Pedro J. Peón Estévez
O avó Torres e o Diane 6 en Santiago
Isto hai que escribilo porque o tema meréceo. Pois foi que fumos Aurelio, Marilí e eu a Santiago a buscar ós sobrinhos Bea, Paola e Jaime que eran nenos e vinhan sós no avión desde Barcelona.
Eu fun porque tinha que conducir porque seica a Aurelio amolábalhe conducir de noite pero tamén quería ir. Tamén foi a filha del, porque non quería quedar atrás, e alá imos co coche medio cheo. A ver onde iamos meter ós nenos…Chegamos a Lavacolla, non se vía un caralho e aparquei onde puiden. Cando chegaron os raparigos, montamos todos os seis no Diane alá como puidemos. Un coche saiu diante nosa coas rodas planas. Aurelio -que non podía estar calado- berroulhe: "Ei, que vas pinchado tí¡" O tipo non oiu ou non quixo e non parou, mentres os taxistas, arremuinhados por alí coma voitres, sorrían socarróns. Moi logo ía eu a saber por que. Cando aínda non saíra do recinto aeroportuario, oín un ruído e parei, " por que paras?" dixo Aurelio con aquel seu perpétuo despiste, "levamos unha roda pinchada" respondinlhe mentres baixaba do carro. Daquela entendín o significado do sorrisinho cínico dos voitres. Polo visto aparcaramos en lugar reservado para eles, tal como fixera o outro víctima que saíu diante nosa. Era a roda dianteira dereita e, cambiala, sería cousa de pòuco tempo. Ou iso pensaba eu, pobre infeliz.
O caso foi que a operación íame levar máis tempo da conta. E explícome: para melhor en tendernos chamarémoslhe A á roda dianteira (a pinchada); a traseira sería B e a de reposto R. Boto man da roda R, a chave e o gato e, antes de levantar, dei un toque a desapafusar ás porcas das dúas rodas. Aurelio dime que a roda de reposto queríaa atrás. Moi ben, levaríame só un par de minutos máis pero…que enganhadinho estaba¡ Meto o gato na parte datrás e comezo a darlhe ó veo…"Que fas ¡?" berrou o Aurelio. A cousa estaba clara: sacar Roda B, meter a R no seu lugar e logo levantar diante, sacar a Roda A e meter a B no seu lugar, pero cometo o fatal erro de lho explicar. A medida que eu falaba, a cara do meu sogro pasou de non entender nada ó máis puro cabreo. Cando remato, díxome visiblemente enfadado: " Xa, pero primeiro terás que sacar a roda pinchada, non?" Eu ía protestar e explicarlho de novo, paso a paso, pero botei de conta que me sairía máis barato seguirlhe a corrente que botar a noite a discutir na saída do aeroporto. O que veu despois foi algo antolóxico; coido que na vida trabalhei tanto. A ver se fago memoria: metín o gato diante, saquei a roda avariada A e puxen a R no seu lugar; gato atrás, sacar roda B e meter roda A no sitio de xeito provisional. Gato adiante, sacar roda R e meter roda B no sitio; gato atrás, sacar Roda A e meter Roda R. E así ficou o asunto tal e como quería o pai da minha mulher, ou sexa: roda R atrás e roda B en diante que eu, oportunista, aproveitado e egoista de min pensaba solventar con dúas sinxelas operacións…" Ai, que sería de ti Sen min¡ " parecía dicirme o velho, cheínho de razón.
Cheguei á casa escaralhadinho pois, non sei se o dixen, Aurelio non me botou triste man nin se decatou xamais na vida da tremenda putada que me fixera a noite aquela en Lavacolla.
Isto aconteceu haberá corenta e algúns anos e non é ningún conto dos meus no que calquera parecido coa realidade sexa pura coincidencia. Non; foi real. Dou fé.