José Antonio Gómez Novoa
Ventana Indiscreta: Síntome culpable
Hoxe día das nosas letras, decido escribir en galego, un idioma que falo e do que estou orgulloso, pero ao meu pesar, teño dificultades para escribilo. E, por que?. Creo que ten que ver coa aprendizaxe observacional e diferentes mecanismos inhibidores no cerebro que se instalaron na infancia. Si, certo, está predisposición negativa está inmersa na mente de moitos dos galegos nados nos anos 60.
Esa xeración cuxos pais foron os protagonistas do éxodo rural (migración do campo á cidade pola fame e a pobreza), co consecuente choque emocional e cultural que significou para a familia. Eles, aínda sendo galego falantes, multiplicaban esforzos para falarnos en castelán, porque sabían que de non facelo ,poderiamos ter problemas.
Os primeiros días de colexio eran moi duros. Acórdome a primeira vez, que estaba un "pouco apurado", e díxenlle á profe: "poido sair ao baño?". As gargalladas soaron en parte da clase, e Dona Purita cominoume a que copiase 500 veces no meu caderno, a frase "por favor señorita, ¿puedo ir al baño?". Sei dalgún que se mexaba por vergoña antes de levantar a man. Ao saír ao recreo, algúns chamábanlle paleto, e eras o último dos elixidos nos equipos que se formaban. Era todo tan absurdo que memorizabamos os ríos de Asia e descoñeciamos o que pasaba por Rivadabia.
Anos máis tarde, na nosa primeira mocidade, cando iamos de festa ou ao guateque da parroquia, e pediamos de bailar ás mozas, evitabamos dirixirnos a elas en galego porque pensabamos que utilizando ese idioma eran "inalcanzables" para nós. Era un imposible conseguir un baile, e non digamos un posible ligue.
O mesmo nos pasaba cando acudiamos ao médico, ou nos confesabamos co cura da parroquia. Parecíanos que a atención non sería a mesma, ou que non nos entendería, e máis aínda, que ao falar en castelán os síntomas ou os pecados aliviaríanse antes e mellor.
Si, eu pecador confésome. Resúltame farto difícil expresarme por escrito, e hoxe o que aquí reflexiono, primeiro está reflectido en castelán e despois traducido ao galego. Penso e soño en castelán ou en galego, pero a zona do cerebro que regula o ámbito da escritura está predisposta a escribir en castelán. Feliz día das letras galegas.