Tribuna Viva
Sobre alivios e aliviados na Ría de Pontevedra
Un folio en branco é sempre unha oportunidade para contar unha historia, sen máis límites que a imaxinación dos que xogan a xuntar palabras confiando en que alguén decida recollelas e interpretalas. Falamos dun xogo sen taboleiro e sen intermediarios no que tanto escritor como lector conseguen afastarse dos ruídos mundanos para establecer unha conexión entre os seus pensamentos e incluso, sen medo a romanticismos, entre as súas almas.
O simple feito de imaxinar e plasmar unha realidade provoca un sentimento de alivio similar ao de cando un entra no baño medio mareado para, pasando uns poucos minutos, saír cun sorriso de orella a orella por desfacerse dos seus cólicos de barriga e mandalos por un camiño de canos ao banco metropolitano de excrementos situado na praia dos Praceres.
A propia Conselleira da Xunta de Galicia falou mal dos alivios da rede de sumidoiros por onde circulan os alivios de media provincia, industrias incluídas. Un gran alivio para ela descargar toda a responsabilidade no goberno de Lores. Tamén Lores dixo iso de 'Que alivio' e delegou toda a responsabilidade na Xunta de Galicia, no Porto de Marín e no Polígono do Campiño, incluso deixou entrever que Poio e Marín teñen a cara moi dura por pretender seguir aliviando na miña parroquia. Que alivio que o Concello de Pontevedra, onde se sitúa a EDAR, non teña nada que ver nin nada que facer. As veces non sei nin para que están, para nós sería un alivio aliviarnos deles do mesmo xeito que eles se alivian de nós.
María Ramallo tamén respira aliviada, agás porque os alivios que tan ben funcionan da depuradora van aliviar na praia de Portocelo e iso é moi malo para o turismo de Marín. En Poio aliviaron o problema de xeito máis sinxelo, a metade queren aliviar en Sanxenxo, moito máis elegante, e a outra metade alivia en Lourizán. Sempre houbo clases, incluso cando falamos de alivios.
Eu, que reformuleime as letras pero teño unha boa lembranza das matemáticas non deixo de pensar, se cadra para tomar con algo de humor esta canallada, niso de: alivio X alivio X alivio= alivio3. Se isto o traducimos ao idioma da parroquia falamos de metros cúbicos de merda, para os que a mandan un alivio, para os que a recibimos unha condena. Para os da cidade estaría ben explicar que nós cando falamos de merda facemos referencia ao que vós chamades caquita ou popó, e ao que nos despachos, moito máis finos, chaman alivios.
Como isto vai de dereitos, e o dereito a aliviarse é un deles, e eu non vou aliviarme riba do banco marisqueiro que me permitiu existir, alíviome manchando un folio en branco cos meus pensamentos agardando que alguén decida recollelos e interpretalos. E como ata o de agora non imaxinei nada, pois todo é realidade, vou facer un derradeiro esforzo. Por que non recuperamos a praia que había no descampado que deixou o antigo campo de fútbol? Falamos dun recheo inútil do que no seu día foi un criadoiro de anguía excepcional, onde os nosos antepasados gañaron o suficiente para encamiñar o futuro das vindeiras xeracións en tempos nos que a economía era moito máis complicada. Algúns falan de utopía, para min é moito máis utópico, e tamén estúpido, tapiar o mar e o río que circula por debaixo.
Por que non? Iso si que sería un alivio.
Jaime Acuña