Tribuna Viva
Lourizán critica con dureza a Ence e á Xunta
Os veciños de Lourizán decláranse fartos de tanto compadreo e tanto trapicheo entre Ence e a Xunta. Consideran que se a prórroga de Ence foi legal e axustada a dereito, a empresa e a Xunta deberían estar tranquilos no referente á decisión dos tribunais. Esa chuvia de millóns para os proxectos da Xunta e para as entidades e asociacións pode verse como un soborno á sociedade e que agocha algo turbio.
Sobre a Xunta de Galicia, os veciños non deixan de mostrarse sorprendidos por como minte sistematicamente sen ningún tipo de pudor. Se fai unhas semanas, o PP a través de Jacobo Moreira aseguraba no Parlamento de Galicia que non había ningunha decisión tomada sobre a ampliación da depuradora, agora anuncian na prensa que contactaron con Ence para asegurarse de que aportarán 15 millóns de euros para a ampliación que tiñan comprometidos.
A plataforma veciñal creouse para opoñerse á ampliación e non para entrar noutros conflitos da parroquia, como o de Ence: "pero se Ence ataca desta maneira á loita veciñal, debe saber que a partir deste momento terá en fronte á veciñanza de Lourizán".
O único que lle piden á compañía pasteira é que deixen de bombardear coa súa propaganda e de dicir que están "comprometidos cos veciños", e que "contribuirá á ampliación por solidaridade cos seus veciños": "está claro que a relación Xunta-Ence ven de lonxe e eles saberán que tratos se traen e como se benefician mutuamente, pero que non usen aos veciños como coartada. Están a faltarnos ao respecto".
Plataforma Veciñal de Lourizán