Juan José Esperón
O mal de ollo (Cerponzóns, 1.000 anos de historia)
Xa en tempos moi afastados, os gregos á palabra "baskaino" relacionábana co significado de fascinar, de enfeitizar coa mirada, e os romanos usaban a palabra "fascinatio", de fascinación, queda así plasmado que esta enfermidade é moi coñecida desde moi antigo.
Tamén o Mal de Ollo se coñece por "Mal de Envexa", "Mala de Ollada", "Malas Vistas", "Ollada", "Malos Ollos", etc.
E de sempre falábase que a persoa que facía o Mal de Ollo era porque tivera un pacto co demo, por iso é polo que ás mulleres que transmitían este Mal as tiñan como bruxas, e aos homes como feiticeiros.
Tamén se dicía que quen tiña a propiedade de transmitir esta enfermidade podía nacer xa con ela, ou ben adquirila ao longo da súa vida. Moitas destas persoas que tiñan ese poder sabían del, que podían facer dano coa súa mirada, outras causábano sen querer, porque descoñecían que tivesen esa propiedade. Pero este poder que tiñan algunhas persoas ía máis aló de transmitilo a un humano, o seu poder podía mesmo facer dano a un obxecto, a un animal, a un árbore, etc.
Moitas destas persoas, que sabían da súa mirada daniña, evitaban mirar de fronte, usaban lentes para non causar dano. Pola contra, non cabe dúbida que aquelas que querían causalo saían á rúa en busca da persoa á cal quixese maleficiar. Claro que tamén había maneiras de evitar recibir o Mal de Ollo, para iso botábase man de moitos obxectos talismán, por exemplo o levar un allo colgado do pescozo, uns cornos de bacaloura, colgar na casa unha ferradura de cabalo, levar nun peto unha castaña de indias, ou ben medallas, cruces etc.
Aos animais, por exemplo, aos porcos cando os levaban á feira para vender, e sabendo que tiñan que pasar por lugares onde habitaban xentes co poder do Mal de Ollo, untaban con allo ao porco para evitar que lle transmitise o mal.
Recordo dun feito ocorrido fai máis de corenta anos, celebrábase un acontecemento na parroquia, unha veciña tiña supostamente un poder coa súa mirada, fora convidada ao acto e ao pouco tempo a un dos comensais comezou a sangrarlle o nariz, pero unha barbaridade. Ela ao momento deuse conta. O seu poder era tal que se foi desculpar ao momento; quería evitalo, pero ás veces éralle imposible, aínda así a moita xente dicíallo e pedíalle desculpas.
Pero se o mal xa estaba botado entón había tamén remedios para curar ese Mal: potas, palanganas, auga bendita, cinza, follas de plantas, cruces , medallas, oracións durante nove días , lavando ao enfermo de pés a cabeza... en cada lugar, en cada parroquia tiñan o seu remedio para sanar.