Marta Rodríguez Engroba
O machismo que non cesa. De quen é a culpa?
Con moi poucos días de diferencia lin e presenciei dúas situacións que non fixeron máis que confirmarme algo que, por outra banda, xa hai moito tempo que teño máis que craro e que evidencia que, no que atinxe a igualdade e a violencia de xénero, aínda estamos a anos luz de acadar eses logros que tentan vendernos que xa temos no peto.
Ambos casos foron protagonizados por dúas mulleres de xeracións totalmente distintas.
De feito poderían ser tranquilamente avoa e neta, e… bueno, xulgade vos mesmos.
O primeiro caso do que estou a falar ten que ver con unha entrevista feita a unha actriz xa con bastantes anos as costas, máis de setenta, e que sempre foi considerada como un pouco adiantada ao seu tempo, liberada, e sen que lle preocupara excesivamente a opinión dunha sociedade encorsetada e rancia como a que ela lle tocou vivir.
Aparentemente, unha icona da época.
Esta muller estivo casada cun actor, xa falecido, famoso non soamente polo seu traballo, senón tamén, ou tal vez máis, por ser un auténtico "calavera", que non dubidou en serlle infiel en incontables ocasións, infidelidades que ela aturou estoicamente durante moitísimos anos, pero que, finalmente desembocaron no divorcio da parella, seguindo el coa súa traxectoria de impenitente "latin lover", que soamente semellou, polo menos aparentemente, ralentizarse nos derradeiros anos da súa vida, e eso porque a saúde non lle permitiu continuar coas súas fazañas amorosas.
Cando, na devandita entrevista, o xornalista lle preguntou a esta señora acerca desa época da súa vida ao carón dese home, e o motivo polo cal soportara os seus engaños durante tantos anos ela respondeu, "Queríalle moito e facía a vista gorda ante certas situacións. A convivencia foi moi difícil para min. El non tiña culpa ningunha, porque o tipo de muller que quería non era eu. El buscaba unha muller sumisa, que lle consentira todo, e eu era demasiado rebelde"
Tremendo! Ela mesma, despois de anos e máis anos soportando infidelidades e probablemente algúnha aldraxe máis por parte de quen, obviamente, utilizaba as mulleres ao seu antoxo, se culpabilizou, e o sigue facendo, a día de hoxe, e despois de pasar por dous matrimonios máis, dos devaneos do seu ex marido, por non ter sido todo o sumisa que debera, por non ficar na casa, coma el desexaba e traballar fóra, e co agravante de ser actriz, co estigma que iso conlevaba e que, ainda hoxe, non desapareceu de todo. Non falta quen con unha mente máis que estreita asocie que ser actriz implica pouco menos que sair a orxía por día.
O segundo caso ao que me estou a referir foi protagonizado por unha parella moito máis nova. Penso que non superarían en moito os vinte anos.
Coincidín con eles nunha perfumería, onde, coma min, ela andaba a procura de productos de maquillaxe, coa diferencia de que ela demorábase moito máis diante de cada produto, para, de seguido, amosarllo a súa parella, que, sistematicamente, ía rexeitando todos e cada un deles, enumerándolle os defectos que, según él, ela tiña.
"Ese rimmel non che vai. Tes moi poucas pestañas e non che ía queder ben". "Deixa ese colorete. A túa pel é moi branca e non che favorece"."A onde vas con esa barra de labios? Ías ir guapa con ela!.Está ben para unha rapaza que teña máis labios, non para tí!".
Cada vez que él desbotaba un produto ao mesmo tempo que a menosprezaba, ela o devolvía docilmente ao expositor, dicindo baixiño, "Tes razón", ou "É verdade".
Eu estaba indignada, e teño que recoñecer que non perdía detalle.
Tiven que facer auténticos esforzos para non achegarme máis a eles e preguntarlle a ese "machoman" quen demo se cría que era, e a ela se non se decataba de que era preciosa e que, ademais, un tipo así non a merece, nin ela merece sufrir con un elemento de tal calibre ao seu carón, porque se se comporta así en público, en privado será, por suposto, moito peor, non hai dúbida.
Optei por marchar, porque me coñezo, e se continuaba escoitando máis tempo, tiña todas as papeletas para estalar, e, ao final, como adoita pasar nestes casos, soamente ía conseguir unha desagradable escena, pola que probablemente a rapaza resultaría despois perxudicada.
Por estas casualidades da vida, apenas unhos minutos despois, de novo coincidín con eles nun supermercado próximo, e, unha vez máis, repetíuse a historia, esta vez lembrándolle él o que engordaba cada alimento ao que ela botaba a man, e que devolvía de novo ao andel mentras el lle repetía que xa tiña quilos dabondo e que debía coidar o que comía.
E todo isto llo dicía interrumpindo por breves segundos, os xustos para afundila, a conversa polo móvil, mantendo o comportamento que xa tivera no establecemento anterior.
Dito doutro xeito, tan só se dirixía a ela para humillala.
Cincuenta anos polo menos separan a estas dúas mulleres, cincuenta anos, eso si, sinxelamente cronolóxicos, porque, a vista está, en cuestión de igualdade, en cuestión de machismo rancio e envelenado, aínda seguimos como hai xa non anos, se non séculos.
Seguramente que a maioría pensaredes que o da actriz, a muller da primeira historia, é comprensible polos anos nos que lle sucedeu e pola mentalidade da época, pero que, no caso da rapaza protagonista da segunda historia, a culpa a ten ese repunte do machismo entre os máis novos do que tanto se fala, porque nestes temas, facer non se fai moito, pero falar... mi madriña!, é a actividade favorita de medio pais, porque o outro medio xa non se molesta nin neso.
E eu pregúntome, a que pensa a xente que se debe ese famoso "repunte"?
Xurdiu así, por xeneración espontánea, como unha erupción da pel, que vai e ven, e ten épocas nas que os brotes aumentan?
Ninguén se plantexa que ao mellor estamos a facer algo moi mal?
Eu teño claro que os rapaces non nacen co xen do machismo "de serie", nin as rapazas co de sumisas.
Igual nos temos que plantexar que, como dí o refraneiro, "deses mimbres, saen eses cestos", ou, por se alguén non me entende, ou non me quere entender, dito doutro xeito, a mocedade está a reproducir os roles que nos lles ensinamos.
Sempre, como en todo, pode haber algunha excepción, pero o que é obvio é que o fogar, a familia, son, desde o berce, o seu referente, o exemplo que, para ben ou para mal, condicionará o seu comportamento futuro en todos e cada un dos eidos da súa vida.
Evidentemente, o que respiran fora do fogar tamén exerce unha poderosa influencia, non cabe dúbida, pero, para asegurar a solidez de calquera construcción, a primeira e fundamental premisa, da que, baixo ningún xeito se pode prescindir, é que a base sexa firme, segura. Do contrario, a devandita construción comezará, nun momento dado, a cambalearse para, case con toda probabilidade, rematar por virse abaixo.
Deixemos de culpalos a eles, aos máis novos, e tentemos facer un exercicio de reflexión. Analicemos as nosas conductas, como tratamos ou nos tratan as nosas parellas, onde poñemos os límites... se os poñemos, e que é o que lles estamos a transmitir aos nosos fillos, aos nosos netos.
Se esta reflexión a facemos de corazón, con sinceridade, estou segura de que as conclusións serán sorprendentes, e en non poucos casos o máis honrado será entonar o "mea culpa" e tentar rectificar, porque, de non ser así, nin todas as teorías, nin todos os movementos feministas do mundo, servirán de nada.
Asociación Si, hai saída