Marta Rodríguez Engroba
As razóns de 'Si, hai saída'
Cando estas liñas saian a luz ainda estaremos en plena xornada de "resaca" do 8M.
Outra xornada histórica, sen dúbida, na que as mulleres berramos para acadar esa igualdade que non acaba de chegar e demostramos que somos fortes, malia que non sempre, lle pese a quen lle pese, se poida dicir que tamén unidas, polo menos entre bastidores.
Porque en moitas ocasións, en demasiadas, unha cousa é, se me permitides o símil, o que se ve no "front row", de cara a galería, e outra moi diferente o que realmente acontece no "backstage", onde algúns, ou, no caso que nos ocupa, algunhas, créndose a salvo de ollos e oídos indiscretos, deixan ver a súa verdadeira condición e os seus auténticos fins, moi afastados do que proclaman.
En Si,hai saída sabémolo ben, e malia que somos conscientes de que moitas veces, moitísimas, somos criticadas por non unirnos a determinadas accións, por unha sinxela cuestión de coherencia, e temos, a estas alturas, as nosas ideas moi claras, o mesmo que a nosa prioridade, que é axudar as vítimas de violencia de xénero, algo que facemos cada día, hoxe, por unha vez vou tentar explicar, no nome de todo o equipo, as razóns polas que eludimos certas cousas.
Non podemos unirnos a quen, ao referirse ao noso traballo, di que lle "restamos" a loita contra a violencia de xénero, porque fuximos da foto fácil, das declaracións altisonantes, pero baleiras de contido e de verdade, e de disfrazar de implicación o que non é máis que interese para o propio beneficio.
Non podemos apoiar a quen, ante unha situación de violencia de xénero, insta a muller a eludir a denuncia, amparándose en que o sistema non a ampara, votando moitas veces por terra o traballo de meses ou mesmo de anos, e poñéndoa a ela, e tal vez aos seus fillos, nunha situación de perigro certo.
Se o sistema non a ampara, e eso é algo que non se pode negar, haberá que loitar para que eso mude, sin presionala para que tire pola rúa do medio, máxime cando, a partir de ahí, esa rúa vai ter que percorrela soa, xa que traballar para acadar que ese sistema comece a funcionar como cumpre é preciso un traballo longo, difícil, e case nunca gratificante, e eso xa é fariña doutro costal.
Nada comparable, por suposto, ao baño de masas e a morea de fotos que se consigue saíndo a rúa os días D, algo que non é malo, por suposto, pero que, desgrazadamente, non abonda para arranxar tantas e tantas cousas que requiren unha solución inmediata, xa que moitas vidas dependen dela.
Tampouco podemos ofrecer o noso apoio nin a nosa sororidade, un termo fermoso, pero un tanto utilizado a lixeira con demasiada frecuencia, a quen esquece as mulleres que, nunha situación de precariedade, de vulnerabilidade, e por múltiples circunstancias, entre as que pode atoparse, obviamente, a súa propia vontade, non se unen a folga ou a outras accións, sendo censuradas, cando non se lles falta ao respecto.
Menos ainda compartimos a postura de quen politiza este tipo de actos, transformando o que debería ser un exemplo de convivencia, de unión, e no que as cores políticas quedasen totalmente afastadas, nun mítin tinguido de radicalidade e que nada ten que ver coa finalidade que se di perseguir, reivindicar os dereitos das mulleres.
E, por extensión, tampouco queremos saber nada deses persoaxes que, ignorando os dereitos máis elementais de toda persoa, non soamente exclúe, se non que se permite o luxo de descualificar, cando non insultar, a quen non abraza esa cor que elas sosteñen é a única e verdadeira.
Lonxe tamén nos sentimos desas "adalides" que se cren coa potestade de otorgar ou retirar o "carnet feminista" a quen ousa discrepar delas, porque, afortunadamente, as mulleres somos quen de pensar por nos mesmas, de tomar as nosas propias decisións e temos criterio propio, algo do que elas, paradóxicamente, malia proclamar aos catro ventos a súa loita feminista, non semellan decatarse.
E, por suposto, rexeitamos totalmente a quen, unha vez gardadas as cámaras, retirados os micrófonos, e apagados os ecos do día D, volverán, sen dúbida, como cada ano, a súa indiferenza, ao seu pasotismo, pero que habilmente manexados lles fai escalar algún chanzos, pouquiño a pouco, pero con seguridade, ata que unha nova data con sona lles pemita lucirse de novo.
Estas son, entre outras, as razóns de Si, hai saída.
E desde aquí, tamén o noso respecto as moitas persoas, homes e mulleres, que viven estas datas de corazón, que, afortunadamente, haber, hainas.
Asociación Si, hai saída