Marta Rodríguez Engroba
Primeiro, agardemos a que nos maten. Despois xa se tomarán medidas... ou non!
O Tribunal Supremo decidirá en Marzo se reabre o expediente contra a xuiza encargada da instrucción do caso de Isabel Fuentes, a muller asasinada no CHOU en Maio do 2015.
Isabel estaba ingresada neste centro hospitalario por mor dunha brutal agresión cun martelo un mes antes, e malia que a Garda Civil sospeitou de Aniceto, o seu home, desde o primeiro momento, o que lle comunicaron a xuiza e mesmo lle pediron pinchar o seu teléfono e restrinxir as visitas ao hospital onde estaba a muller, ela considerou esas sospeitas meras conxecturas e fixo caso omiso dos devanditos requerimentos, polo que non decretou medidas cautelares xa que considerou que non había lugar a unha orde de afastamento, co posterior e tráxico desenlace que todos coñecemos.
Unha vez máis, a vida dunha muller foi segada porque quen tiña a obriga de protexela decidiu que non había perigo, e malia que foi advertida do máis que probable risco optou por ignorar por completo esa prevención que nos venden ata a saciedade pero que case nunca se leva a práctica.
"Non hai probas", "Hai que presentar evidencias". Ese é o mantra que repiten e co que se xustifican os que permiten, coa súa indiferenza e con unha máis que evidente falta de humanidade e da empatía máis elementais que a nos, as mulleres, nos sigan matando.
Porque para estes personaxes totalmente carentes de sensibilidade, as nosas vidas, as vidas das mulleres, son un trámite máis que hai que despachar o máis rápido posible e sen que ocasione máis que as molestias xustas.
Na miña opinión, para esta xuiza non hai excusa nin perdón e, no colmo da inxenuidade, ía dicir que me preguntaba se sería quen de durmir tranquila polas noites, pero é evidente, co seu xeito de proceder, que a conciencia non lle supón un atranco a ter en conta.
Como inxenuamente tamén tiven, por un intre, cando coñecín a posibilidade de que o expediente sexa reaberto, a esperanza de que a xustiza actuara como tal e fixera honor ao seu nome, pero, obviamente, esa é unha quimera desas coas que divago de cando en vez, xa que a resolución do Supremo non concretará ningunha sanción contra a xuiza.
O único que fará será ordenar ao CSPJ, que xa no seu día exonerou a xuiza a reapertura do expediente, e a propia avogada da familia de Isabel Fuentes, a vítima asasinada, recoñeceu que é moi complicado que un xuiz sexa sancionado por unha neglixencia.
Dito doutro xeito, por máis que chegue a demostrarse que se esta xuiza tivera actuado correctamente e ditado unha orde de afastamento cautelarmente, protexendo, porén, a Isabel, posiblemente esta seguiría viva, case con toda probabilidade vai sair impune.
De traca!.
E este é o panorama real co que nos atopamos as mulleres, e particularmente as vítimas de violencia de xénero. Totalmente desolador.
Un panorama que, lonxe de protexernos, como sería o lóxico, semella estar máis do lado do maltratador, do potencial asasino, mesmo cando finalmente consuma o seu crime.
Ás mulleres maltratadas se lles mira con recelo.
O seu inferno sempre é ollado con suspicacia. As sombras da mentira, da dúbida, sempre planean sobre elas, especialmente cando acuden a pedir axuda e denuncian ao seu agresor.
Pola contra, o presunto maltratador, e esa condición, a de presunto, case nunca chega a abandoalo de todo, por moito que esas evidencias que tanto se requiren sexan obvias, semella ser visto case con simpatía, cando non con algo moi semellante a compaixón.
Outro pobre home vítima dunha muller que lle quere arruinar a vida, ou sacarlle os cartos!
