Marta Rodríguez Engroba
Cando ao maltrato se lle chama axuda. A trastenda da violencia de xénero
Un alcalde que atopa a "parte positiva" dun asesinato machista pola repercusión mediática que supón para o seu pobo, un xuíz que cualifica de "bicho" e "hija de puta" a unha vítima de violencia de xénero ou a redución de sete anos da condena a un home que asasinou a súa parella porque di o xuíz que "no se deleitó con su muerte", son tan só algúns dos exemplos da realidade coa que as mulleres vítimas da violencia machista se dan de bruzos cando toman a decisión de tentar escapar do seu inferno.
Unha realidade a cal, esas mulleres ás que aconsellamos denunciar, pedir axuda á xustiza, non soamente se enfrontan sentíndose totalmente impotentes, desprotexidas e soas, senón que é o caldo de cultivo perfecto para que desistan do seu propósito, e asinen, en moitos casos, a súa sentenza de morte volvendo co seu maltratador, porque ante o panorama que se lles presenta, é o mal menor.
Sinxelamente terrible.
Unha realidade, ademais, que, agás rarísimas excepcións, como a do alcalde ao que me referín ao comezo e ao que a súa fanfarronería e unha máis que evidente falta da máis elemental sensibilidade lle impiden ter nin a máis mínima prudencia, ocorre entre bambolinas, sen testemuñas, coa connivencia do resto dos actores do elenco e, por suposto, co seu silencio cómplice se algunha irregularidade se fai tan evidente que a vítima ou alguén da súa contorna osa manifestala.
Se isto sucede, case automaticamente, tanto a muller agredida como a quen secunda a súa reclamación non só se lles vai facer caso omiso, senón que se lles vai tachar de tolas, histéricas, e, por suposto, de mentirosas.
Eu, que xunto co resto do equipo que integramos Si, hai saída levamos xa algo máis de catro anos loitando, entre outras cousas, para que a estas mulleres se lles trate co respecto e a dignidade que merecen, sinto que se me abren as carnes cada vez que escoito a moitas destas persoas, as mesmas que descalifican, desprotexen e mesmo insultan as vítimas , condear, na primeira plana da galería, protagonizando unha perfecta posta en escena, os asasinatos machistas e aos seus executores, e non escollo o termo executores ao azar, senón porque me pregunto, acaso pensan que eles son moi diferentes do que acoitelou, disparou ou golpeou ata matar? E que se cren mellores? Como califican o seu comportamento?
E que dicir daqueles que se supón están para impartir xustiza e protexer as mulleres que sinten, e con razón, que a súa vida, e tal vez a das súas crianzas penden dun fío e que, como no caso que esta semana saltou aos medios, e ao que me refiro ao comezo, insultan e condean a vítima, insultos e condeas que, por norma xeral, quedan no segredo máis absoluto, e, porén, impunes?.
Como se pode pretender que ningunha de nos confíe na lei, na xustiza e requiramos a súa axuda? En que mans estamos?
Pero o que máis me alporiza, e me afunde, todo hai que dicilo, e que, neste pais noso, que di loitar para erradicar a violencia machista, semella que ninguén reacciona agás a golpe de titular e ante casos con sona mediática, principalmente se a persoa implicada é alguén coñecido ou famoso.
O xuíz que insultou a unha muller maltratada créndose a salvo de olladas e oidos indiscretos tivo mala sorte, porque ademais de ser sorprendido co carro do xeado, atopou con alguén coñecido e con recursos, o que, ademais de proporcionarlle apoio mediático, lle permite contratar os servizos dunha letrada de todos coñecida polos seus casos nos que se encarga da defensa de famosos e persoaxes da "farándula" e habitual dos platós televisivos.
Pero, que pasa coas mulleres anónimas,como somos a inmensa maioría, que non dispoñemos de medios, ante situacións similares?
Porque actuacións tan abominables non se dan sempre, por suposto, pero tampouco este é o único caso. De feito, son frecuentes en calquera dos eidos aos que as mulleres maltratadas nos vemos na necesidade de acudir se denunciamos a nosa situación.
Quen nos defende? Quen fai pública a nosa humillación, o novo maltrato ao que somos sometidas?
Para nós non hai titulares, nin campañas mediáticas.
Tampouco avogados famosos dispostos a dar a cara por nos, porque nin temos os medios económicos precisos para pagar unha avultada minuta, nin a nosa defensa lles vai proporcionar titulares nin cadeiras nos platós.
Teño que recoñecer que a desesperanza máis absoluta se vai apoderando cada vez máis do meu ánimo, pero non porque acontecementos así se coñezan. Hai moito tempo que iso deixou de sorprenderme, pero non de facerme sentir impotente e furiosa, moi furiosa, porque eu non son a única consciente de tales desprezables actuacións, se non porque vexo que a ninguén lle interesa rematar con elas. Que é infinitamente máis cómodo ollar a outro lado, e máis rendible, porque, no fondo, diso se trata, de facer negocio, e a violencia de xénero é un negocio moi lucrativo para moitos.
Hai que calar a quen deixa en evidencia non soamente as eivas, senón as auténticas aberracións, que máis a miudo do que podemos chegar a imaxinar, se cometen nesa presunta axuda que se lles presta as vítimas. Non se pode permitir que se visibilice o que todos coñecemos, porque, xa se sabe, a xente "de ben", a que ten peso social, político, apoiase incondicionalmente, porque non poden poñer en perigo, baixo ningún concepto, o seu prestixio, os seus despachos, as súas cadeiras e unhos petos ben cheos de xeito vitalicio.
Que sexa a costa das vidas de tantas mulleres, das súas crianzas, é algo secundario. Non importa.
O único que hai que facer é asegurarse de que non se note, que non trascenda, e todo arranxado.
Agochalo na trastenda é a solución.
Asociación Si, hai saída