza, porque xa era a terceira parella que a maltrataba, e, ademais, seica as mulleres que nalgún momento da nosa vida vivimos o inferno da violencia de xénero temos como unha especie de "disfunción" que nos leva a buscar parella tras parella con un requisito que van cumplir inevitablemente: que nos maltraten.
A brutal agresión quedou relegada a segundo plano para dar paso ao xuizo sumarísimo que xulga e condea a esta muller, como a tantas outras, a ser maltratada de por vida polas súas parellas, sen que haxa xeito de evitalo, e, por suposto, pola súa culpa. Nunca pola de quen a agrede, faltaba máis!.
Bufff.....teño que tomar aire para seguir escribindo con un mínimo de tranquilidade porque me ferve o sangue!.
Imos por partes:
Creo que, se de algo podo opinar con coñecemento de causa, é sobre este tema, tanto pola miña condición de vítima de violencia machista nun momento da miña vida como polo meu traballo diario con mulleres que están a pasar polo mesmo.
É certo que hai mulleres que, tras ser maltratadas polas súas parellas, nun tempo considerablemente breve, inician unha nova relación con un home de idénticas características que o anterior.
De feito, en Si, hai saída temos casos nos que a vítima acude a nos solicitando asesoramento ou axuda xa da man desta nova parella, da que adoitan dicir que é totalmente diferente a anterior, destacando o agarimoso e detallista que é con ela, mesmo cos seus fillos, se os ten, o comprensivo que é coa súa problemática, etc, etc, e a nos, que xa temos unha certa traxectoria, se nos acende, case de inmediato, o piloto vermello ante esta idílica situación que nos describe e que, habitualmente, e agás rarísimas excepcións, queda desmentida ao pouco tempo do xeito máis cruel.
Agora ben, a causa de que isto suceda non se debe nin a que estas mulleres nazcan con un estigma que as empuxe a ir pola vida de maltratador en maltratador, nin porque elas sintan unha especial atracción por elementos desta catadura e busquen, porén, parellas que fagan da súa vida un inferno.
A explicación e moito máis sinxela.
De entrada, calquera muller pode ser maltratada.
Se consigue romper co seu verdugo, case con toda probabilidade estará tan destrozada anímicamente e coa súa autoestima tan quebrada, se é que ainda conserva algunha, que se verá totalmente incapaz de continuar adiante soa.
A soedade é algo que a moitas delas as aterroriza, e isto, ademais da súa extrema vulnerabilidade, é rápidamente detectado por eses depredadores que son os maltratadores, auténticos virtuosos na envelenada arte de recoñecer a unha muller psicolóxicamente destruida.
Por outra banda, esta sociedade hipócrita e políticamente correcta na que vivimos e que cada vez se fai máis e máis sólida, ensinounos que o xeito de vida ideal, ademais do máis "decente" é en parella, e ningunha muller "como é debido" debería estar soa, sen as alas protectoras dun home que as preserve da maldade do mundo, malia que sexa sufrindo a del.
Onde se viu que unha muller de verdade, unha muller desas que as normas dun machismo rancio e "casposo", ademais de perigoso, exercido, ollo!, non soamente polos homes, se non en moitas ocasións tamén por moitas mulleres ainda máis fanáticas del, nos din que o seu estado idóneo é o de "contigo pan e cebola" ou, ainda peor, "serva che dou", pretenda, tras quedar xa sinalada para os restos por unha relación de maltrato, continuar o seu camiño libre, sen un "machote" ao seu carón?
Non é, porén, de estrañar, que unha muller moralmente rota, a que un malnacido a rebaixou ao nivel do lixo e tal vez sentindo ainda na súa pel a dor dos golpes e os latexos do corazón que se aceleran cando unha porta se pecha, caiga sen decatarse nas redes de quen lle promete un paraiso de amor, consideración e tranquilidade.
Non obviemos,ademais, a precaria situación económica na que estas mulleres adoitan estar, cando non afogadas polas débedas que a súa ex parella lle deixou como un agasallo engadido ao seu horror, polo que o aspirante a ocupar o seu sitio non dubidará en facerlle ver que, grazas a él, o seu horizonte económico será despexado, malia que, en non poucos casos, a realidade sexa xustamente a contraria e a muller se atope, pasado non moito tempo, con un parásito que ainda por riba de maltratala, acabará cos seus xa escasos recursos.
Tampouco a que goza de bonanza económica está a salvo desta plaga, xa que é un imán irresistible para quen non vai dubidar en aproveitarse dela, e machacala física, psicoloxica e economicamente.
A vista desta realidade, porque é unha realidade, creo que queda máis que demostrado que o que precisan estas mulleres é apoio, que se lles axude a ver que a felicidade non sempre ten que ser a dous, que aprendan, tras sair do inferno dos malos tratos, a disfrutar dos momentos máis sinxelos da vida que lles foron arrebatados.
Xogar tranquilamente cos seus fillos, dar un paseo, tumbarse no sofá a ler un libro ou tomar un café e ter unha agradable conversa con eses amigos dos que o seu carceleiro psicolóxico e, nalgúns casos, tamén físico, as illou, son praceres, luxos, que deben aprender a disfrutar de novo.
Axudarlles a recobrar ou adquirir unha fortaleza que nin elas mesmas saben que teñen é a maneira de afastalas de novos maltratadoreso é o único xeito de evitar que volvan a caer na mesma trampa.
O que está claro é que a solución non pasa por culpabilizalas, nin por facelas responsables da súa desgraza.
Ningunha das mulleres que somos vítimas de violencia de xénero nacemos predestinadas para selo.
O dixen moitas veces e non me cansarei de repetilo. Non nacemos vítimas. Fannos vítimas, que non é o mesmo.
É, por suposto, non estamos condenadas a selo para sempre.
Que nos condenen é outra cousa.
Asociación Si, hai saída