Teresa Casal
As mulleres donas das súas vidas?
Nos anos setenta e oitenta coñecín de primeira man a historia de moitas mulleres que se viron obrigadas a abortar, insisto obrigadas, porque nunca souben de ningunha muller que se sometese a un trance tan desesperado por gusto, por pracer ou por divertimento. Tampouco que ningunha o fixera con lixeireza ou como si fose o mesmo que ir tomar un café coas amigas. Todos os casos que coñezo, e son bastantes, obedecían a situacións extremas as veces, dolorosas ou delicadas sempre.
Lembro con mais dor a dunha rapaza moi nova que foi forzada por alguén a quen ela quería, no que confiaba, e que lle custou incluso a estancia nun psiquiátrico. Cando súa nai e irmáns déronse conta de que aquela vileza tiña consecuencias, consultárono cos médicos que a levaban e recomendaron un aborto. Pero en España non se podía abortar estaba non só prohibido senón penado con anos de cárcere.. A familia non tiña cartos pero, entre todos e prescindindo dalgunha cousa, conseguiron xuntar o preciso para levala a Londres a unha clínica sonde lle practicaron o aborto. Esta rapaza refixo a súa vida, con intervalos de problemas psíquicos, e nunca tivo fillos.
Outras historias son menos atroces mais igual de dolorosas porque a decisión en si mesma o é.
Unha tiña xa catro fillos e un home que non entendía de tomar precaucións, outras demasiado novas para afrontar un embarazo e sen apoio nin coñecemento por parte da familia, mulleres que non poderían desenvolver a súa vida laboral e profesional porque terían que deixar de estudar para facer fronte a unha responsabilidade non desexada.
Unhas foron a Londres, outras a Porto, outras, nos comezos da democracia, a Valladolid, ou a Coruña.
Outras moitas non tiveron tanta sorte e tiveron que poñerse en mans de carniceiros/as que as desgraciaron ou as mataron.
Son historias pasadas, parecen batalliñas de avoa, vivimos nunha democracia moderna, somos Europa, estamos no século XXI, pero escoitando as novas, as intervencións de certas deputadas, de certos ministros, vemos que non, que hai quen quere voltar a tempos pasados, que misturan crenzas relixiosas, dignas de todo o meu respecto, con leis humanas que teñen que rexer a vida das persoas neste mundo, non nun hipotético outro. Que queren voltar a hipocrisía de tantas "boas e importantes familias" que tiñan os medios precisos para tapar as "faltas", os pecadiños das súas fillas pero condenaban sen o menor reparo as pobriñas que non os tiñan e nalgúns casos, as obrigaban a ter eses fillos cos que logo algúns facían negocio.
Un dos supostos que o Ministro quere eliminar é o de malformación do feto. Este señor parece que non se comunica moito cos seus colegas de Goberno. Non coñece as políticas que están desbaratando as axudas a dependencia? Non ve as novas que cada día nos amosan as situacións de desamparo, de impotencia, de desacougo na que están inmersas as persoas cun alto grado de dependencia? Non ve a angustia dos familiares destas persoas, as que lles están a retirar ou rebaixar as xa non demasiado abondosas subvencións?
Hai maior incoherencia, incongruencia, insensibilidade, crueldade que obrigar a vir ó mundo a seres condenados a ser desgraciados durante toda a súa vida,eles e súa familia? A sabendas, a ciencia e conciencia de que o Goberno vainos deixar desatendidos, sen lles botar unha man sequera? Onde está a ética e a moral destas actitudes?
Porque as mulleres temos que voltar a épocas nas que non se nos consideraba persoas adultas, con personalidade xurídica propia, donas das súas decisións e responsables das mesmas?
Non consigo entender que sexan mulleres deste pais as que apoian esta volta os tempos escuros e denigrantes para elas mesmas. Só se pode explicar dende unha visión egoísta, discriminatoria. Elas non van ter problema, como non o tiveron no pasado. Son outras, as ignorantes, as que non posúen unha situación económica potente, as que "non teñen formación" en verbas desa deputada a que non quero nin nomear, as que seguirán a ser despoxadas dos seus dereitos.
E quería aclarar unha cousa. As mulleres das que falei ó principio, non eran de dereitas nin de esquerdas, eran só mulleres.
10.05.2013