Marta Rodríguez Engroba
O perigo de quedarse tan só co titular
Xuro que non hai día que non mo propoña.
Non hai día no que non me diga a min mesma, "Marta, tes que tomarte as cousas menos a peito, porque se caes, e a este paso tes todos os boletos, entón si que a túa loita non servirá de nada. Xa non poderás axudar a ninguén".
Pero é inútil, unha batalla perdida. En canto tento tomar aire e reemprender a marcha dun xeito máis mainiño, unha nova inxustiza, unha nova "subida ao carro" da violencia de xénero, da dor, botan polo chan o meu propósito e acendo dun xeito ainda máis alterado do que o estaba a facer ata ese momento.
Tamén é verdade que estou convencida de que ahí radica a diferencia entre quen fai as cousas de verdade, crendo nelas, e quen se engancha a elas por interese, pero claro, o día que me dea algo, eso non vai ser consolo…… nin remedio!
Esta semana, como era de agardar, non foi a excepción. De feito, era previsible, porque, xa se sabe, en plena campaña o "eu máis" tentando demostrar méritos fronte aos contrarios a procura de votos, fai que saian a luz toda clase de promesas e mesmo de fazañas, coa intención de levar cada quen a auga ao rego de seu partido.
Desta volta tocoulle a quenda a entrada en vigor das axudas para o aluguer de vivendas as vítimas de violencia de xénero.
Por certo, en que datas máis oportunas, non si? Ou serán cousas miñas, que cada vez me estou volvendo máis malpensada…..?
Sairon a luz, como non podería ser menos, os titulares anunciando a bombo e platillo a medida e todo o mundo máis ou menos implicado no tema se parabenizou e proclamou aos catro ventos o maravilloso desta nova.
Home, unha mala nova non é, as cousas como son, pero, a min, que son, xa o dín moitos, e con razón!, unha verdadeira "mosca cojonera", desculpade a expresión, non deixou de chamarme a atención que ninguén semellara decatarse de certos "matices", como os dalgúns dos requisitos para que as mulleres vítimas de violencia de xénero poidan acadar as devanditas axudas.
Vou mencionar dous deles:
O primeiro:
"Que dentro do ano anterior a data da presentación da solicitude cesase a convivencia co agresor ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación".
Estupendo!. Ben se ve que saben do que están a falar e que teñen moi claras as circunstancias nas que se adoitan atopar a inmensa maioría das mulleres maltratadas!.
Sería bo que lembraran, ou aprenderan, porque me da a min que ese é o termo correcto,dado o coñecemento que demostran na materia, que un gran número de mulleres vítimas de violencia de xénero dependen en todos os aspectos do seu agresor, TAMÉN NO ECONÓMICO, non contando con ningún recurso, sendo, porén, TOTALMENTE INVIABLE o cese desa convivencia en tanto non se lles proporcione unha alternativa e non teñan un teito baixo o que vivir, elas, e, en moitos casos, tamén os seus fillos.
Tan difícil é eso de entender?.
O segundo:
"No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orden de protección ou de medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data da presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda".
Bueno, pois xa tiñamos a liña, e imos seguir para bingo!.
Paréceme bastante grave o grado de "despiste", por non dicir descoñecemento, que demostran quen teñen os fíos para artellar gran parte das ferramentas que poden cambiar a vida dunha muller vítima de malos tratos, ou mesmo de salvala, porque non é de recibo nin siquera chegar a pensar que ignoran que a extinción dunha orde de protección pode obedecer a diversos factores, que non implican, necesariamente, e, de feito, case nunca é así, que o perigo deixe de existir ou que o risco sexa menor.
Os procesos xudiciais, adoitan ser complexos, e, lamentablemente, como todos deberíamos saber, non sempre evolucionan a favor das vítimas.
Obviamente, o agresor tentará presentar a mellor defensa posible para sair absolto, o que pasa, inevitablemente, por demostrar que a orde de protección non é precisa, polo cal cabe perfectamente a posibilidade de que unha orde de afastamento deixe de estar en vigor, pero que a vítima non soamente continúe en perigo, se non que o seu risco se eleve considerablemente, xa que está a mercé dun maltratador libre, dobremente agresivo por ter sido denunciado e condeado, e coñecedor da súa desprotección e indefensión.
E ainda por riba, a esa muller se lle "premia" impedíndolle optar a unha axuda para acceder a unha vivenda.
Todo moi lóxico e moi coherente.
Tamén no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual hai algunha que outra "perla".
Comezan a lista de requisitos dicindo que "será suficiente acreditar que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais", e ata ahí moi ben, para, de seguido, comezar xa a fíar un chisquiño máis fino, e pasar ao seguinte requisito:
"Que sexan persoas arrendatarias ou que estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano, e con referencia expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da lei 29/1994 do 24 de Novembro, de arrendamentos urbanos".
Qué problema hai?.
Tendo en conta que, hoxe en día, a calquera persoa que pretenda alugar unha vivenda, ainda tendo un traballo deses "de ben", o máis probable é que lle pidan un contrato, unha nómina ou mesmo un aval, ademais, por suposto, de como mínimo un mes de fianza, e digo como mínimo porque, malia que a lei establece que a fianza legal para o aluguer dunha vivenda é o importe dun mes, hai moito "espabilado" que esixe o de dúas mensualidades.
E xa que falamos de importe, non esquezamos os niveis que acadan.
A día de hoxe, atopar unha vivenda medianamente digna e en condicións aceptables por menos de catrocentos euros, é estou a tirar polo baixo, é misión imposible, suministros aparte, claro está, e tal vez comunidade.
E ollo, todo isto con sorte, porque hai propietarios que tamén solicitan referencias do potencial inquilino, inquilina neste caso, polo que non é difícil imaxinar as facilidades que se lle darán a unha muller estranxeira, vítima de trata, que exerceu a prostitución, sen traballo e sen recursos.....Vamos, que o ten facilísimo para cumprir ese requisito.
O mesmo, nunha sociedade coma nosa, nada discriminatoria e aberta de mente, hai pelexas para tela de inquilina!
Como en case todo nesta vida, hai que ler, xa non a letra pequena, se non tamén entre liñas.
É moi doado quedarse cun titular atractivo e coa seguridade case total de que moi poucos, agás os que, coma min, diseccionamos todo o que atinxe a aquelo que nos preocupa, se tomarán a molestia de ler con calma todos os puntos.
Un titular, como tantos outros, que vende, que dúbida cabe. Que mesmo fará concebir esperanzas a moitas mulleres, pero que a hora de pelexar cos papeis, coa burocracía, espertarán do sono, e, unha vez máis, se darán de bruzos coa realidade, unha realidade, por certo, a delas, a das mulleres vítimas da violencia de xénero, da trata, da que se fala moito, que se utiliza, porque, o mesmo que o titular, tamén vende, e máis en época de eleccións, pero que continúa sendo unha descoñecida e, o peor de todo, o interese por coñecela segue a ser prácticamente nulo.
E, lendo todo isto, unha vez máis, e non teño remedio, me alporicei como sei que non debo facelo, pero non podo evitalo, non podo soportar que se maquille a verdade, que se tente facer o que non é a mulleres que dabondo teñen coas súas desgrazas.
Non nos quedemos tan so co titular.
Demasiadas veces non é o que parece, e non seguir lendo é mesmo perigoso.
Asociación Si, hai saída