Marta Rodríguez Engroba
A campaña do atrezzo
Creo non estar errada nin esaxerar se afirmo rotundamente que, desde que comezamos, en Si, hai saída, a traballar no eido de violencia de xénero, a que estamos a vivir é a época máis desalentadora, máis frustrante.
Teño asumido, como non podería ser doutro xeito, que cando unha campaña electoral comeza, as promesas, sexan do tipo que sexan, proliferan, e escoitamos o conto da leiteira, en numerosas versións, a cada cal máis fantástica, unha e outra vez.
A violencia de xénero é, por desgraza, un "caramelo", si se me permite a comparación, moi apetecible para tentar gañar votos, apelando a sensibilidade e a conciencia da cidadanía, moi dada, ademais, na maioría dos casos, a quedarse na superficie das arengas electorais, das promesas, sen profundizar, e sen molestarse en ter en conta moitos factores que, de ser analizados, tal vez lles faría mudar a perspectiva. Para qué?
Esta campaña que arranca non é unha excepción, e prácticamente cada día nos anuncian novas medidas que semellan ser pouco menos que a panacea.
Axudas para facilitarlles as vítimas da violencia de xénero o alugueiro dunha vivenda, vacacións para elas e os seus fillos, acceso a axudas sen que sexa preciso denunciar, e contando tan só cos informes dos servizos sociais para acreditar a súa condición de vítima...Todo fantástico!. Unha auténtica maravilla!.
E eu xa comezo, chegados a este punto, a preguntarme moi seriamente se son, xa non rara, que eso o teño claro, se non, case, case, unha especie de extraterrestre, porque non acabo de entender como ninguén semella ver o que para min é obvio.
Vou comezar pola última das medidas as que aludo, o acceso a axudas sen que sexa preciso denunciar.
Eu pregúntome, de que nos serviu traballar tanto como temos traballado, e ainda o seguimos facendo, para que as mulleres denuncien, cando agora se lles está a poñer en bandexa que non o fagan?
E que ninguén ten nin o máis mínimo sentido común como para decatarse de que, se non hai denuncia, non hai protección?
De que lle vale a unha muller que está sufrindo malos tratos, aos seus fillos, acceder a unha axuda económica cando tenta rachar co seu agresor, se el segue campando libremente e eles non teñen protección algunha?
Está moi ben facilitarlles o alugueiro dunha vivenda, pagarlles unhas vacacións, etc, etc, pero, por qué non deixamos de focalizar a atención nas medidas máis atractivas e nos centramos por un intre en que estamos obviando o máis importante?
É algo que en Si, hai saída non somos quen de entender.
Desde que arrancamos, e xa hai cinco anos que o fixemos, a nosa prioridade foi, é, e seguirá sendo que as vítimas de violencia de xénero denuncien ao seu agresor, e que sexan, no momento de facelo, adecuadamente atendidas e posteriormente protexidas como procede.
Esta é unha loita contínua por dous motivos.
O primeiro, a lóxica reticencia da muller a facelo. O medo, a dependencia psicolóxica do seu maltratador, a económica, o temor a ser cuestionadas, etc, etc, son factores enormemente disuasorios que fan moi difícil que dea este paso, ademais, por suposto, da incerteza do que vai acontecer unha vez saian desa comisaría, o que nos leva a ese segundo motivo.
Queremos, esiximos, que cando por fin conseguimos que o fagan, sexan protexidas, que non as deixen a mercé do seu verdugo, e que todo o mundo teña claro que, en cuestión de violencia machista non se pode baixar a garda nin un momento, porque un só segundo pode custar unha vida.
Somos moi conscientes de que ese celo noso, esa insistencia, non nos fai gañar amigos en moitas ocasións, porque non nos move, é máis que evidente, o afán por quedar ben, nin tampouco tememos perder prebenda algunha, sinxelamente porque non as temos nin as buscamos, non é ese o noso fin. Sinxelamente traballamos para tentar, na medida das nosas modestísimas posibilidades que a nos, as mulleres, aos nosos fillos, deixen de maltratarnos, de asasinarnos, e para eso temos, moitas veces, que dar a voz de alarma, dicir claro e alto o que non se está a facer ben
Desgraciadamente, a maioría das veces é como predicar no deserto, e as medidas de protección deixan moito que desexar, cando non se omiten directamente, pero, curiosamente, nin institucións, nin os políticos nesas campañas cheas de promesas semellan reparar nesto, nin, porén, facer nada por remedialo.
O mesmo da cantas veces o reclamemos, a quen nos dirixamos....é inútil.
O máximo que chegamos a escoitar é que se está a facer ben, xa que ningunha muller se queixa, amparándose sen pestanexar no silencio de mulleres totalmente anuladas polo medo, polas humillacións, e que, en consecuencia, para o último que teñen folgos, e de feito nin se plantexan, é comezar unha nova loita contra quen ainda tendo a obriga de protexelas, as ignoran totalmente, porque teñen claro que non lles vai traer consecuencia algunha.
E, así as cousas, cantos terían e de feito teñen, potestade e ferramentas para tentar arranxar este panorama, poñendo as cousas e a máis dun e dunha no seu sitio, prefiren unirse á festa, as medidas de "atrezzo", que non son malas, por suposto, pero que de moi pouco ou nada serven se falla a base.
Está moi ben que se lle facilite a unha muller vítima de violencia de xénero poder alugar unha vivenda, ou optar a unha axuda económica, pero sen esquecer o máis elemental, que a súa vida segue estando en xogo, e o máis probable e que, máis cedo ou máis tarde, o inevitable acabe por acontecer.
Pero claro, evitar que isto ocurra implica non soamente moito traballo, se non deixar en evidencia que, ao mellor, non todo o mundo implicado está a facelo tan ben ou nin siquera está onde debera, se é que debera estar nalgún sitio no que xogue con vidas, porque deso se trata, de vidas.
É, ademais de infinitamente máis cómodo, moito máis políticamente correcto finxir non ver o que pode ser perxudicial para continuar subindo chanzos na vida política ou mesmo social, e xa non digamos para gañar votos.
Outra pregunta que eu me fago é a seguinte:
Se estas baterías de medidas que se están a levar a cabo a unha velocidade frenética porque son, seica, imprescindibles, a ninguén lle chama a atención que non se plantexaran ata agora, que imos case a milagre por día?
De verdade cren que poden confiar naqueles que non moven un só dedo durante anos, mentras a lista de mulleres asasinadas e mesmo nenas e nenos non deixa de medrar, pero que, de súpeto, ante unhas eleccións, fan descender a categoría de anécdota ao mesmísimo milagre dos pans e os peixes?
Poden confiar naqueles que, malia terlles transmitido unha e outra vez que algo falla, que algo fundamental para protexer vidas, para salvalas, non se está a facer ben, prefiren maquillar esta realidade e distraer a atención hacia o que é, sen dúbida máis efectista e atractivo, pero deixa de lado o fundamental, que é traballar arreo para protexer, para salvar vidas?
Sempre, insisto e me reitero no que dicía ao comezo, sucede o mesmo cando se albiscan unhas eleccións, pero esta campaña en particular, en materia de violencia de xénero, é, para min, máis que nunca, a campaña do atrezzo.
Asociación Si, hai saída