Tribuna Viva
Lembrando a Messi
A Messi, gato de rúa, sacrificárono o outro día no veterinario. Non era moi maior, tería catro anos. Aparecera, xunto con outros irmáns nunha casa en ruínas en Juan Bautista Andrade, na esquina coa rúa da Torre, onde xa había máis gatos procedentes de abandonos.
Alí non hai sitio para que coman, así que se lles dá no alto do muro da ruína. Esperaban en ringleira que chegase a súa quenda de comer, cunha tremenda ansiedade pola fame. Había dous laranxiñas igualiños a el, levámolos a esterilizar co orzamento do Concello e desparasitámolos. Un caeu atropelado ó pouco tempo. Hai conductores que non se molestan en pisar o freno cando ven un animal, incluso avisándoos de que teñan coidado. O outro vímolo un día baixando asustadísimo pola estrada, xa non apareceu máis. Como alí sempre houbo gatos, Messi estaba acompañado, era moi berrón, reclamaba a súa ración e comía moito pero non engordaba. Andaba últimamente moito cunha negriña capada á que lle puxeron Lía. Durmían xuntiños nun baixo baleiro. Esta primavera Lía desapareceu, e tamén faltaron outros dous gatos ó mesmo tempo; nesta zona, xa dende Médico Ballina, o veleno é un material de uso frecuente por algún individuo do barrio que o utiliza para desafogar frustracións propias matando animais. Ou é un psicópata. Quén o pillara.
Ante esta serie de abandonos frecuentes, atropelos ,envelenamentos, a policía nin sabe nin contesta e se o fan é para transmitir a mensaxe de que as coidadoras de colonias somos seres parvos que, en vez de facer cousas útiles, matamos o tempo alimentando bichos e protestando por tonterías.
Voltando a Messi, el caeu enfermo hai uns meses, pasou moito tempo ingresado e tivo que regresar á rúa por non atoparen Difusión Felina adoptante para el ó ser un gato con medo á xente. En Pontevedra non hai refuxio para gatos, a Concellería de sanidade animal actual non se lle ve iniciativa de nada en absoluto e ós responsables de que a concelleira estea ocupando ese cargo pese a non facer nada, impórtanlle moi pouco os animais. Ademáis, a Asociación Difusión Felina, non a única, pero a interlocutora principal do Concello, considera que un refuxio suporía un traballo inmenso que non poden facer eles sós, sen ter en conta a enorme capacidade de sacrificio das coidadoras de colonias, que asumiriamos este traballo con tal de non ver morrer ós nosos gatos na rúa.
Messi, o laranxiña que chamaba a atención por estar nos ósos, que chamaba pola xente, apareceu tirado, moi enfermo, o mércores. Difícil para aquel corpiño aguantar o cambio brusco das temperaturas de verán ás invernais de finais de outubro. Non tivo remedio. E a culpa non foi do tempo por moi caprichoso que sexa.
Patricia Barcala Calveiro. Voluntaria no coidado de colonias felinas en Pontevedra.