Marta Rodríguez Engroba
Non sempre o que semella ser obvio o é tanto
Esta semana Valencia foi noticia porque, en breve, comezará a funcionar unha Comisaría específica para Violencia de Xénero, que contará, entre outras cousas, con psicólogo e traballador social.
Disporán tamén dun espazo para as exploracións do médico forense, así como un despacho para as entrevistas reservadas das mulleres cos seus letrados.
Tentan, con isto, substituir o ambiente con demasiada frecuencia inhóspito das dependencias policiais, por outro que lles resulte confortable e lles transmita sensación de seguridade, algo básico para elas, que acuden a denunciar nun estado de total medo e confusión
.
Digna de mencionar, así mesmo, esa sala destinada aos nenos, dotada de xoguetes e televisor, tanto polo que atinxe aos propios menores como a súa nai, que terá un aporte extra dunha tranquilidade que é fundamental e decisiva para o transcurso da súa declaración, sabendo que os seus fillos están nun lugar seguro e sendo ben atendidos.
Outro dos obxectivos que persiguen e mellorar a valoración do risco que corren as vítimas, e que, admiten, non sempre se adecúa a realidade, co gravísimo e evidente risco que isto implica.
Horarios máis amplos, dotación de persoal, formación do mesmo, etc, etc, son outras dos aspectos mellorados nesta comisaría.
Todas estas medidas foron adoptadas despois de recoller as propostas, entre outros, de asociacións que traballan con vítimas de violencia de xénero, ou, o que é o mesmo, que coñecen a súa realidade.
Naturalmente esta é unha excelente iniciativa, pola que non cabe máis que expresar parabéns aos seus impulsores, pero a min, ademais deste recoñecemento, o que me produce é un profundo desacougo e unha gran alarma.
Por qué?.
Pois moi sinxelo.
É totalmente arrepiante que tivéramos que chegar a estas alturas, ao ano 2019, para que algo así se materializase, e a contagotas, porque, polo momento tan só Valencia contará con unha oficina de tales características.
Creo que esta é unha mostra máis que evidente da importancia real que se lle está a dar a violencia de xénero e as mulleres que a sufren, sen esquecer, por suposto, aos seus fillos, algo que ainda se fai máis palpable en datas como as que estamos a vivir, cunha campaña electoral collendo velocidade, e na que as subidas ao carro da violencia machista, a utilización das súas vítimas na procura do voto, son a nota dominante.
Que unhas necesidades tan obvias como a elemental intimidade que precisa unha muller maltratada a hora de denunciar, que seus fillos sexan atendidos, por mencionar soamente algunhas, deixan ben patente a desprotección que padecen e a indiferencia que esta cuestión lles xenera a quen ten potestade de tomar decisións, de adoptar medidas, pero, sinxelamente, nin ve a necesidade, nin lle interesa facelo.
Por outra banda, algunha das medidas que esta oficina valenciana vai poñer en práctica, non poden por menos que facerme reflexionar unha vez máis en que ainda hai demasiados estereotipos, demasiadas ideas preconcibidas, que, as veces, non por estar máis arraigados son máis certos, e que, na miña opinión, sería bo revisar.
Estou a referirme, por exemplo, a que esta oficina contará, para acometer as devanditas funcións, con nove policías, todas mulleres, dando por sentado que isto sempre é positivo.
Home, malo non é, evidentemente, e seguramente a moitas das mulleres que acudan a denunciar a presencia feminina lles infundirá seguridade e tranquilidade, agora ben, paréceme que é un tanto... inxenuo?, irreal?, dar por sentado que, polo feito de ser muller, un policía sexa máis sensible ou teña unha maior empatía.
E non son elucubracións miñas, que conste, se non que falo avalada pola experiencia de cinco anos acompañando a vítimas a denunciar.
A condición feminina non sempre é sinónimo de maior sensibilidade, empatía ou nin sequera complicidade, e de feito, como digo, en Si, hai saída o temos constatado.
É máis, non é a primeira vez que nos atopamos con unha muller policía que semella estar a cuestionar, cando non a culpar a muller que ten diante, e que demostra ter calquera cousa menos a sensibilidade e a paciencia precisas ante situacións tan dolorosas.
A humanidade, a empatía, non é unha cuestión de xénero, e o feito de pertencer ao mesmo sexo non garante ese "feeling" que se presupón, nin unha maior complicidade.
É certo que cando se trata, por exemplo, de denunciar unha agresión sexual, pode resultar menos violento para a vítima que quen recolla esa denuncia sexa unha muller, pero esa afinidade por xénero pode irse ao traste facilmente si a actitude, a receptividade, non resulta ser a adoitada, e estas cousas pasan, guste ou non admitilas.
Como tamén pode suceder que unha vítima, inicialmente reticente cando é atendida por un policía do sexo masculino, se se sinte crida, escoitada e a súa actitude e cálida, se é paciente e non sinte que a agobia ou tenta apurala, esa inicial reticencia remate por desaparecer.
En definitiva, o que conta, o fundamental, é a actitude, algo que sempre semella ser relegado a un lugar secundario.
Din que se avanzou en materia de violencia de xénero, e, certamente, algúns pasos, que non demasiados, se deron, pero ainda, ás alturas do século XXI que estamos, seguimos rexíndonos por teorías e por obviedades, e, as veces, o que semella ser obvio, non o é tanto.
Asociación Si, hai saída.