Tribuna Viva
Que vai ser de nós
Levo unha temporada nun sinvivir. Róndame na cabeza un problema que me está quitar o sono. Corre por aí un ruxe ruxe de que ENCE pode verse na obriga de ter que botarlle o peche a súa fábrica, perdón biofábrica, de Pontevedra. As consecuencias deste peche son imprevisibles. Prestixiosos membros da comunidade científica internacional alertan sobre os perigos aos que se enfrontaría a cidade de Pontevedra no caso pechar a fábrica, perdón de novo, biofábrica.
Segundo os científicos a súpeta desaparición dos centos de miles de millóns de empregos, directos, indirectos, inventados e inducidos pola biofábrica podería provocar un efecto succionador que afectaría á expansión do Universo causada polo Big Bang. O Universo entraría nun proceso de contracción. Este proceso de contracción remataría coa aparición dun buraco negro e a desaparición de Pontevedra ou incluso de Galicia enteira. Os primeiros síntomas xa comezan a ser visibles. No monte de A Fracha apareceu unha fenda que a percorre de de norte a sur para a que os científicos non atopan explicación.
O pazo de Lourizán, pola súa proximidade á biofabrica, estase a desintegrar por momentos. Un número indeterminado de habitantes está a ser vítima dunha epidemia de ENCEfalopatía "bobina" de orixe descoñecida. Os efectos mais evidentes desta epidemia son a perda de vocabulario daqueles que a padecen quedando este reducido a unha ducia de palabras: Torra, Separatistas, Constitucionalistas, Proetarras, Otegui, Puigdemont, Kale Borroka, España, Bildu, Comunistas e Batasunos. Venezuela, Bolivarianos e Chavistas xa se perderon, probablemente, para sempre.
Esta catástrofe xa se evidenciou co peche da fabrica de ENCE en Huelva. A provincia enteira desapareceu engulida polo buraco negro que provocou o peche da fábrica. Canto vai que non escoitan chistes de Lepe. A atracción que exerce o buraco é tal que nin os chistes de leperos son capaces de saír da localidade. Un futuro parecido pode que nos agarde aos habitantes de Pontevedra. É posible que nun futuro non moi distante as nécoras, percebes e demais produtos non poidan saír das nosas rías, o mesmo que lle pasa aos chistes de Lepe. Non sei canto máis vou aturar esta situación. Tentarei aguantar. Non prometo nada. Ala, saudiña.
Juan José Soto Vidal