Tribuna Viva
ENCE e a responsabilidade social empresarial
A última polémica sobre ENCE ten tres dimensións analíticas posíbeis: xurídica, económica e política.
No plano xurídico, existen dúas circunstancias indiscutíbeis que convén lembrar. Unha: a pesar da evidente relevancia da decisión tomada pola Avogacía do Estado, non estamos ante a definitiva resolución xudicial que finiquite o recurso presentado polo concello de Pontevedra e pola Asociación de Defensa da Ria.
Outra: a prórroga aprobada polo Executivo de Rajoy tivo lugar despois da celebración das eleccións xerais de Decembro de 2015 e moito antes de que se constituíra o novo goberno do PP, logo da repetición dos comicios en Xuño de 2016. Daquela si estabamos ante un “goberno en funcións”, circunstancia que agora non se deu por canto o Executivo de Sánchez só adquiriu semellante condición a partir do pasado 29 de Abril.
ENCE sabe perfectamente que se hoxe quixera iniciar as súas actividades no lugar onde está ubicada, non podería facelo. E coñece, sen dúbida, a chamada Responsabilidade Social Empresarial(RSE), unha corrente doutrinal -asumida oficialmente polos referentes principais do universo empresarial- que aposta
polo necesario compromiso das corporacións coas sociedades na que fican inseridas.
A RSE non significa, só, cumprir coa legalidade vixente en cada conxuntura histórica. Representa algo mais: sintonizar coas demandas que se formulan dende a contorna social. Os accionistas e directivos de ENCE son coñecedores da débeda histórica que esta empresa ten contraída coa maioría da sociedade
pontevedresa que desexa, dende hai tempo, o cambio de localización desas instalacións.
A solución da prórroga dos 60 anos constitúe un insulto ao raciocinio que debería presidir o desenvolvemento das actividades industriais nun pais democrático do mundo mais avanzado. A menos que se manteña o vello criterio de que a maximización do beneficio privado está por riba de calquera outra consideración.
Coa chegada do goberno bipartito (PSdG-BNG) no ano 2005 houbo un intento para acordar un traslado das instalacións da papeleira a outro lugar no que se provocaran menores impactos medioambientais. Tal iniciativa promovida dende as consellarías pilotadas polo BNG non foi viábel porque a empresa non quixo asumir custe algún na realización de semellante deslocalización.
Despois do 2009, o actual presidente da Xunta, Núñez Feijoo, suxeriu, nalgunha ocasión, a pertinencia dunha solución análoga mais non foi quen de propiciar unha saída práctica a este contencioso.
Algúns dirixentes de asociacións empresariais suscitan cun dilema apocalíptico: ou ENCE segue onde está ubicada ou haberá un peche coa conseguinte perda dos postos de traballo vinculados a esta empresa. Para eles, a Responsabilidade Social non existe. Semellantes ideas non se compadecen coa economía social de mercado que se invoca na Constitución nin coas prácticas vixentes nos países mais representativos do Estado do benestar, o sinal identitario mais relevante da Europa dos últimos 50 anos.
Xesús Veiga