E esta tremenda visión non é patrimonio tan só dunha parte da sociedade particularmente machista e deshumanizada, se non que se extende aos eidos onde se supón que esas mulleres que tentan escapar do terror deberían atopar axuda e protección, co evidente perigo que isto implica para elas.
De nada serve o traballo que tentamos facer as persoas que vivimos o seu calvario a diario con elas, un traballo arduo, porque conseguir que unha muller se recoñeza como vítima de violencia de xénero é tal vez a parte máis difícil para comezar a axudala a rachar co seu maltratador, pero non imposible.
Require, insisto, moito traballo, moitas horas de escoitar, de chorar, de tentar facerlles ver o moito que valen, e que non merecen que ninguén as destroce dun xeito tan cruel.
Hai que estar tamén preparadas para as "recaídas", esa volta atrás que, de cando en vez, sucede, porque é moi doado confundir amor con dependencia, e seguir ahí para cando volvan, porque, agás rarísimas excepcións, volverán.
O gran e problema é que, unha vez que se chega a este punto, cada vez resulta máis difícil transmitirlles que confién nas leis, na xustiza, porque, por desgraza, esa confianza que tanto custa conseguir se ve, case sempre, frustrada.
Que as traten coa sensibilidade que a súa condición require, é tarefa case imposible.
Con demasiada frecuencia a violencia de xénero é tratada como outro delito calquera, sen ter en conta que a muller está totalmente rota por dentro, que a incerteza sobre o que vai acontecer coa súa vida a partir dese momento, coas vidas dos seus fillos, como van sobrevivir, unidas ao terror de que, tal vez, cando saian desa comisaría van quedar a mercé dun agresor que ten moitas probabilidades de seguir libre e con unha agresividade ainda maior sabéndose denunciado.
Pasan, de vivir o terror na súa propia casa, a verse expostas a unha especie de ruleta rusa, xa que dependendo de en que mans caiga o seu caso poden sobrevivir ou non.
Porque a humanidade non é un requisito a ter en conta cando se decide quen vai traballar con vítimas de violencia de xénero.
Tampouco a sensibilidade, nin moito menos a empatía, e persoas que teñen nas súas mans vidas alleas, que dependen das súas decisións, como sucedeu coa xuiza M.V. Fernández Viforcos, que decidiu deixar barra libre para matar ao asasino de Isabel Fuentes, non son "rara avis", nin moito menos.
Ainda a día de hoxe, cando en Si, hai saída estamos a piques de cumplir cinco anos traballando con vítimas de violencia de xénero, nos resulta imposible entender como alguien que se supón ten que protexer vidas non opta case nunca pola prevención.
Unha orde de afastamento, e para isto non é preciso ser xuiz, é, sinxelamente, unha cuestión de sentido común,é facilmente reversible se se chega a constatar que non é precisa.
Un asasinato non ten volta atrás.
Isabel Fuentes non foi a primeira, nin por desgraza será a derradeira muller asasinada pola "xustiza", porque as veces, demasiadas, esa "xustiza", ou mellor dito, quen a exerce, son, e sei que soa moi duro e lamento ter que dicilo, asasinos de luva blanca.
Matan sen manchar as mans, pero matan.
Ou como se lle chama, se non, negarlle a alguien a protección máis elemental, e que isto chegue a custarlle a vida? Eu penso que soamente hai un nome posible: asasinato.
Claro que ao mellor non hai intencionalidade, se non unha sinxela cuestión de confusión en canto a orde das medidas a tomar.
Igual, por moi raro que nos parezca, lles temos que ensinar aos xuices que, no que atinxe a violencia de xénero, a orde dos factores si altera o resultado e que primeiro hai que previr, non agardar a que maten e despois tomar medidas, se é que se toman.
A vida é o único que, unha vez arrebatada, non se pode recuperar, pero se ve que esa asignatura non está incluida no programa das súas brillantes carreiras, porque a indiferencia polas vidas alleas non terá nada que ver, digo eu!
Asociación Si, hai saída