Marta Rodríguez Engroba
Facer as cousas mal é o de menos, o importante é que non se saiba
Esta semana, no transcurso dunha xuntanza, alguén con competencia directa e un papel algo máis que relevante na atención e asistencia as vítimas de violencia de xénero, cando eu expresei as miñas queixas en canto a falta de empatía coa que non poucas veces se atopan estas cando acoden a denunciar por parte dalgunhas das persoas que as atenden e que poden ter un efecto demoledor e porèn disuasorio para elas, co perigo que isto implica, miroume con cara de pensar , "pero esta tola que demo está a dicir?", para de seguido, explicarme, nun tono que non cualificaría precisamente de amable, que esa empatía que eu pretendo non é posible, porque se non non poderían vivir, xa que levarían os problemas destas mulleres para a súa casa, así que, polo tanto, a distancia debe ser a pauta que marque a relación coa vítima.
Ahí si que a miña expresión debeu ser para vela, tal como me confirmaron algúns dos presentes, porque non sabía que me podía máis, se a incredulidade ou a indignación que sentía medrar dentro de min e que, a duras penas, fun quen de conter, e o esforzo que me vin na obriga de facer para contestarlle con educación foi para nota, teño que recoñecelo.
A miña resposta foi máis ou menos a seguinte.
Se estas son as directrices que se lles da a aqueles que xogan un papel decisivo para que a muller maltratada non desista de denunciar e continúe adiante co proceso que lle permita comezar a vivir sen o medo como compañeiro, non e de estrañar que a violencia machista continúe aumentando, e, porén, o número de vítimas.
Evidentemente, a pouca sensibilidade que se teña, escoitar os desgarradores relatos da maioría das mulleres que pasan por este inferno, conmove e impresiona a calquera (bueno, eso cría, porque visto o visto....!), a nós, en Si, hai saída, as primeiras.
Por suposto, tentamos poñernos na súa pel, algo fundamental para entendelas e que non é doado, certo, pero hai que tentalo.
Supoño que para min é máis sinxelo, xa que, por desgraza, coñezo todas e cada unha das sensacións, dos sentimentos, que, con non pouca dificultade, van relatando.
Mesmo as veces son eu a que me adianto, nun intento de animalas a continuar, preguntándolles se tamén pensaron isto ou si se sentiron de determinado xeito, e resulta impresionante ver o alivio que lles proporciona saberse entendidas, e como lles da folgos para seguir co seu relato.
Obviamente, nin as miñas compañeiras nin eu somos de pedra, e hai historias que nos deixan case sen respiración e que non é doado arrancalas do pensamento, nin do corazón, pero, como seres humanos que somos, entendemos que non podemos pecharnos nese sentimento e que hai que buscar e atopar o momento de desconectar e vivir as nosas vidas, que, como lle recordei a esta persoa tan "sensible", tamén temos.
Non somos un grupo de "iluminadas" que vivamos ao marxe da realidade, dándolle voltas ao mesmo as vintecatro horas do día.
Tamén vivimos, rimos, temos amigos, saímos, etc, etc, etc,. Vamos, o normal.
Agora ben, diso a tratalas como se nos deberan algo, ou, peor aínda, como se as estiveramos culpando a elas da súa desgraza, media un treito considerable.
Isto que estou contando, non sei ao resto da xente, pero a min deume auténticos arrepíos, porque, en primeiro lugar, fixo que me cuestionara de qué vale que as instemos a denunciar, se cando o fan atopan de todo menos comprensión, e, peor ainda, se realmente, ante esta postura, estamos a axudalas cando lles recomendamos facelo, porque corremos o risco evidente de que non soamente se poidan sentir maltratadas de novo, se non de que, efectivamente, o sexan, porque ao feito de non amosar nin unha mínima comprensión pola súa traxedia podemos denominalo eufemísticamente do xeito que queiramos, pero non deixa de ser un maltrato.
Esta persoa esgrimiu, ademais, ante a miña discrepancia, unha razón, dixo, irrefutable: que soamente me queixaba eu, porque ningunha vítima o facía.
Acabáramos!.
De entrada, mal comezamos se quen, me reitero, ten a obriga de protexer e velar pola seguridade destas mulleres, dos seus fillos, non soamente non teñen a mínima capacidade para comprender a súa vulnerabilidade, a anulación que traen as súas costas. Esa indefensión aprendida, da que tanta falan para alardear da súa formación, pero que non se molestan en entender, e que, cando chegan a denunciar, despois, na maioría dos casos, de longuísimos procesos de agresións, de humillacións, sinxelamente non teñen forzas para revelarse contra ese novo maltrato, e menos ainda cando saben que levan todas as de perder porque, outra cousa non, pero a unión, o corporativismo, cando se trata de tapar según e que cousas, non soamente existe, se non que está blindado.
O peor? Que cando nos manifestan a nos, as que tentamos darlles voz, loitar por elas e con elas, o que lles acontece, de nada serve, porque, obviamente, non temos as evidencias que se supón terían que aportar, polo cal e moi doado poñernos pouco menos que de tolas, facer o posible por quitarnos do medio, e seguir instalados nesa comodidade para "protexerse psicolóxicamente", seica, e seguir cobrando, claro está.
Por outra banda, unha vez máis se está a responsabilizar, mesmo a culpar, as propias vítimas.
Son elas, por se non tiveran dabondo co inferno que están a vivir, as que teñen que elevar a voz, e dar a cara cando non son atendidas coa dignidade e coa humanidade á que teñen todo o dereito, e se non o fan, algo lóxico e case inevitable, dadas as súas circunstancias, é moi doado dicir que todo se está a facer moi ben, porque ahí está o seu silencio para demostralo.
O máis desalentador, e o máis arrepiante é como semella que case todo o mundo, mesmo os que, dadas as súas competencias, poderían ser de gran axuda, dan por bos estes deleznables argumentos, e as cousas, obviamente, seguen a facerse do mesmo xeito irresponsable e temerario. Total, non adoita traer consecuencias, porén, soamente hai que ter a precaución de que non se saiba, que non trascenda, e todos contentos.
As vítimas non son un problema, nunca falan, e as que as apoian é doado borralas do mapa.
É o que ten o corporativismo. Arroupa e protexe a quen entra a formar parte do seu círculo, e se alguien ten a dúbida de facelo, ou mesmo se resiste, porque, afortunadamente, tamén hai quen funciona con humanidade, con sentementos, non é dificil augurarlle un futuro se non negro, si gris oscuro, e, máis tarde ou máis cedo, despois dun camiño nada doado, será convidado a marchar.
Conclusións?.
É imposible, e me doe na alma ter que dicilo, loitar contra a violencia de xénero, por unha razón obvia e sinxela. Falla a base, e, o peor de todo, non hai interés algún en arranxar ista eiva, porque o estatus e o peto de moitos está por riba de todo.
É, tan só cuestión de algo moi sinxelo, de tomar unha precaución básica. Se as cousas non se están a facer ben, con asegurarse de que non trascenda, abonda.
Se a sorte xoga unha mala pasada, e a cousa se vai das mans, cun minuto de silencio e a foto de rigor, arranxado.
As vítimas, os seus fillos? Un atranco doado de solventar.
Asociación Si, hai saída