Alexandre Alberte Moreira
Carta autocensurada ao señor Capitalismo
Na vista, de que a pesares dos seus innegables e impagables esforzos, por conquerir un mundo mellor e máis xusto, un máis xusto reparto da riqueza, a desaparición dos "Paraísos Fiscais", a man de obra barata e os salarios de fame no Terceiro Mundo, o saqueo e explotación dos recursos naturais do MUNDO ENTEIRO en beneficio de menos de 1/4 da poboación mundial (meu mérito para nacer baixo a protección do seu paraugas..., cal foi...?), o conquerimento do pleno emprego..., a morte por fame no Sahel e no Corno de Africa, fame que enche nosos agradecidos bandullos..., non me esquezo da morte de máis de un millón de Congolanos, na guerra que consume o nordeste da República Democrática do Congo polo noso consumo desaforado de tecnoloxía, coma teléfonos móbiles, GPS, consolas, MP4 que precisan do Coltán (o 90% da producción mundial extraese do antigo Congo Belga...), para poder funcionar.
Polo exposto anteriormente, e non dubidando da súa boa vontade, por facer un mundo onde vivan só uns poucos ricos, teña a ben considere a posibilidade de someter os probes do mundo, clases medias occidentais incluídas, a un proceso de esterilización masiva..., ("poden pedir referencias o Estado Norteamericano de Indiana que probou con negros e xente de mal vivir, esta técnica ate o ano 1941, en pleno Século XX, antonte coma quen dí...")
Pregolle ter en consideración as miñas receitas, moito máis sociais que as do B.M. e o F.M.I., agardo con impaciencia a súa resposta..., meu amigo Eduardo Galeano cóntame que vostede precisa da probeza e séus probes pra retro-alimentarse..., mais meu amigo e moi roxo...
Un servil improdutivo