Tribuna Viva
Os veciños de Lourizán valoran as declaracións tras a Mesa de saneamento
Os veciños de Lourizán queren valorar e matizar algunhas das declaracións posteriores á reunión da mesa do Saneamento Local da Ría de Pontevedra.
Sobre as palabras da Conselleira, queren recordarlle que non estaban todos os "actores sufridores". Faltaban eles. Lamentan que aínda non tiveran resposta a súa solicitude para entrar a formar parte da mesa do Saneamento e esperan poder estar para a próxima reunión.
Lourizán apoia a mellora da EDAR actual, por unha cuestión de responsabilidade e porque son os primeiros interesados en que a ría esté saneada. E tamén porque esperan que sirva para dar solución aos graves problemas cos que levan convivindo 30 anos. Pero opoñeranse ao proxecto de emisario ao consideralo unha ampliación encuberta.
Os veciños acollen con escepticismo o anuncio de que a ampliación se decidirá no futuro según o criterio dos técnicos, polo que seguiran coa mobilización ata que se descarte definitivamente o proxecto.
Sobre o apuntado polo Conselleira de que entre auga de mar na depuradora, danando os equipos, o que pon de manifesto é que non foi unha boa idea situar a depuradora ao pé do banco marisqueiro. Os veciños supoñen que tamén o decidiron os técnicos. Por iso non entenden ese interese en descargar nestes a responsabilidade dunha decisión que é política.
María Ramallo, na súa liña, non quere oir falar da posibilidade de facer unha depuradora para Marín. É lóxico. Egoísta e insolidario.
Pero lóxico. Asegura que é imposible facer depuradoras en Pontevedra, Marín e Poio. A de Pontevedra xa existe e a de Poio está prevista. Traducido significa que para ela é imposible facer unha depuradora para Marín. Aínda que sexa o común en todos os concellos costeiros das Rías Baixas. Di que xa levan 30 anos usando a depuradora dos Praceres, polo que cre que xa se gañou o dereito a usala para sempre. Non di que a depuradora leva estes 30 anos depurando mal e contaminando a ría, polo que igual este era o momento axeitado para plantexarse un cambio de modelo.
Os veciños agradecen as palabras de Carme da Silva no sentido de que "manterán o acordo unánime da corporación de Pontevedra de que se van opoñer a que se faga a ampliación" e no caso do emisario, de que é incompatible co planeamento urbanístico de Pontevedra.
Critican, pola contra, as palabras de Cesáreo Mosquera, que afirmaba nun medio radiofónico que os veciños de Lourizán están moi politizados, palabras xa escoitadas con anterioridade na voz do alcalde, que consideran un menosprezo e que pretenden desacreditar a un movemento veciñal que se por algo se caracteriza é polo súa heteroxeneidade. "Se alguén está politizado, son eles, que para iso son políticos".
Plataforma Veciñal de Lourizán