Peque González
Traspasar la ética: intercambio de hijos por derechos
Nos últimos días veño de escoitar, primeiro con cara de asombro e de indignación extrema despois, a proposta do Partido Popular que invita ás mulleres sen papeis a dar ao seu fillo en adopción para evitar a súa expulsión do país.
Hai liñas éticas, baseadas nos Dereitos Humanos e na nosa propia Constitución, que non se poden cruzar nun país democrático. Esta proposta non só cruza, dá un salto enorme cara ao pasado máis escuro do noso país, cando os dereitos humanos non eran nin papel mollado. Indigna que, hoxe en día, representantes políticos dun país democrático poidan aludir sen ningún pudor ao roubo dun fillo a súa nai, ao escravismo das mulleres ou ao intercambio dun fillo por un dereito que xa ten como persoa.
O 8 de marzo deste ano e do anterior, as mulleres protagonizamos as mobilizacións máis importantes deste país dos últimos tempos. Saímos a rúas, xuntas, en defensa dos nosos dereitos, da igualdade e do respecto a ser nós mesmas. Mulleres, identificadas nos mesmos medos, inxustizas e agresións, e irmás na solidariedade, a empatía e a sororidade entre nós. Mulleres altas, baixas, desempregadas, empregadas, nais, fillas, avoas, embarazadas. De aquí e de calquera lugar do mundo.
As mulleres migrantes embarazadas son seres humanos, nin elas nin os seus fillos son mercadoría. Todas as propostas que se formulen nun país democrático, só poden basearse nos dereitos humanos que as asisten. Atentar contra a dignidade humana da muller, migrante ou do país, é atentar contra os nosos dereitos, os de todas.
Non o esquezan señores do Partido Popular, SE NOS TOCAN A UNHA, TÓCANNOS A TODAS!