Ernesto Vázquez-Rey Farto
O Museo e as musas
O Museo, na súa orixe, era o templo dedicado ás musas, divinidades inspiradoras da música e da arte. Estas, iluminaban e movían a vontade dos escritores, dos artistas e dos gobernantes levando a erudición á sociedade, a través de quen as escoitaban. No mundo antigo era frecuente que filósofos, matemáticos, astrónomos ou poetas pasearan polos Museos observando, investigando e estudando, baixo a intervención directa das musas.
Pola contra, en Pontevedra os nosos gobernantes non escoitan. Actúan impulsados por pactos entre formacións políticas, con diversos intereses ocultos, de costas á sociedade que din representar, gastando os recursos públicos en proxectos quiméricos ou tan despegados da realidade que provocan un ruboroso estupor a quen se para a ler os Boletíns Oficiais.
A Deputación Provincial, representada polo seu vicepresidente nacionalista e polo deputado delegado nunha materia na que é incompetente -segundo a lexislación vixente- veñen de presentar ao novo director do Museo de Pontevedra: José Manuel Rey García, arqueólogo da Xunta de Galiza que foi director do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro. E aquí, unha vez máis, os nosos gobernantes traballan de costas aos seus supostos representados. Non se convidou á presentación pública nin ao persoal do Museo, nin ás Amigas e Amigos, nin ao público xeral; fiel reflexo do respaldo co que chega o novo director a unha institución de tanto prestixio e na que o mesmo foi bolseiro.
A propósito deste novo convidado, tiven a oportunidade de representar á Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra no XXVII Congreso Nacional da Federación Española de Amigos de los Museos, que se celebrou en Girona hay uns días, e de alí trouxen un titular do máis oportuno: Non existe comunidade sen memoria nin consenso.
É público e notorio que actualmente non existe un consenso arredor da Dirección do Museo de Pontevedra, do seu proceso de elección, da súa duración no cargo nin da súa designación. E nesta falta de consenso, coa conseguinte imposición directa do goberno provincial, se produce a desestimación do recurso de reposición que a AMUPo interpuxo contra a convocatoria da praza de director/a do Museo. Como se dunha sibila se tratara, a xefa do Servizo de Recursos Humanos e Formación da Deputación, María Jesús Torres, trasladóunos a súa profecía, manifestada -como corresponde- en estado de trance dende algunha gruta do Pazo Provincial.
Neste escrito o oráculo provincial conclúe que nin a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, nin os particulares que temos pezas depositadas na colección do Museo, temos lexitimación para cuestionar os designios dimanantes do goberno provincial e aínda conclúe algo máis grave: o Museo é un Servizo da Deputación dende a disolución do Organismo Autónomo Local en 2012.
Porén, aínda non existindo consenso, hai memoria. E xa non é só que Don Cesáreo non escoite ás musas, senón que as ten amordazadas e confinadas á morte por inanición, porque senón non se pode comprender a súa actuación en toda esta epopea. El, que no Pleno extraordinario e urxente do 3 de maio de 2013, e con motivo da integración do inventario do Museo de Pontevedra no da Deputación, lle espetou a Louzán: “Ben, polo menos no Museo, estaba previsto nos seus Estatutos que tiña que haber unha Comisión liquidadora, que non se constituíu, ou o propio, a Comisión reitora constituída en Comisión liquidadora tampouco. […] Unha cousa é que sigan os mesmos funcionarios e outra cousa é que o organismo como tal, que era unha entidade de Dereito Público, que hai que liquidala e non se fixo”.
Recoñecía, pois, que a disolución do Museo como entidade independente da Deputación Provincial non se levara a cabo consonte aos Estatutos do propio Museo. Pero daquela mandaban Louzán, Ana Isabel Vázquez e Joaquín Lede, e agora manda el, Xosé Leal e Sonia Mateos. Quen ocupe a dirección técnica do Museo, en realidade, é o de menos.
Triste ocaso dun goberno que viña a mudar radicalmente a política provincial, a deixar atrás o caciquismo e as malas prácticas e a establecer como bandeira a igualdade, a participación, a transparencia, o mérito e a capacidade.
Traducido en román paladino: Donde dije digo, no digo digo, que digo Diego.