Marta Rodríguez Engroba
Teito de cristal, igual para todas as mulleres?
Está máis que claro que o meu non son os días D, e menos ainda se teñen que ver coa violencia de xénero ou con toda a problemática e a morea de atrancos cos que as mulleres ainda hoxe, en pleno ano 2019, nos seguimos dando de bruzos, e non por casualidade, se non porque se nos seguen poñendo diante como hai décadas e décadas.
Pasou o 25 N, e xa temos aquí o 8M, outra data que me fai rechiar os dentes, porque, malia que certamente hai xente que nestes días precedentes e ata que a data pasa, realmente se manifesta de corazón e con sinceridade, tentando visibilizar o moito que ainda nos falta as mulleres para acadar esa igualdade real que tan ben non venden pero que non acaba de chegar, tamén existe a outra cara da moeda, por moito que haxa quen se empeñe en negar a evidencia, as oportunistas, e sintoo profundamente, pero neste caso si teño que empregar o feminino, que aproveitan a causa e a data para dar os seus golpes de efecto, ter o seu ansiado momento de gloria, deixarse ver ben, e dedicarse despois a vivir das rendas e o "prestixio" obtidos, porque o certo é que, malia que o seu é puro teatro, hai, por desgraza, quen chega a crer nelas.
A verdade é que, a día de hoxe, teño claro que isto é inevitable, é, porén, procuro relativizalo e vivilo do mellor xeito posible, malia que non me resulte doado, para qué vou mentir.
Pero hai outro aspecto desta data que consigue cabrearme e moito, ademais.
Continuamente nos están a falar dese teito de cristal que as mulleres nos atopamos no eido laboral e que, sen dúbida algunha, existe.
Din que, afortunadamente, estamos a rachalo, e, para demostralo, en case todos os medios de comunicación proliferan as reportaxes, entrevistas, artigos, etc, etc, nas que nos amosan as historias de mulleres que se supón son exemplo desa rotura, e modelos a seguir, faltaba máis.
Son presentadas como auténticas loitadoras (e non digo que non o sexan, ollo!), que despois de librar mil e unha batallas, conseguiron sair vencedoras das mesmas e convertirse en auténticas "superwomen" que concilian a perfección brillantes e maratonianas carreiras profesionais, con unha idílica vida familiar e de parella na que non faltan, por suposto, os fillos e ata un can ou varios aos que coidar, pero que non representan ningún problema ou agobio, porque esas mulleres dan para todo!.
Todo isto, por suposto, nunha casa maravillosa, desas que a inmensa maioría soamente vemos nas revistas de decoración ou nesas entrevistas que as do corazón lles fan as "celebrities"!
Curiosamente, ou igual son cousas miñas, observo que todas esas mulleres as que nos presentan como modelos a seguir adoitan ser desde executivas, pasando por directoras de grandes empresas, ata deseñadoras de moda, por citar tan só algúns exemplos, non faltando tampouco empresarias, e non me estou a referir á que ten unha pequena empresa, se non de enxunlla, con enormes plantillas ao seu cargo, na que todos son felices e cobran ben, e profesionais liberais que un día, din, liaronse a manta a cabeza e decidiron ir por libre, pero en actividades que lles proporcionan xenerosos ingresos e todas elas con un tinte de "glamour".
Por suposto, o seu aspecto é impecable, desde o pelo, ata a roupa, manicura, e demais, e, cando se lles pregunta como o fan, responden, con un gran sorriso que é, sinxelamente, cuestión de organizarse!
Vamos, se me permitides a comparación, e desculpade se soa un tanto frívola, é como cando lles preguntan a esas famosas que, malia o paso dos anos, seguen a estar coma de vinte, cal é o seu segredo para conservarse así e din que durmir oito horas e beber moita auga. Por favor!
Realmente alguien con sentido común pode crer que a inmensa maioría das mulleres nos podemos sentir representadas por tales modelos?
Temos as mesmas oportunidades as mulleres que cada día saímos a rúa a tentar gañar o xusto para sobrevivir, moitas veces para malvivir, facendo auténticos malabarismos para facer fronte aos pagos máis básicos, e non sendo sempre quen de conseguilo?
E a vida a mesma para esas mulleres que contan con axuda nas súas casas, que teñen as súas necesidades, as dos seus fillos, máis que cubertas, xa que gozan dunha economía algo máis que saneada, que poden delegar moitas das súas tarefas, que as que levan as súas costas a responsabilidade de manter unha familia, traballando arreo unha cantidade inxente de horas, case sempre por un salario mísero, tal vez coidar a alguien que dependa delas, e non baixar nunca a garda, porque se elas fallan, o endeble sistema que sosteñen caerá con elas?
E qué dicir desas mulleres do rural, case sempre traballando de sol a sol, coidando da casa, dos maiores, dos fillos e mesmo dos animáis, en tantos casos prisioneiras das súas circunstancias? Tamén elas teñen as mesmas oportunidades?
De que nos están a falar? A que teito de cristal se están a referir? E ese teito igual para todas nos, as mulleres?
Eu o teño claro e a miña resposta é un rotundo NON.
Realmente nos queren convencer de que todas as mulleres temos as mesmas posibilidades?
Obviamente, nada ten que ver a vida das mulleres as que as súas favorables circunstancias, cando non privilexiadas, lles permiten formarse, desenrolar as súas carreiras profesionais, acadar oportunidades para ir escalando chanzos, e todo isto coas súas necesidades e as das súas familias máis que cubertas e sabendo que cando remata a súa xornada laboral, por moi longa que esta sexa, poderán disfrutar deles, sen comenzar unha segunda xornada dentro da casa tanto ou máis ingrata que a laboral, e, por suposto, non remunerada, coa de tantas e tantas mulleres, a maioría, que, como digo, comezan unha segunda xornada cando regresan a súa casa, case sempre esgotadas, mal pagadas, e frustradas, e coa certeza de que, ainda así, cando sinten que xa non poden máis, non chegan a facer fronte a todo.
As primeiras si poden loitar para rachar ese teito de cristal, sen dúbida.
As segundas, entre as que me inclúo, temos dabondo con tentar conservar o teito que máis nos preocupa, aquel debaixo do que vivimos nos e os nosos fillos, algo que case nunca é doado.
O teito de cristal non é igual para todas, e, o peor, se nos, as propias mulleres, non somos quen de entendelo, mal vamos.
Por moito que falemos de sororidade. Sen sentido da realidade, de nada serve.
Asociación Si, hai saída