Marta Rodríguez Engroba
Mi madriña, en que mans estamos?
Morrendo e aprendendo!
Eu crín que xa tiña visto e escoitado case de todo, e mais ainda no que atinxe ao machismo e as súas tremendas consecuencias, e cando digo case de todo, estou a referirme tamén a certos despropósitos que, as veces, son lanzados desde determinados eidos, din que feministas, que tentan convencernos de que todos os homes son a reencarnación do mesmísmo Satán, e que xa nacen traendo "de serie" ese xen, ou como se lle queira chamar, que os vai conducir, irremediablemente, a maltratarnos.
Obviamente, estas irracionais sentenzas, ademais de absurdas, poden chegar a facer, e, de feito, o fan, moito dano, sobre todo cando se lles inculcan a mulleres que se atopan nunha situación de extrema vulnerabilidade psicolóxica, como é o caso das vítimas da violencia machista, e, malia que se debería facer o posible por eliminalas, ou, polo menos, por reducilas ao máximo, é evidente que se trata dunha batalla, non vou dicir perdida, pero si, desde logo, moi complicada de librar e mais ainda de gañar.
O que xa clama ao ceo, e da, ademais, auténtico pavor, e cando tales insensateces saen da mente e da boca de alguien que ten potestade para manexar os nosos destinos, se non ao cen por cen, si en parcelas nada desdenables. Dito doutro xeito, cando estamos nas mans de alguien que demostra calquera cousa agás un mínimo de sensatez e de sentido común, ademais, con todo o meu respecto, dunha necesidade urxente de axuda psicolóxica, porque é evidente que algo non funciona ben na súa cabeza.
Estou a referirme a Vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, e a "perla" que soltou, referíndose ao fuso horario vixente actualmente , e cuxo rexeitamento sería, según ela "una resistencia al machismo"… De traca!
Deixando aparte os posibles beneficios ou perxuicios que axustarnos a un determinado fuso horario nos poida ocasionar, que haber, hainos, e ese sería outro debate, as razóns, por chamarlles algo, que esgrime esta señora, son, na miña opinión, conste, que xa se sabe que eu teño unha característica que está claro que me define: ir contra corrente, xa non ilóxicas, se non que raian directamente no esperpento.
É certo, como ela dí (que non digan que lle quito a razón en todo!), que as mulleres, de toda a vida, porque isto non é nada novo, dispoñemos de menos tempo libre, e sufrimos mais estrés, algo obvio, xa que asumimos as obrigas profesionais, as tarefas domésticas, coidado dos fillos, etc, etc, etc, algo que, mal que nos pese, malia que cada vez mais homes apostan pola igualdade, e, porén, asumen sen problema que as mulleres non estamos condeadas a aquelo de "esclava che dou", e que ningún dos dous sexos está para servir ao outro, está profundamente arraigado na nosa sociedade, tanto que , polo momento, me temo que non nos quedará outra que ir recollendo os froitos desas pequenas vitorias logradas en multitude de batallas que as mulleres libramos cada día desde tempos inmemoriais e seguir loitando.
Agora ben, pretender que esa loita inclúa mudar o fuso horario como unha consigna feminista, ou peor ainda, culpalo dun machismo rancio que arrastramos desde tempos inmemoriais xa é o colmo, ademais de tomarnos por imbéciles, ou, con perdón, que quen padezca diso sexa quen o propón, porque, francamente, non se me ocorre outra explicación posible.
Tamén lle vou dar a razón en que ser nai, traballadora e cidadana, como ela dí , poida ser unha verdadeira tolemia para as mulleres, e de feito o é para unha gran maioría, pero o vai seguir sendo amanezca a hora que amanezca e se faga de noite a hora que se faga. Mentras non se atalle o problema desde a súa verdadeira raíz, o machismo ancestral co que convivimos, o mesmo da as voltas que lle demos ao reloxo.
O mesmo lle diría a señora Vicepresidenta en canto a súa afirmación de que a atención aos nenos (sempre referíndose aos horarios), non é un problema de calidade, se non de cantidade.
Non sei se esta señora é nai. Eu si. Seguramente cometín moitos erros na crianza do meu fillo. Ainda así, e malia que sempre traballei fora da casa, e que as nosas circunstancias non foron doadas e carecimos de moitísimas cousas, podo asegurarlle que do que nunca tivemos falta foi de agarimo, de diálogo, e dunha relación nai e fillo que penso que ainda hoxe, que, él xa é adulto e ten a súa vida, é evidente.
Posiblemente non dispuxemos de moitas horas, pero podo afirmar rotundamente, ou mellor dito podemos, os dous, nai e fillo, que as poucas que disfrutamos foron de calidade e, desde logo, non peores que outras dedicadas por mulleres que exerceron de nais as vintecatro horas do día, o cal, vaia por diante, é moi respectable.
A conclusión de todo isto, para min é moi sinxela, e a resumiría nunha soa pregunta, a mesma que lle da título a este artigo: Mi madriña, en que mans estamos?.
Asociación Si, hai saída.