Marta Rodríguez Engroba
Vós sodes a esperanza
Hoxe quero dedicarlles este artigo a dous novos amigos, aos que coñecín e cos que compartín a tarde do pasado Xoves Santo, unha tarde destinada ao lecer, ou a devoción, según cada quen.
Fago fincapé nisto porque estou a falar de dúas persoas moi novas, polo que, o que vou a contar, ten, no meu xuizo, gran relevancia e dí moito deles, moito e bo.
Noa e Miguel, os meus novos amigos, son alumnos dun instituto de Lugo, e pertencen, por tanto, a esa xeración a que lles achacamos estar a contribuir a repuntar a violencia de xénero entre os máis novos, aos que acusamos de traer, no caso dos rapaces, o machismo xa inoculado nas súas venas e, no das rapazas, de nacer co xerme da sumisión e abocadas a relacións tóxicas que as conducirán irremediablemente ao maltrato por parte das súas parellas.
Porque, seica, según moitos que son auténticas "autoridades" nesta materia,aos máis novos, ou, polo menos, a unha gran parte deles, todo o que atinxe a violencia machista, lles é totalmente indiferente, non lles importa, e mesmo nalgún centro de ensino, á hora de propoñer algunha charla sobre o tema, se nos dixo, por parte dalgún responsable que non lles interesa o máis mínimo e que tan só acuden se se lles obriga, algo, por certo, que eu, nos cinco anos que Si, hai saída leva xa en marcha e nos que levo dadas moitas charlas en moitos colexios e institutos nunca percibín, pero si eles o din...
Miguel e Noa optaron por pasar esa tarde festiva falando dese tema sobre o que din que non lles interesa, a violencia de xénero. Un tema sobre o que están a traballar, e sobre o que queren saber moito máis, e sobre todo, coñecer a realidade.
Son moitas as cousas que lles contan, moitas teorías, pero ainda nunca ninguén lles falou do que sinten, do que viven, do que realmente é a realidade das vítimas da violencia de xénero.
Por eso, algo que nos encheu de ledicia e que lles agradecemos de corazón, pensaron en Si, hai saída, porque no noso colectivo facemos un traballo "de campo", empapámonos todos e cada un dos días do sentir, da dor, do medo, e tamén da esperanza, dos desexos de vivir unha vida libre de terror destas mulleres, sexan da idade que sexan.
Ao longo dunhas cantas horas foron debullando diversas cuestións que lles preocupan, sobre as que queren saber, e que tentei responderlles do mellor xeito posible, contándolles, sinxelamente, a verdade.
Falamos de como identificar a violencia de xénero, do calvario que supón moitas veces para unha muller denunciar o maltrato, do difícil que lles resulta reiniciar a súa vida, de como a sociedade as estigmatiza, de como os nenos e nenas fillos de nais maltratadas acusan esta tremenda situación, das mulleres do rural, as grandes esquecidas, etc, etc, etc.
Impresionante.
Tentamos non esquecer case nada, pero teríamos, iso seguro, materia para falar moitísmas horas máis.
Impactoulles especialmente o motivo que me levou a formar Si, hai saída, saber que eu tamén fun vítima, que a miña vida tamén estivo a piques de ser unha máis desa lista de mulleres asasinadas por quen dí amalas e a min, pola miña banda, impresionoume fondamente a súa sensibilidade, a súa madurez, e esa sensación que me transmitiron de que realmente lles interesa saber que está a pasar, por que a violencia machista non remite, e que desexan axudar a esa remisión, pero realmente non saben como, porque o que se lles está a transmitir non lles enche, non lles chega.
Relatáronme algunhas cousas que lles contaron en diversas charlas, e que xa coñecen, porque llas repiten unha e outra vez, pero como se dunha lección se tratara, ensinándolles conceptos, teorías, pero pouca vida, malia que sei que este non é un xeito moi ortodoxo de explicalo, pero non se me ocorre, realmente, outro que o defina mellor.
Non teño un euro, pero se o tivera, daría gustosa os que fora para que algún membro de certas institucións os escoitara cando se tratou o capítulo das denuncias, de como ELES, non eu, entenden que debería ser o persoal encargado deste cometido, dos requisitos que deberían cumprir, e de como a empatía e a humanidade deberían ser os principales a ter en conta, descartando a quen non os tivera.
Que lección tan grande lles darían a moitos, canto poderían aprender deles!
Non quedou tampouco no esquecemento un aspecto da violencia machista que resulta sempre especialmente duro de tratar: a violencia sexual, sempre presente neste inferno de relacións, e da especial importancia que ten que sempre teñan claro que ninguén pode obrigar a unha rapaza a ter relacións se ela non o desexa, nin tampouco a realizar algunha práctica que lle desagrade, que o seu corpo é tan só delas, e que cando din non o que queren dicir é xustamente NON.
Que, de non ser así, están a ser forzadas. Duro, pero certo.
Non me pasou desapercibido o suspiro de alivio de Noa cando me preguntou a miña opinión sobre o aborto e me posicionei claramente a favor, como a favor me posiciono de todo canto implique respectar a liberdade da muller, e, porén, se desexa ser ou non nai.
Gustoume especialmente cando lle tocou a quenda ao tema do feminismo.
Dixeron que alguén lles comentara que eu tiña unha visión moi particular del, e querían coñecela.
Que ledicia tan inmensa constatar que dúas xeracións as que nos separan tantísimos anos concordamos totalmente ao respecto!
Os tres avogamos pola igualdade real entre mulleres e homes, igualdade de dereitos e de obrigas, e tamén os tres rexeitamos de cheo ese "pseudofeminismo" de datas concretas, que as veces raia no fanatismo, e que semella condenar todo canto teña que ver cos homes, aos que case se lles otorga por sistema, polo feito de selo, a condición de machistas e de maltratadores en potencia.
Un sopro de aire fresco comprobar como estes rapaces tan novos se decatan perfectamente de como prolifera ese "feminismo de pancarta", experto en golpes de efecto en datas sinaladas, pero totalmente incapaz de levar a práctica aquelo que din reivindicar, pero que esixe un arduo traballo diario que non están pola labor de facer.
Cansa moito e luce pouco.
Tería material para seguir contando horas e horas, pero vou tentar facer un resumo que creo que define o vivido na tarde do Xoves.
Din que á mocidade non lle interesa a violencia de xénero?. Mentira!
O que non lles interesa é que lles conten máis "historias para non durmir". Son novos, non tontos nin cegos.
Ou será, tal vez, que a nos, os adultos, non nos interesa que profundicen demasiado en certos aspectos? Porque lembremos que os xóvenes se empapan e reproducen o que viven con nós, os adultos, o que nos lles ensinamos. Non hai outra, por moito que nos amole recoñecelo.
Non hai xenes machistas ou de maltratadores "de serie", como tampouco os hai de sumisión ou que leven a algunhas rapazas a ser irremediablemente maltratadas.
Admitámolo dunha vez. Nós, os maiores, os adultos, os que se supón debemos educalos, e ser os seus referentes, algo estamos a facer mal, moi mal.
Nos si poderíamos e deberíamos aprender moito deles.
En canto a vós, Noa, Miguel, un pracer e unha honra coñecervos e compartir unhas horas tan fantásticas con vos e tede moi claro que vos, e, os que coma vos, tedes implicación, sensibilidade, e un enorme sentido común, que sodes, estou segura, moitos, non cambiedes nunca, non permitades que o sistema, a sociedade vos deshumanice, e non esquezades que vos sodes a esperanza de que isto mude.
Asociación Si, hai saída