Marta Rodríguez Engroba
E vostede se chama feminista?
A pasada semana, eu, e, porén, Si, hai saída, recibimos o que penso foi, nos case cinco anos que levamos xa de traxectoria, o insulto máis grave que nunca se nos lanzou, e esta gravidade ainda se ve incrementada por proceder de quen procede, xa que vai en clara contradicción co que di defender.
Alguén que, polo visto, se cre con potestade para xulgar,e, por riba de todo, para decidir quen é feminista dabondo e quen non, e secunda a quen se adxudicou hai xa tempo, e a saber a santo de que, o dereito para otorgar ou retirar o carnet de feminista, según se pase ou non polo aro das súas consignas, acusoume, a través dunha rede social, de estar a facerlle, e cito literalmente, "a campaña perfecta a Vox", perdoándome, iso si, un chisquiño a vida, porque se ve que son parva perdida e estou a facelo, según esta autoerixida gurú do feminismo, sen decatarme. Vamos, que non me falta detalle!.
A razón? Moi sinxela, e tamén reflectida na mesma rede social, é unha publicación da que son autora e na que manifestaba que a violencia de xénero existe todos os días do ano, non soamente o 25N e o 8M, algo no que, naturalmente, me reafirmo.
Estas verbas foron o detonante para que esta "señora" se crera con dereito a acusarme de fomentar a violencia de xénero, porque facerlle campaña a Vox sería iso, nin máis nin menos, ou, dito doutro xeito, toda unha oda ao maltratato.
Algo sumamente grave, e que, por suposto, non estamos dispostas a permitir, e digo estamos porque lle lembro a esta "señora" que eu son a cabeza visible de Si, hai saída, certo, pero non a única integrante, tan só unha máis nun equipo formado por estupendos profesionais e mellores persoas que están a facer un traballo impagable, e non soamente de xeito totalmente desinteresado, se non con gran discreción e sen pelexar cada día por saír nos medios de comunicación, e ao carón de quen interesa, e que a nosa loita é xustamente a contraria, axudar as vítimas da violencia machista, algo que levamos anos demostrando, a diferencia de quen non se lle coñece máis traxectoria que poñerse detrás dunha pancarta e saír nas fotos.
O que ainda é para votar máis as mans a cabeza, e que esta persoa forma parte dunha plataforma feminista, que din loitar en prol da igualdade e dos dereitos das mulleres, pero que a día de hoxe, ante unha atrocidade como a expresada pola súa compañeira, non soamente non foron quen de pedir unha sinxela desculpa, se non que parece ser que van "investigar" a existencia do devandito comentario.
Señoras miñas, o escrito, escrito fica, para ben, ou para mal, e resulta, como mínimo indigno, que un colectivo que se autodefine como feminista, é máis, que se cre, como xa dixen, coa potestade para decidir quen é feminista e quen non, que fala de sororidade, de que se nos tocan a unha nos tocan a todas, actúe dun xeito tal.
O certo é que, en Si, hai saída, desde que comezamos a nosa andaina, sempre fumos moi conscientes de que íamos ter que encaixar críticas, e non sempre positivas, naturalmente, pero mesmo as que non nos son favorables resultan, as veces, construtivas, porque, obviamente, non estamos en posesión da verdade absoluta e sabemos, por outra banda, que ainda nos queda moitísimo por aprender. De feito, nunca se remata de aprender.
Isto é algo, por certo, que tamén nos diferencia de quen se cre autoridade e mesmo xuiz, ou, mellor dito, neste casos xuizas, para decidir o que está ben e o que está mal, e quen, segundo elas, pasan o exame de feminista ou o suspenden, sempre, por suposto, segundo as súas variñas de medir.
Hai algo que tamén nos caracteriza a Si, hai saída, o talante positivo, e malia que teño que confesar que unha acusación tan ruín como a que esta señora lanzou causounos un gran disgusto e mesmo debo admitir que algunha bágoa asomou, pasado o impacto inicial, e analizando o sucedido e de quen procede, non puidemos por menos que recoñecer que, por raro que poida soar, hai algo positivo en todo isto.
Quen sabe? tal vez sexa o primeiro chanzo para que, por fin!, comece a saberse a verdade do que hai detrás de certos movementos que se din feministas (e por enésima vez aclaro, NON DE TODOS!) e o enorme dano que poden chegar a facer, e de feito fan.
Por non mencionar o xeito tan atroz co que manchan o auténtico feminismo, o digno, o que é unha continuidade da loita de tantas e tantas mulleres admirables, que deixaron moitas cousas nesa loita, pero que malia iso, a costa de moito sudor e moitas bágoas, foron abrindo camiño e facendo posible que as mulleres acadáramos unhos logros que semellaban ser inalcanzables.
Un camiño que, a día de hoxe, moitas mulleres, moitos movementos, seguen con unha enorme dignidade, pero que outras os enchen de lixo grazas a súa prepotencia e aos seus intereses.
É unha vergoña, unha enorme vergoña, que personaxes da catadura de quen lanza tales barbaridades, integren as filas de movementos que se din feministas ou que mesmo se lles dea representación noutros eidos.
Supoño, eso sí, que se non soamente a admiten, se non que a apoian e fomentan a súa sinrazón é porque a comparten, polo cal, e unha vez máis tiramos de positivismo, nos deixan claro a onde e a quen non hai que achegarse baixo ningún concepto.
E xa para rematar, voume permitir a liberdade de lanzar dúas mensaxes.
A primeira para quen arroupa e alenta a quen insulta. Ás veces, sempre na miña humilde e inexperta opinión, a avaricia, o afán de notoriedade e mesmo a soberbia poden chegar a romper o saco.
De feito, hai moitas probabilidades de que eso suceda.
E a segunda e derradeira, gustaríame dicirlle a señora que me acusou de estar a facerlle a campaña perfecta a Vox, dúas cousas.
A primeira, plantexarlle unha pregunta? Ten vostede o valor, a pouca vergoña, actuando do xeito que o fai, de chamarse feminista?
E a segunda, que, se quere coñecer de verdade a alguén que realmente estea a facer esa campaña a Vox da que vostede me acusa, é moi doado. Non ten máis que coller un espello.
Asociación Si, hai saída